Antón Roel Villanueva
Imos voar sobre o niño do cuco
Xuño é o tempo cando maduran as cereixas e tamén o da anual Marcha contra Celulosas cando imos cos da APDR, unha illa no medio do mar.
Non me gusta o lema da marcha. Nin eu nin moitos dos que imos nesa marcha temos nada en contra das Celulosas, si contra a súa localización.
Imos no amencer da mañá aínda co aroma do fume das fogueiras e a frescura despois de lavarnos cas sete herbas de San Xoán.
Non imos, por suposto, contra os traballadores que loxicamente defenden o seu posto de traballo. Imos con novos folgos logo de que a decisión do Tribunal Supremo avalase a concesión da prórroga a Ence en contra da maioría da poboación que a sofre e fronte a decisión da Audiencia de anulala.
Non se entende que pola Lei de Costas teñan que desmantelar empresas que levan moito tempo instaladas como as que se atopan na Xunqueira de Alba, e que pequenas empresas familiares que levan toda a vida á beira das costas sen contaminar e sen que produzan rexeitamento pola poboación teñan que trasladarse a Polígonos Industriais creados para retirar industrias e pequenas empresas das poboacións ou de lugares protexidos e de valor ecolóxico e, o mais abraiante, casas familiares de xente pobre, que se levantaron con moito esforzo e sacrificio, derrúbanas mentres unha multinacional como Ence fai o que quere.
Iso si, co aval do Tribunal Supremo desde Madrid. En contra da Fiscalía e do Goberno Municipal que coñece a realidade da comarca e que trata de facer o mellor para os veciños que para iso os votaron, postura que é de encomiar pois outro goberno se lavaría as mans despois da decisión dos xuíces.
Os veciños de Lourizán e Praceres teñen o mesmo dereito a ter unha praia e un parque para o lecer semellante aos que van ter os veciños da contorna da Xunqueira de Alba.
Ninguén está en contra das empresas que crean riqueza e postos de traballo, pero nos lugares idóneos.
A todos os traballadores gustaríanos ter un bo posto de traballo ao noso lado, pero sen prexudicar a maioría, que leva vivindo na contorna moito antes.
Os traballadores non podemos escoller o lugar do traballo. Témonos que conformar con telo, temos que loitar para que a empresa co traslado manteña os postos de traballo.
Todos e todas sabemos que as multinacionais só ven o seu interese e non dubidan en enfrontarnos entre nós, se é preciso, para conseguilo.
A eles só lles interesa gañar diñeiro e cando non o conseguen non dubidan en ameazarnos co peche e poñernos na rúa.
A pesar de todos os atrancos xudiciais e tempestades de sal aínda seguimos aquí coas mobilizacións, mentres teñamos alento e un anaco de esperanza non nos imos render.
Debémolo a todos e todas os que quedaron no camiño, toda unha xeración de xente que loitou por ter unha ría limpa, sen industrias contaminantes que destrúen riqueza e estragan a paisaxe.
Aínda que agora Ence non contamina tanto, non é escusa para permanecer nese lugar, se se obrigou a trasladar a outras que non contaminaban e derrubaron casiñas familiares.
A empresa tiña que decatarse do rexeitamento que provoca na poboación e buscar outro sitio idóneo, ten bastantes máis medios para facelo que unha familia á que lle derrubaron o seu fogar ou unha pequena empresa.
Vémonos o domingo na marcha.
Que as novas xeracións saiban que tentamos facer todo o posible para deixarlles unha ría máis limpa, sen contaminación, nun amencer de esperanza. Imos recuperar un paraíso de argazo e sal.