Dani Antelo
A comunicación é liderado
Atrás quedan as vellas maneiras de facer política cómoda entre viño e viño ou puro acendido no medio dos plenos da Deputación Provincial. Joder, as ganas que entraban de sacar un Chester!; deses do paquete esmagado contra a cinta extra de DV, que levabas no peto traseiro do pantalón. A ti tocábache aguantar o "monillo", mentras algún representante de esquerdas fumaba nun Farias, sentado na poltrona e cobrando por unhas horas tres veces máis do que ti cobrabas por facer unha cobertura a xornada completa. Non quedaba outra.
Sen importar as anécdotas locais dun videografista, o esforzo da oposición do Concello de Marín nestas eleccións, ó igual que nas anteriores, non foi suficiente para destronar a unha alcaldía cunha estratexia de comunicación e márketing feita a medida. Os equipos municipais das diferentes ideoloxías políticas débense valer de ferramentas, así como dunha planificación de cara a facer campaña política efectiva. É unha pena que tendo un programa tan bo, o PSOE de Marín non tivera desenvolvido os canais e formatos de comunicación de maneira máis acertada. Os resultados están ahí.
Pola contra, o BNG si soubo adaptar o seu programa ás redes. Cun equipo que incorporaba caras novas, a súa estratexia, aínda que con recursos moi humildes, concedeu ós nacionalistas os mellores resultados desde o 2007, converténdonse na forza municipal que máis medrou en Marín. Dacordo, rascou os votos da Marea, pero a ese votante de esquerdas hai que convencelo tamén con bos argumentos. De novo, a comunicación xoga un rol moi importante aquí.
Temos a escasos 10 kilómetros, unha fantástica Facultade de Ciencias da Comunicación na cal un pode asistir a unha ampla variedade de cursos e seminarios sobre audiovisual e publicidade, pero tamén sobre como exercer unha boa comunicación institucional. As ferramentas das que dispoñemos hoxe en día, permiten realizar campañas na web moi directas a uns custos moi asumibles, algo a ter en conta para calquera grupo político de traballo local.
Case todos e todas as marinenses tiñamos o presentimento de que os resultados destas eleccións municipais serían algo parecido ós resultados do 2019. Unha nova vitoria por maioría absotula de María Ramallo sobre unha oposición que non logra chegar ó conxunto da veciñanza coa súa mensaxe. O liderado en política o é todo, e se este vai acompañado dunha boa comunicación, tes moita parte da batalla gañada. Xa podes ter o mellor programa do mundo e as mellores intencións, pero como facer para que a túa mensaxe convenza? O dominio de Ramallo sobre o Concello de Marín é total. Pode picar moito, pero a política do "brilli, brilli verbenero" enamora. Unha foto retocada por aquí, outra por alá, e a comitiva do "Bienvenido Mister Marshall" consegue os "likes" suficientes para encher o ego do goberno municipal. E isto faino a diario!
Do debate político que miramos na cadea Rías Baixas, unha vez máis, se facemos unha análise sobre o manexo da comunicación, dende logo María foi a que mellor estivo, mantendo a compostura e sorteando con seguridade os temas sociais que tanto lle incomodan ó Partido Popular. Que bo que por fin teñamos unha oposición que centre o atizar nos asuntos que requiren dunha intervención urxente no noso Concello: vivenda, despoboamento, plan urbanístico, asistencia sanitaria, xestión do espazo público, sostenibilidade, cultura local, emprego, etc.
Por diante quedan 4 anos para que os equipos municipais volvan proxectar as súas campañas políticas. De seguro que para entón, todas elas terán elaborada unha estratexia de comunicación que faga chegar os seu programa electoral de maneira máis práctica, centrando a atención dos veciños no que de verdade importa. Benvenuti nell’era della comunicazione politica 3.0 .