Marta Rodríguez Engroba
Menos eufemismos, e as cousas claras
Evidentemente, de prostitución.
A RAE o deixa perfectamente claro:
"Prostitución:
1. Acción y efecto de prostituir.
2. Actividad de quien mantiene relaciones sexuales con otras personas a cambio de dinero".
Un tema este controvertido onde os haxa e que conta desde con firmes detractores que esixen a súa abolición, ata os que defenden o dereito de quen a exerce a facelo se o fai libremente, pasando polos que piden a súa regulación. De todo hai.
Non vou a entrar agora nese debate, non porque non teña a miña opinión, que, naturalmente, a teño, se non porque non é o que me leva hoxe a comentar este tema, e nin o tempo nin o espazo me darían para todo.
O caso é que, cando falamos de prostitución, o primeiro que se nos vén á cabeza á maioría é a imaxe de mulleres na rúa, medio espidas, ofrecéndose ao mellor ofertante, de locais sórdidos con cuartos agochados onde mulleres explotadas polos seus proxenetas se ven obrigadas a satisfacer sexualmente aos clientes que solicitan os seus "favores" ou mesmo de pisos compartidos, aparentemente normais, nos que é exercida de xeito clandestino, facéndose evidente para os veciños cando se produce algún altercado ou cando o tránsito de "visitas" xa é demasiado obvio ou deixa pegadas, e non agradables precisamente, nos espazos comunitarios.
Tamén é bastante coincidente a opinión de que, quen a exerce, o fai, case sempre, por necesidade, e non por gusto.
O que nunca pensamos, ou eu alomenos, teño que confesar que non me parara a facelo ata hai relativamente pouco, é como se denominan, ou, mellor dito, que son realmente certas "prácticas" levadas a cabo nun escenario totalmente diferente que, non soamente é aceptado, se non que é, por desgraza, un auténtico perigo, especialmente para os mais novos, entre os que goza de gran popularidade.
Estou a referirme a un programa que emite unha canle de TV. a que xa aludín máis veces, o mesmo que ao programa, e que, os que me ledes, sabedes que en Si, hai saída temos no punto de mira, porque, malia o empeño en amosala como referencia na loita contra a violencia de xénero, é, na nosa opinión, o caldo de cultivo perfecto para que esta medre, polo seus contidos machistas, pola cousificación que fai da muller, e por moitas razóns mais que xa expuxemos en diversas ocasións, o que nos ocasionou non poucas críticas e mesmo máis dunha ameaza. En fin, sen comentarios.
O programa en cuestión é "La isla de las tentaciones" do que xa falei non hai moito, e no que varias parellas, nunha vila de luxo na República Dominicana, verán posta a proba a súa fidelidade resistindo as tentacións dos "tentadores" e "tentadoras", espectaculares homes e mulleres, que se exhiben coma mercadorías diante dos concursantes, tamén espectaculares, coa finalidade de facelos caer nas súas redes e consumar, finalmente, a infidelidade, mantendo relacións sexuais, que son gravadas, e amosadas, non soamente ás parellas concursantes, senón ao público, nos programas semanais, coas conseguintes reaccións, a cada cal máis dramática, dos traizoados e traizoadas, que van desde os choros, ata os berros desesperados e mesmo algún desmaio, como pasou non hai moito cando unha das concursantes caeu redonda despois de presenciar o vídeo das acrobacias amatorias do seu noivo cunha das "tentadoras".
O certo é que se pode tentar disfrazalo do que se queira, pero o que se está a ver é a persoas que manteñen relacións sexuais, de xeito público, ademais, e que cobran por facelo.
Como lle chamamos a isto? Eu creo que está claro, que soamente ten un nome, e todos sabemos cal é.
Ou é que acaso se consideran diferentes, ou mellores que as persoas que fan o mesmo na rúa, nos cartos dos bordeis ou nos pisos camuflados aos que me referín ao comezo, por moi espectaculares que sexan os seus físicos, e por moito que se disfrace de "glamour"?
É máis, eu diría que é peor, porque entre as primeiras, seguramente, para maioría, a necesidade foi decisiva a hora de optar por ese escabroso camiño, e neste que nos ocupa, en moitos casos, poder mercar bolsos de marca ou pagar esa operación de ciruxía estética na procura da posterior cadeira de colaborador ou colaboradora nun programa tanto ou máis noxento que o que os amosou como o que realmente son, tal vez sen pretendelo, pero que, se mire por onde se mire, os aboca, a eles e a elas, a esa denigrante categoría e, guste ou non, se queira ou non admitilo,o que están a facer, ten un nome: prostitución. Adornada, si, pero igualmente segue a selo.
Por moitos eufemismos que se empreguen para xustificar o inxustificable.
O peor de todo? que están a amosarlles á nosa mocidade unha realidade distorsionada que lles fai pensar en cartos fáciles, en físicos espectaculares, na posibilidade dun futuro de "famoseo", de ir de programa en programa, na que non teñen necesidade de estudar, de formarse, cando a realidade adoita traducirse en xoguetes rotos a non moi longo prazo, dos que ninguén se lembrará xa nunca máis.
Pero diso, da auténtica realidade, e do verdadeiro nome do que están ver, ninguén lles fala.
Asociación Si, hai saida