Marta Rodríguez Engroba
O peculiar "Milá-feminismo"
Estas manifestacións que reproduzo literalmente, feitas hai uns días por Mercedes Milá, que se autodeclara cada vez que ten ocasión, en pouco menos que unha adaíl do feminismo, da loita contra a violencia de xénero, e que se erixe en defensora de canta famosa declara sido ter vítima desta lacra, sen contrastar, sen coñecer o fondo da cuestión (as vítimas anónimas non lle interesan....ou sempre se lle esquecen, eso vai ser) ou, paradoxicamente, apoia abertamente casos como o de Ana Obregón e a compra dun bebé, e que escoitei por pura casualidade, chamaron a miña atención, polo que tentei buscar a súa orixe, porque estaba segura de que pagaría a pena, e non errei.
Vou comezar aclarando que me interesaron especialmente por proceder xustamente dela, de Mercedes Milá, e por esas "virtudes" que comentei ao comezo que ela mesma se atribúe e que moitos corroboran e que son unha clara contradición coas súas declaracións e co que delas se pode deducir.
Teño que confesar que, en contra da maioría, esta señora nunca foi santo da miña devoción, pero ollo, non cuestiono a súa valía, que a terá, seguro.
É, sinxelamente, a miña opinión e, como alguén me dixo hai tan so unha semana desde esta mesma páxina, despois de ler o meu artigo, a miña opinión importa "un carajo", con perdón, neste caso a quen o dixo, pero haberá moitos máis que pensen o mesmo, seguro, e é algo moi respectable, por suposto, malia a forma de expresalo.
Cando Mercedes Milá comezou a soar coma unha xornalista de renome, cun evidente e recoñecido prestixio, eu era moi nova, unha nena, polo que, evidentemente, non podo valorar se este era ou non merecido. De feito aínda non podo facelo na actualidade, xa que non me considero nin formada, nin con peso para valorar segundo e que cuestións.
O certo é que, desa época, practicamente tan so lembro a mítica entrevista que lle fixo a Francisco Umbral e o seu "Si no hablamos de mi libro, yo me voy", que xa forma parte da historia do noso país.
Co paso do tempo, a miña imaxe dela para nada era a desa virtuosa xornalista que nos vendían, se non que, pola contra, cada aparición súa, transmitíame a imaxe dunha muller enormemente endeusada, non sei se xustificadamente ou non, e bastante maleducada que, en demasiadas ocasións, confundía a liberdade de expresión con mala educación e faltas de respecto a quen ousaba manifestar o seu desacordo con ela.
O seguinte foi a súa etapa como presentadora de "Gran Hermano", durante a que protagonizou auténticos esperpentos, desde envorcallarse polo chan, pasando por arremangar a saia ata non deixarlle lugar a imaxinación, ata ser testemuña dalgúns episodios protagonizados por algúns dos concursantes susceptibles de ser denunciados, como todos sabemos, o mesmo que tería que haber sido a ela, por ser, como digo, testemuña e non mover nin un dedo, pero daba espectáculo e facturaba, eso si, e eso é o que interesaba e sigue a interesar.
Vaia, que, en contra da opinión case xeneralizada, eu, de admiración por esta señora, cero, sinto ter que dicilo, algo no que me reafirmo despois de saber a que se refería coas declaracións do comezo do artigo.
Referíanse estas a unha entrevista que a Sra. Milá lle fixo a William Levy, un actor que se fixo famoso por protagonizar varias desas series turcas tan en boga actualmente, imaxe dunha marca de moda e que, a verdade, é un auténtico belezón de home.
Mercedes Milá declarábase unhas semanas antes platónica e perdidamente namorada do actor, ata o punto de levar a súa foto no móvil, coma as rapazas da miña xeración, que levaban as fotos sos seus ídolos que aparecían no "Superpop", a revista de moda, pegadas na carpeta, e digo levaban non por nada, se non porque o certo é que eu nunca fun moi mitómana e sempre me chamaron máis a atención os rapaces de a pe, coma min... O dito, rara que é unha!, pero elas o fixeron cando eran adolescentes, algo totalmente normal, e non é que exista unha idade para namorarse, por suposto que non, pero eso é unha cousa, e comportarse aos 70, que calculo será máis ou menos a idade de Mercedes Milá, coma se se tiveran 15, outra moi diferente, penso eu.
O caso é que a Sra. Milá non parou ata conseguir facerlle unha entrevista ao mencionado actor, tras a cal parece ser que él manifestou sentirse molesto coa actitude que a xornalista tivera no transcurso dela, que, cando foi interpelada a propósito disto respondeu, e de novo reproduzo literalmente:
"Tiene toda la razón en lo que ha dicho. Yo hice una entrevista con él delante de sus fans en el teatro Pavón de Madrid, y fue un despelote más que una entrevista, en la cual le eché piropos, lo toqué, le hice un masaje en el cuello porque dormía mal y le dije: 'con este masaje, si quieres, voy todas las noches a un hotel te lo hago, verás qué bien duermes'", ha admitido Milá, que, asegura, entiende al actor: "Le he pedido perdón y más que perdón".
Esta foi a actitude da Sra. Mercedes Milá, que se permite o luxo de dar leccións de feminismo, que non se corta en chamarlle machista a calquera home ....ou muller por bastante menos, que sube aos escenarios a loar a Rocío Carrasco, a que tamén nos pon como exemplo, e que senta cátedra, ou eso tenta, cando se fala da loita contra a violencia de xénero.
Efectivamente, se esta entrevista lla fixera un home a unha muller sería, ademais de cualificado de machista, denunciado, como mínimo, por acoso, e con toda a razón do mundo, e xa máis dunha pancarta tería saído á rúa.
Se a fixera outra muller, igualmente se lle chamaría machista, tamén con toda a razón.
E, en ambos casos, se elevarían voces pedindo responsabilidades ao Colexio de Xornalistas, ao medio que emitiu a entrevista, ou a quen corresponda, ademais de a propia Mercedes Milá, por suposto.
Pero resulta que non, que a fixo a "deusa" do xornalismo e do feminismo, a autoridade que decide quen é feminista e quen non, quen é de verdade vítima da violencia machista e quen non, dependendo, curiosamente, de se a suposta vítima é ou non famosa......
Esta é a evidencia do seu peculiar "Milá-feminismo" e, unha vez máis, da falsidade da nosa sociedade, que, cando interesa, padece dunha máis que inmoral "xordeira selectiva" que lle fai escoitar a quen e o que lle interesa.
Sinxelamente lamentable.
Asociación Si,hai saída