![Tribuna Viva](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DE1AC_/_Il61oA_/507fb1371c940-ferreriatratada00.jpg)
Tribuna Viva
Comezo das obras no IES Valle Inclán
Dende a ANPA quixeramos trasladar a toda a comunidade educativa que finalmente comezaron as obras previstas no centro IES Valle Inclán, desta vez, o compromiso adquirido polo Xefe Territorial de Educación César Pérez, si foi efectivo, segundo a información que o pasado mércores se nos trasladou no propio centro.
Esperamos que con este comezo se intenten cumprir os prazos establecidos para tratar de evitar a convivencia de obras e alumnos nos mesmos espazos no inicio do curso, e que non se quede nun simple comezo para calmar as inquedanzas da comunidade educativa.
Confiamos no bo facer da Empresa Ramírez e entendemos que procurará os medios necesarios para que eses prazos poidan cumprirse, ainda que somos conscientes da dificultade das obras e que xurdirán contratempos, pero haberá que intentar cumprilos.
Agora é o momento de intentar ir todos a unha, deixar facer e que a información importante chegue a todas as partes en tempo e forma para evitar ter que atoparnos con manifestacións de protestas como a acontecida o pasado xoves.
Seguimos pendentes de coñecer o sistema final das aulas provisionais e a zona de ximnasia para os alumnos, pero entendemos que son temas que se están tratando e que en breve terán unha solución, ou iso esperamos.
Pedimos que a colaboración do Concello, na parte que lles corresponda, vaia enfocada a darlle unha celeridade especial aos procesos de permisos e autorizacións relacionados con esta obra para deste xeito tratar de non demorar máis os prazos, do que a propia obra de por sí vai seguramente a demorar. Esperamos que esta colaboración non quede só en verbas.
Agradecer a toda a xente que se personou na concentración silenciosa do outro día diante do centro, e recalcarlles que isto vai ser unha carreira de fondo e que haberá que seguir vixiantes para tratar de que as obras afecten na menor medida posible o sistema docente e os alumnos.
Un saúdo e grazas.
O Presidente da ANPA IES Valle Inclán Pontevedra
Rubén Saavedra Cuiña