Andrés Núñez Rajoy
Porque din "no rural" cando é aldea e outras palabras terminadas en ing
Vivimos nunha sociedade na que, eu non o entendo, os eufemismos funcionan sen parar e entre eufemismos e anglicismos imos vivindo, certos uns, inventados outros. Cando unha cousa soa a mala, antiga ou aldeá facemos un eufemismo, disimulando como que iso non vai con nós. Cando queremos ser super-modernos practicamos o inglés, por veces o inglés inventado e outras o inglés nivel "usuario".
Un dos termos máis sorprendente, polo seu medre, é o de CEO, moita xente úsao, outra tamén sen saber o que que quere dicir, iso de Chief Executive Order, antes chamabamoslle director xeral, presidente executivo, xa en plan máis de empresa potente ou banco o termo de conselleiro delegado. Cando un día na casa da miña nai, mirando a televisión saíu o termo de CEO, ela preguntoume que era iso do que falaban, expliqueillo e díxome: ah! o que eran antes un xerente.
Na miña época máis moza, aparte de xogar ao balonmán, ía correr cos amigos, quedábamos para correr e facer deporte, logo xa nos anos 90 a xente non corría, facía footing, aquí empezou a cambiar todo e comezaron a aparecer una morea de palabras terminadas en "ing" que querían parecer inglés e non o eran, e así acabamos dicindo parvadas como puenting, caravaning, balconing ou o máis erótico-sexual de edredoning, aínda que eu oía puentin, caravanin, balconin e edredonin.
Agora xa rozamos o ridículo, penso eu, e é porque a xente xa domina máis o inglés do que o dominábamos nós daquela. Comentando a miña muller máis eu cunha amiga que o fillo pequeno se nos ía a emancipar pero nun piso compartido con amigos, espetounos: vai de coliving? A miña dona contestoulle, yes, para manter o nivel.
Todo isto ven a conto porque, como dixen antes, moléstanme moito os anglicismos innecesarios e os eufemismos. Acotío sinto falar á xente dicir que vive "no rural" , sei do que falan mais sóname alleo, para min son palabras sen sentido. Eu nacín e medrei no que esa xente chama "o rural" e nunca tiven esa necesidade de chamarlle así, nin eu nin ninguén da miña veciñanza. Cando era pequeno e me preguntaban onde vivía, aparte de contar que vivía en Pazos, parroquia de Iria Flavia, dicía que era vivía na aldea.
Nunca agochei o ser da aldea, leveino sempre coma unha cousa normal, nin con inferioridade nin con superioridade, xa que era común a todos nós. Tamén sei que hai xente que lle da vergoña dicir que é da aldea, e mesmo do pobo cando este é pequeno e cun forte compoñente rural, como se iso fora a xerar un problema, como un desprezo, como unha vergoña, como un ser menos que os da cidade.
Vivindo na Coruña, nos anos 80, era imposible aparcar na cidade. Estaba en pleno medre e modernización, avenidas máis amplas, xardíns separadores entre vías, pero aparcábase con dificultade. Pero nas fins de semana non había problema. Dende o venres pola tardiña ata o domingo sobre a mesma hora sobraba sitio. Desaparecían os coches? Non, unha incalculábel cantidade da cidadanía ía á aldea. Ían para Aranga, Paderne, Carballo, A Laracha e outros pobos da provincia . Á volta viñan os coches ateigados de patacas, ovos, legumes e todo aquelo que lles daban os parentes da aldea.
O mesmo podemos dicir de Vigo. Nas mesma horas que na Coruña comezaba a haber grandes atascos na N-120 no seu paso por Ponteareas, A Cañiza ou Melón. Eran os practicantes da "ourensanía" que segundo eles é un xeito de ser. Cando se abre a A 52 increméntanlle o tráfico a esas horas. E coma os da Coruña veñen con produtos da aldea.
O meu amigo, e escritor mexicano, Eduardo Rojas Rebolledo, despois de anos vivindo en Galicia sempre me dicía: "yo nunca podré ser un buen gallego, yo no tengo aldea, todos tienen aldea, yo no". Aínda non se inventara o termo "no rural"
Isto comenteillo ao meu amigo Antón e doume unha resposta que me deixou convencido. Mira Andrés – díxome- antes a xente vivía na aldea e non había problema, os fillos da xente da aldea vivían na aldea, o problema comeza cando van a vivir á aldea xente que son da cidade. Mercaron casas de pedra, algunhas en ruínas, arranxáronas e foron a vivir alí. O que molestaba era o nome, había que deixar aldea e pasar a "o rural", ao "eu vivo no rural"
Canta razón tiña o meu amigo Antón. Púxenme a pensar como foi esta migración de xente das cidades ao "rural". Así na Coruña ían para Cambre e Culleredo, en Ourense cara Seixalbo, en Santiago cara Brión e Ames e así en tódalas cidades galegas hai esa migración cidade ao campo, a ter unha casa "no rural". Lembro cando vin vivir a Pontevedra a xente comezaba a mercar casas en Vilarchán, Tenorio e outras aldeas de Cotobade e Ponte Caldelas.
Non se pode dicir que todo isto fora cousa mala, non. Houbo, e hai, traballo na construción, en profesións que case desaparecen coma os ebanistas e ferreiros. Dan vida a lugares moi abandonados, recuperan casas en ruínas. Tamén xorden problemas, moitas veces provocados polos moi "urbanitas" que queren vivir "no rural" coma se fose na cidade. Todos lembramos das queixas dalgúns porque o galo da señora María canta cando é día, as campás da igrexa dan as horas e tocan a morto ou, e esta para min é a máis sorprendente, queixarse que as vacas deixan os camiños con bosta propoñendo que leven o gando ao pasto cuns recolledores coma os que levan os carros de cabalos nos paseos de Sevilla.
Dicía D. Ramón Otero Pedrayo que Santiago de Compostela era a aldea máis grande de Galicia, e daquela, nos ano 50 e 60, tiña razón. Sería por iso que Xosé Manuel Beiras cando da o paso de ir de Santiago a vivir a aldea máis pequena, no concello de Brión, din que lle puxo a casa o nome de Reboraina de Aguiar en alusión a novela O Señorito da Reboraina de D. Ramón Otero Pedrayo e porque Beiras sabía que todo era aldea, grande e pequena. Seguramente, daquela, Pontevedra tamén era unha aldea grande, seino polo que me contaba miña sogra, que era coma unha memoria viva de Pontevedra, sabía enlazar os parentescos da maioría das familias da sociedade pontevedresa da súa xuventude, o mesmo que unha aldea.
Hoxe nin Santiago nin Pontevedra son aldeas, evolucionaron, a mellor, sen dúbida ningunha. Por iso cando a xente vai a vivir á aldea pode debería usar ese termo ou medio rural, ou vida rural ou vivo no campo, e non o eufemismo "no rural".
E eu agora vou a regar as froiteras e legumes que teño na finca de Xeve, e facer, como escoitei o outro día nun bar en Marcón a uns destes "do rural", un pouco de "huerting".