Andrés Núñez Rajoy
Xa estamos en campaña, ou é que nunca deixamos de estar?
Xa van uns días dende que comezou a campaña electoral (legal) ás eleccións municipais. Si, municipais. Nós estamos nunha das autonomías do Reino de España nas que non coinciden as eleccións municipais cas eleccións do parlamento autonómico. Algunha vantaxe tiña que ter o ser históricos.
Sei que as cousas cambiaron moito dende as miñas primeiras eleccións municipais o 3 de abril de 1979. Había máis entendemento entre os partidos, tanto na dereita como na esquerda, e tamén entre eles sen tanta polarización. Lémbrome da elección dalgúns alcaldes que logo deixaron pegada propia. Eu colaboraba con Unidade Galega. Nestas eleccións o PSOE obtivera máis votos que Unidade Galega tanto na Coruña coma en Vigo, quería as dúas alcaldías. Unidade Galega apostou forte no chamado Pacto do Hostal e o PSOE deixou que A Coruña tivese o primeiro alcalde nacionalista na figura de Domingos Merino e en troques o PSOE quedaría coa alcaldía de Vigo facendo alcalde ao "compañeiro" Soto, a de Ferrol con Jaime Quintanilla e outros concellos máis pequenos. Estas negociacións transcenderon alén Pedrafita. Tanto o Partido Comunista de España como a Partido Andalucista querían saber como fixéramos. O teléfono do local na rúa da Costa de Santo Domingo, a carón da Praza Roxa, en Santiago, non paraba de soar, unhas veces era Santiago Carrillo, outras Alejando Rojas-Marcos que querían falar con Camilo Nogueira para que lle explicara como chegamos a ese acordo. Destas conversas tamén saíron dous alcaldes que logo foron moi coñecidos, por unha beira Julio Anguita como alcalde de Córdoba e por outra Pedro Pacheco como alcalde de Jerez de la Frontera. Na dereita os pactos foron entre Unión do Centro Democrático e Coalición Democrática que conseguiron cos seu pactos o resto das cidades galegas. Hoxe en día é máis difícil ver este tipo de pactos, aínda que hai honrosas excepcións coma o pacto do Tinell ou o pacto do Botanic.
En tódolos os procesos vemos como a campaña dura máis tempo que o establecido legalmente. Mais, neste, parece que levamos en campaña unha morea de anos. Fan protagonistas aos líderes dos grandes partidos do Estado e todo xira arredor do que din, ou que non din. Se analizamos o derradeiro ano case postpandémico polo aparecido nas televisións, xornais de papel e dixitais, radios e outros medios de comunicación vemos que este grandes partidos funcionan con argumentarios diarios baseados no "e ti máis" ou "e ti menos", segundo conveña e o caso do que se trate. Debemos ter coidado de non caer nesta voraz pelexa que asemella, cada vez máis, a unha demostración de cantidade de testosterona ou ao uso dun metro.
As municipais son as eleccións que a cidadanía ten máis próximas no espazo, ás que lle é máis fácil coñecer á candidatura, e aínda así vemos que en cada campaña a abstención sempre está por riba do 30 % sendo do 32,19% nas derradeiras de 2019. Esa abstención é maior na xente moza e non vexo novos xeitos de cambiar esta liña na xuventude que manifesta que non lle interesa a política. Poden ser varias as causas que levan a estas situacións. Por unha banda as listas pechadas e os xeitos de facer as candidaturas nos que se ve, moito, quizais demasiado, a man da cúpula dos partidos. Si a isto lle engadimos a pouca participación da cidadanía na "política", ou mellor nos partidos políticos, xa temos unha resposta. Para comprobalo non hai máis que ver as distintas candidaturas, e máis si poñen fotos, tipo orquestra, na propaganda, a xuventude parece que cumpre unha cota para quedar ben.
