Ernesto Vázquez-Rey Farto
Se quere investigue, cando a nosa axenda o permita
A pandemia da COVID-19 provocou en nós unha sorte de medo reverencial ao descoñecido, científicamente falando, pero unha vez pasada a pandemia volvimos aos traballos, ás escolas, ás praias e ás festas e festivais, espallados novamente por todo o país, con total normalidade.
Os Arquivos e as Bibliotecas, que funcionaran naquela altura a través da cita previa, volveron abrir. Todos agás no Museo de Pontevedra.
Alí, un pequeno grupo atrincheirado impón a cita previa obrigatoria, como única forma de acceso, aínda que non haxa norma que os ampare. Están orgullosos de deixar pasar a contagotas a un público inexistente nunha Sala de Investigación baleira.
Escoitamos sempre: "Temos un dos mellores Museos!". Que dúbida cabe? Pero con el tamén temos unha das mellores coleccións documentais, gráficas e bibliográficas que non se poden consultar libremente, como antes, como debe ser.
A pandemia impuxo sistemas e rutinas que, á hora da organización dos servizos públicos, poden axudar -caso da reserva de cita-. Mais, para a investigación é preciso ter un acceso áxil á inmensa fonte de saber que nos ofrecen o Arquivo e a Biblioteca do Museo de Pontevedra.
Necesitamos poder estudar os fondos cando a conciliación coa vida -especialmente laboral- nolo permita, porque doutro xeito estamos abocados ao fracaso.
Ao fracaso como autores, como investigadores ou -simplemente- como persoas curiosas. Pero, sobre todo, a institución está abocada ao fracaso, cando deriva a repositorios virtuais o que ás veces é preciso contrastar en papel e á vista.
Hai un ano, en Praga, o Consello Internacional dos Museos aprobou a definición de Museo como unha "institución sen ánimo de lucro, permanente e ao servizo da sociedade, que investiga, colecciona, conserva, interpreta e exhibe patrimonio material e inmaterial. Abertos ao público, accesibles e inclusivos, os museos fomentan a diversidade e a sostibilidade. Coa participación das comunidades, os museos operan e comunican ética e profesionalmente, ofrecendo experiencias variadas para a educación, o disfrute, a reflexión e o intercambio de coñecementos".
Parece razoable, xa que logo, que o Museo de Pontevedra abra de novo as portas da Sala de Investigación a toda persoa que desexe saber.
Parece razoable que se amplíe o horario tamén pola tarde, cando a xente pode conciliar o exercicio da investigación ou a lectura co seu traballo, como fan outras institucións da contorna.
Existe un déficit de persoal para a Sala de Investigación do Museo? Non hai vontade política de que este servizo público funcione? Ten ao respecto opinión ou criterio a Dirección do Museo?
Só son preguntas que envolven un problema evidente. Corresponderá a José Manuel Rey e a Rafa Domínguez analizar a situación e, no seu caso, darlle unha solución. Ou non, que tamén é unha forma de facer.
O que sí sabemos certo é que manter o sistema de cita previa obrigatoria como único posible lánzanos unha dura mensaxe: "Se quere investigue, cando a nosa axenda o permita".