Andrés Núñez Rajoy
Análise preelectoral, teoría e práctica de Maquiavelo a Sun Tzu
Cando estaba escribindo sobre as eleccións municipais e autonómicas córtanme a inspiración ca convocatoria de eleccións ao Parlamento Español o 23 de xullo. Home, iso non se fai. Así non se pode. Fixen o mesmo xesto que converteu en viral a Angels Barceló. Por riba este artigo vai saír publicado o primeiro luns de xuño co que non sei que pode acontecer de aquí para alí. Vou comezar polo último e, como di a Biblia, no próximo escrito falarei da municipais.
Estamos vendo nos distintos medios de comunicación opinións de mentes "moi claras”, que o domingo pola noite dixeron unha cousa, e o luns pola mañá a contraria. Iso é reciclaxe e non a do plástico. Analizar o que pasou nas votacións do día 28 a beneficio de inventario é fácil, moi fácil. Os prognósticos non se reflectiron, nin no mellor deles para os gañadores que ficaron sorprendidos de semellante éxito. Máis á miña vista, coma no Romance de Abenámar, grandes sinais había, o mar estaba en calma mais a lúa non estaba crecida, estaba en minguante e cos sinais comeza a historia. Imos ver.
Desde a casa, é dicir desde a coalición de investidura e dende o propio PSOE, a Pedro Sánchez foron aplicándolle a teoría que Niccolò di Bernardo dei Machiavelli, en adiante Maquiavelo, que en "O Príncipe” escribiu: "o león non pode protexerse das trampas e o raposo non pode defenderse dos lobos. Por iso un debe ser un raposo para recoñecer trampas e un león para asustar aos lobos”. Polo que se ve non foi nin león nin lobo
Así, o enroque, ou defensa siciliana que neste caso tamén vale, da ministra de Igualdade a causa da modificación da lei do "si é só si”. As opinións da súa secretaria de Estado, de sobrada fachenda, meténdose nunha lameira un día si e outro tamén. Nos derradeiros meses unha parte do grupo de Unidas Podemos viña facendo arreo oposición dentro do goberno. Moitos socialistas preguntábanse porque non cesaba a esas dúas ministras. A vida dos pactos é dura, e a súa servidume tamén.
Como xa teño dito noutros escritos, aquí vívese en permanente campaña. Cando no horizonte electoral se vía que ía haber eleccións municipais antes do verán do 2022 houbo socios (da investidura) que tamén foron dando golpes na liña de flotación. No podemos esquecer a Reforma Laboral, a lei mordaza, e varios golpes de cando en vez para marcar territorio e que puxeron moitas leis en perigo.
Como xa eran poucos de cando en vez aparecía o "lume amigo”. Felipe González, Alfonso Guerra, José Bono, García Page e Lambán, entre outros non lle deron nin os cen días de cortesía que si lle deron aos seus adversarios. Nin con Cataluña, nin ca Memoria histórica, nin ca reforma do Código Civil, nin con tantas cousas que podíamos contar aquí deixaron de darlle "caña” a Pedro Sánchez. Non lle perdoan que lle gañara as primarias á favorita do reino, Susana Díaz. Mentras escribo este artigo (martes 30 de xuño) estou escoitando na Cadena Ser a Madina poñendo a caer dunha burra todo o feito por este goberno, non para de criticar a Pedro Sánchez. Que malo é o rancor, Madina perdeu dúas veces contra el. Unha das cousas que desde fai moitos anos e non dou comprendido é a Escola Bono. A escola creada por Bono ten a teoría de que determinado grupo de españois, nomeadamente os habitantes das dúas Castelas, os de Aragón, os da Rioxa, os de Cantabria e os de Murcia son máis conservadores que no resto de España, por iso hai políticas de "esquerda” e determinadas opinións que hai que facer con coidado. Eu non sei se iso é Escola Bono ou marcar perfil propio cando non gustas do xefe, mais as opinións que estes persoeiros deron axuda a todos agás ao PSOE, vamos que botaban gasolina ao lume. Esta Escola Bono trata aos seus votantes coma ignorantes. O "iluminado” pensa por eles.
Todo foi minando a unha militancia e votantes socialistas que xa viñan un pouco cansos, pero non podemos esquecer a política feita polo PP. Parece mentira que tanto Pedro Sánchez coma o seu núcleo duro non se decataran. Que agardaban?. Un paseo pola boa xestión feita?. Non, iso non pasou porque esqueceron que o PP, seguindo a Maquiavelo aplicaba a teoría máis coñecida do italiano: "A fin xustifica os medios”.
Dende os primeiros anos da pinza de Aznar, o PP ven usando o terrorismo coma arma electoral. Hai xente que pensa que só mataron a xente do PP. Non, non é certo mataron a militantes do PSOE, de UPN, de UCD e tamén do PP. Pero iso é igual. Xa hai anos que non existe ETA, pero é igual. Como pon o debuxante Peridis raca-raca. E nesta trampa caeu o PSOE, todo o PSOE. Por riba os da Escola Bono teorizando e marcado territorio. O PSOE non caeu na conta que estaban estatalizando as eleccións, querían que a campaña fose España, non sobre os concellos e autonomías. Ayusismo puro e duro. Si a isto lle xuntamos todo o lío do voto por correo. Xa está. Traballo feito. Un bo éxito do PP sen arriscar nada, nin debullar ningún programa, contando co voto que ía recuperar de Ciudadanos. Campaña redonda para o PP, poden estar orgullosos.