Por outra banda non se ve implementado, e tampouco proposición nalgúns dos programas que levo mirados estes días, o xeito de participación da cidadanía. Se queremos que a xente participe na vida local hai que fomentar a participación cidadá na vida municipal, pondo nas súas mans instrumentos que lle permitan expresar con axilidade a súa opinión e que esta sexa tida en conta. Débense facer regulamentos de participación cidadá, cando por riba xa contamos coas novas tecnoloxías que poden facilitar esa participación directa. Xa se esqueceron medidas coma os orzamentos participativos nos que se pode reservar unha porcentaxe do capítulo dedicado a inversións para realizar aqueles investimentos en infraestruturas ou servizos que, de xeito regulado, a cidadanía consideren prioritarios. Debo recoñecer que nos concellos de Lugo, Santiago de Compostela, Ames e dous ou tres máis xa se fixo, son poucos dos 315 que hai en Galicia, e aínda que os orzamentos son pequenos hai que recoñecer que por algo se empeza.
Nas anteriores eleccións municipais falábase moito da remunicipalización nas que norma xeral a maioría dos servizos municipais sexan xestionados de xeito directo polo concello ou a través de sociedades de economía mixta. Era unha preocupación non só nosa senón que había unha vaga nese senso por Europa. En especial os que tiñan que ver co tratamento do lixo, a xestión integral da auga e os servizos sociais. Así no momento de acabar a súa concesión administrativa, recuperalos para a xestión pública. Neste catro anos perdéronse varias ocasión de facelo, polo menos nas grandes cidades que terminaron contratos. Polo que levo lido e mirado ou se renovaron ou están en proceso de concurso.
Un dos feitos que arrepían á xente é a cantidade de contratación de asesores permanentes durante os mandatos. Deberíase limitar a presenza a traballos puntuais nos que non teña o concello perfís dentro do funcionariado que sexa acaído para esa xestión concreta. Sempre cando falo deste tema venme a cabeza o nome de Carromero, que se fixera famoso por un incidente en Cuba e por participar na espionaxe a Isabel Díaz Ayuso, e na prensa falaban dos anos que estivera como asesor do concello de Madrid, que realmente non facía nada agás dedicarse ao seu posto na NNGG, e do diñeiro que gañaba como asesor. Moitos políticos non se fían do funcionariado, ou esa é a súa xustificación, pero a inmensa maioría dos funcionarios saben desenvolver moi ben a súa función, o que fai falla e deixar que desenvolvan as súas capacidades.
No máis sinxelo da participación cidadá tamén se falla. Non sei en que regulamento, orde, decreto ou entelequia dalgún pensante se lle ocorreu poñer que os plenos teñen que ser pola mañá, por riba un día laborable, así non logramos que a cidadanía participe.
Somos un país minifundista. Non vexo propostas, nos partidos tradicionais en Galicia, para modificar esta distribución municipal. Falta de ganas? Medo? Falta de ideas? Non sei a resposta pero moitos concellos están endebedados e a súa función depende do aportado polas Deputacións provinciais, a Xunta de Galicia ou o Estado. Moitos destes concellos sofren de despoboamento que se fai crónico.
Ademais de elixir os concellos tamén se elixen ás Deputacións provinciais. Para min son antidemocráticas xa que son de elección indirecta. Son moitos partidos os que din que son anacrónicas, que hai que acabar con elas, xa que temos Xunta de Galicia como goberno dos galegos para que as queremos, pero logo ás palabras vanse no vento. Quedas coa dúbida que sexan cromos nos que para uns son as deputacións provincias e para outros o goberno da autonomía.
Por iso se queremos que a cidadanía participe son moitas as cousas que se teñen que mellorar. Aínda así e todo teño claro que eu votarei o día 28 de maio. Vexo como un deber cívico o ir a urna, ou por correo, a cumprir con el. Vou mirar ben os programas que se presentan e elixirei a quen votar. O xa que teño elixido é a quen non votar. É moi fácil para min. Non vou votar a ningún partido que sexa xenófobo, que tiña marcadas características clasistas, que sexa negacionista (incluíndo neste termo o cambio climático, a xustiza social, a igualdade, a diversidade de xénero, etc.) e, non votaría a un partido que vaia contra os intereses de Galicia. Tampouco vou votar polos botarates populistas dos que estes días veñen mostras dende a cidade das Burgas.
Votade ben, é dicir, o que vós queirades.