Xerardo Torrado Agulla
A "cremà" e o Camiño de Santiago, unha comparación que insulta á intelixencia
O pasado domingo 19, no canal público de televisión, fixeron unha conexión en directo ca valenciana "cremà", pasa o memos tódolos anos, do mesmo xeito que o espectáculo pirotécnico da "queima da fachada" da catedral compostelá, cada véspera do día 25 de xullo, non merece para o canal público estatal nen uns segundos de interese. Iso non é só un desprezo ó pobo galego, afeito a tales desprezos, senón un insulto á construción histórica de Europa. ¿Qué representan as fallas de valencia para a construción de Europa en comparación con Compostela e as pelerinaxes a esta fermosa cidade?. Facerse esta pregunta, soamente facela, é un insulto a intelixencia. O Camiño de Santiago representa un dos fenómenos máis importantes da construción de Europa, na difusión de correntes de pensamento e estilos artísticos, sobre todo dese románico tan desprezado en Galicia e que foi maltratado ó traverso do tempo, sobre todo no tempo barroco, ca destrución dos templos románicos pola súa sustitución dun novo templo de planta barroca, ou a afeamento do edificio románico orixinal con engadidos de pouco gusto. Só hai que pasearse polo rural galego e vela cantidade de igrexas barrocas e neoclásicas que se atopan no lugar onde no seu tempo houbo un templo románico, que cos seus aleiros pragados de canzorros, portadas con arquivoltas, capiteis historiados e tímpanos co Agnus Dei non chegou ata nos. Mesmo a catedral compostelá, o mellor templo románico na península ibérica, foi, o longo do tempo "tuneada" con engadidos como se estiveramos avergoñados por ter tan magnífico templo románico. O Camiño de Santiago forma parte do pasado, e do presente europeu. A fallas de Valencia forman parte da cidade de Valencia, esa é grande diferencia cando comparamos unha celebración ca outra.
En tempos ateos e aconfesionais xa é inútil facer entender sobre a importancia do día 25 de xullo por ser Santiago Zebedeo non o patrón de Compostela, nen de Galicia, senón o patrón de España. Pero queramos ou non, o cristianismo forma parte do pasado europeo e é determinante para a configuración europea, afirmar o contrario en base a presentismos aconfesionais actuais é un exercicio de estulticia. É un feito histórico indiscutible, non un asunto relacionado cas crenzas relixiosas. Se eu, polo mero feito de non crer en Zeus ou Xúpiter, argumentara que por esa razón os gregos e os romanos non tiveron papel algún na conformación de Europa, sería tildado, con razón, de ignorante. Pero é curioso ver como a negativa de recoñecer un pasado cristián para Europa é normalmente apraudida polos autoproclamados adalides do pensamento crítico. Non podemos, nunca, crear un pasado á nosa imaxe e semellanza, iso só fai crear reconstrucións míticas, no peor sentido do termo “mítico”.
A laboura de San Bieito de Nursia e o monacato ten igualmente unha grande importancia na construción de Europa. Querámolo ou non. Facía uns anos mantivera unha disputa historiográfica sobre historia medieval de Galicia cunha persoa, non historiador de formación, que plantexaba un posicionamento errado e descabellado da nosa historia atendendo a perspectivas actuais e buscando un fácil aprauso. A obra desta persoa, a pesar dos meus intentos dende a comunidade científica seria, de que non tivera cobertura algunha, acaporou portadas da prensa, levou un premio de investigación economicamente ben dotado e foi publicada. Eu escribira unha réplica que a duplicaba en extensión, e sobre todo en argumentos, que non verá a luz nunca. O presentismo histórico e o intrusismo está acabando ca historiografía seria.
Considero xa baladí profundizar máis no papel do Camiño de Santiago na conformación de Europa tal e coma hoxe a coñécemos, sexamos crentes, agnósticos ou ateos, xa que a interpretación histórica, sen afectar a crenzas relixiosas, débese construir con seriedade e sobre bases socio-históricas reais.
Ano tras ano seguiremos sufrindo o desprezo de ver como o día do apóstolo celebráse neste recuncho de España sen apenas repercusión no resto do estado, mentres que o canal público estatal nos seguirá "bombardeando" cas fallas, co san Fermíns, ca festa do Rocío e outras festividades e eventos lúdico-festivos que non teñen parangón algún co Camiño xacobeo coma feito histórico. Teodoro e Atanasio, que seguindo a tradición da Traslatio, trouxeron aquí o corpo do apóstolo, tiveron, sen dúbida, unha mala perspectiva de futuro, xa que tería máis repercusión se o levaran a calqueira outra parte de España, e non neste recuncho desprezado e usado unicamente para explota-los seus seus recursos como se explota a unha colonia.