Convocatoria de eleccións. Vaia por diante que non son votante do PSOE, e non penso votalo nas próximas eleccións, mais intento ser coherente e reflexionar co que fan as persoas políticas. Así me manifestei defendendo a Zapatero, que para min foi o iniciador da maioría das políticas sociais e de igualdade deste país, por iso os que levan a bandeiriña no pulso o inxurian tanto. Pois con Pedro Sánchez pásame unha cousa parecida. Teño que recoñecer que mantivo un goberno catro anos, con orzamentos aprobados en tempo e forma, e o mellor de todo impulsou leis vangardistas, forzado dirán algúns, aínda así, impulsou que é o que interesa ao final. Tamén conseguiu recoñecemento internacional para España. Para min esta convocatoria é un acto de valentía. Diante dos críticos tanto dentro coma fora é un acto de redención de contas. Seguro que a Escola Bono estaba facendo coitelos cun curso da serie "Forjado a fuego”, dándolle ao barquín Felipe González e petando na bigornia García Page. Xa non teñen que dicir. Caladiños, polo menos ata 23 de xullo.
Volvemos a Maquiavelo. Pedro Sánchez seguro que é un bo lector de O Príncipe e aplica a súa teoría: "Nada grandioso se conseguiu sen perigo”. Pero tamén é boa a teoría de Sun Tzu, que no seu libro A Arte da Guerra dinos: "Cando te atopes nun terreo pechado, prepara algunha estratexia e móvete. Cando te atopes nun terreo mortal, loita”. Isto é o que fixo coa convocatoria de eleccións: redención de contas e que falen os votos.
Pode saír ben ou pode saír mal. Xa veremos. A min lémbrame un historia que contaban en Compostela dunha reunión entre o cardeal Quiroga Palacios e o ditador Franco. Ía celebrarse o Ano Xacobeo e Quiroga Palacios díxolle a Franco que o Papa Paulo VI ía vir a Santiago. Como este Papa tiña un avión grande facía falta aumentar a pista do aeroporto. Contoullo a Franco e a resposta deste foi: "¿Y si no viene?”. E Quiroga Palacios díxolle: "¿Y si viene?” Ao final o aeroporto ampliouse mais Paulo VI non veu. Pois isto é o que pode pasar nestas eleccións e cada un que interprete a anécdota como guste.
Claro que todo isto pasa tamén por unha unidade da esquerda, non so polo PSOE. Na dereita non hai problema polo que se ve. Xogaran un pouco ao gato e o rato pero ao final acordaran. Na parte esquerda xógase máis tal e como vexo eu as cousas no día de hoxe, e por moito que diga Yolanda Díaz no vexo que Podemos se integre en Sumar. Son moitos egos en choque. E o máis importante que noto é que nin os de Sumar queren aos de Podemos e viceversa. Si Podemos ao final se integrara o problema sería a confección das listas. Si, ese é o problema. Quen quere a xente queimada nas listas? Quen quere apoiar, ou arriscar, unha lista na que en posto de saída vaia Irene Montero ou Ione Belarra? Os de Sumar non queren, seguro. Por agora non lles deu tempo a configurarse coma partido. Teñen pouco tempo para que ter claro o que queren. Si o que queren e volver a facer outro goberno como que hai ata agora (coas correccións necesarias) ten que saber onde e como presentarse. Non hai que ser "macho do condado” e presentarse en todos os sitios. Sería bo, para a esquerda e para a democracia, que onde hai unha esquerda consolidada e os de Sumar son irrelevantes deixaran que a lista fose esa. Explícome, sería bo que na Comunidade Valenciana se presentase só unha lista de Compromís. Que en Galicia se presentase unha lista só do BNG. Que firmaran os acordos que foran necesarios, que os cabezas de lista provinciais foran os deses partidos e logo negociar os segundo e terceiros. Sería bo porque en caso de sacar varios deputados poderían facer grupo parlamentario. A min gustaríame ver ao BNG comprometido na gobernabilidade do estado. Pode soar raro mais non é utópico. Está claro que entramos na dinámica de bloques: dereita e esquerda. O da dereita está claro. O da esquerda está por ver. Si se quere manter un goberno de progreso non lles queda máis remedio que ser xenerosos e deixar os egos e os machos alfa nun caixón. Aínda así veremos. O vicio da dereita é a hipocrisía. O vicio da esquerda é a melancolía e poñer moitos puntos, moitas comas para fomentar a división. O 23 de xullo no día de santa Bríxida, patroa de Europa, saberemos as repostas. Para a próxima semana Galicia sitio distinto.