Tribuna Viva
Oferta de prazas á categoría de educador na Xunta de Galicia
A Xunta ven de facer unha proposta de oferta de prazas para os aspirantes aprobados na categoría de Educador que é escasa, ofertando o mesmo número de prazas que de aprobados, que é inxusta porque hai multitude de prazas que non se ofertan e que están cubertas de xeito temporal por persoal interino ou funcionarios en comisión de servizos, facendo que o persoal teña que renunciar a prazas por non poder desprazarse a outras localidades por conciliar a súa vida familiar.
A Lei obriga a sacar todas as prazas vacantes (cubertas por interinidades ou comisións de servizo ou sen cubrir) no primeiro concurso que se realice e isto é o que hai neste intre, un concurso para a provisión de destino ao persoal aprobado na categoría de Educador.
A Xunta está a mercadear con determinadas prazas e mantén neses destinos a persoas do seu interese a pesares da súa cobertura temporal mediante interinidades ou comisións de servizo. É máis, está a sacar novas comisións de servizo, como por exemplo dúas prazas de educadores na Xefatura Territorial de Vigo, que dende o ano 2019 están vacantes e tratándose de traballar con menores o que precisan é estabilidade no posto e non estar cambiando cada pouco tempo de profesionais.
Estas prazas deben de ofertarse aos aspirantes aprobados de xeito que a súa cobertura sería máis estable porque non serían removidos do posto ata a celebración dun concurso de traslados mentres que a comisión de servizo ten unha duración máxima e prorrogada de dous anos.
A Xunta actúa con total desprezo á normativa vixente e trata de blindar a persoal temporal en determinados destinos vulnerando os principios básicos de igualdade, mérito e capacidade.
Insto aos órganos políticos da Xunta de Galicia a tomar en consideración as alegacións que se están a presentar contra esa proposta de oferta por resultar un desprezo absoluto cara o respecto á legalidade.
Asdo. María del Carmen Lareo Rodríguez.