Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia
Manifesto feminista
Comunicado do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia con motivo da celebración o 8 de marzo do Día Internacional da Muller, da autoría da xornalista Aida Pena.
Outro ano máis faise necesaria a reivindicación. Outro 8 de marzo no que as mulleres saímos á rúa a berrar que aínda falta moito por facer. Aí estaremos tamén as mulleres xornalistas, se cabe cun maior compromiso, porque para nós non abonda con saír a rúa. Nós debemos utilizar as nosas posicións nos medios para denunciar a desigualdade.
Nós temos o privilexio e tamén o deber de manter os ollos ben abertos para amosar á sociedade aquelas situacións nas que as mulleres sexan discriminadas. Estamos nun momento no que nos arrepía o que está a ocorrer lonxe de aquí: Afganistán, Irán; tamén na guerra son as mulleres as que peor o pasan, igual que na traxedia do terremoto que afecta a Turquía e Siria... pero todo iso non nos pode facer perder de vista o que ocorre ao noso arredor.
Persiste a brecha salarial, persisten as dificultades para acceder a postos de responsabilidade, persisten as situacións de acoso mais ou menos encuberto, todo isto non nos pode facer caer na desesperanza, desistir é un verbo que temos desterrado do noso vocabulario.
Pouco a pouco seremos capaces de cambiar as tornas, pero de momento, nun sector coma o noso, cada vez mais feminizado, as decisións seguen a tomalas eles.
O feminismo tamén é necesario para mellorar o xornalismo, para ofrecer unha visión da sociedade máis axeitada, que teña tamén en conta a metade da poboación. É necesario un xornalismo menos masculinizado, abordar a información con enfoque feminino e feminista.
Trabucámonos cando pensamos que os dereitos conquistados non teñen marcha atrás, o ocorrido hai meses nos Estados Unidos co dereito ao aborto ten que facernos pensar que se deixamos que avancen determinadas posicións extremas, se non contribuímos a frealas, podemos volver á casa de saída, a ter que pelexar de novo por dereitos que considerabamos inamovíbeis.
Non podemos baixar a garda, non podemos mirar para outro lado diante de situacións que exclúen as mulleres... mentres non se consiga o obxectivo de igualdade a loita debe continuar. Todos os dias teñen que ser oito de marzo.
Aida Pena
Xornalista