Pedro J. Peón Estévez
Ghassan Ghanimé Saíde: adeus, querido doutor
Este luns 16 de Xaneiro, o que fora un dos melhores especialistas do mundo en cirurxía do aparato dixestivo, o doutor Ghassan Ghanimé finou tras unha dura loita cun cumio de enfermidades apagando o seu brilhante cerebro e inmobilizando as firmes e delicadas mans que tantas vidas salvaron que, irónicamente, nada puideron facer pola sua.
Desde o seu Aleppo natal, alá na lonxíncua Siria, chegou Ghassan a Santiago con tan só 17 anos para ser un estudante exemplar de medicina na universidade compostelá onde coñece á luguesa María López, tamén estudante e futura doctora, e non tardarían en casar. Así pasou Ghassan a ser un galego, esposo de galega e pai e avó de galeg@s, sen nunca perder contacto cos Ghanimé espalhados polo mundo. Un bo e xeneroso onde os axa..
A vida da parelha non foi fácil. Xuntos houberon de superar non poucas dificultades. Cando as cousas foron a melhor, Ghassan foi medrando humana e profesionalmente, a base de esforzo e talento, coa sempre complice axuda de María, chegando a ser unha eminencia mundial no seu campo.
Adoraba a cidade da Coruña onde era moi conhecido e respetado. Foi un médico vocacional; amaba o seu trabalho, tanto que, unha vez xubilado, seguía exercendo de xeito particular, en moitos casos de xeito altruísta. Algunhas veces temos paseado pola cidade e, cada catro pasos, era saúdado por alguén; pacientes agradecidos ou amigos, dos moitos que tinha. Era políglota e conectábase semanalmente por vídeo conferencia con outros ilustres colegas da cirurxía do aparato dixestivo de todo o mundo para compartir experiencias e conhecementos e porse ó día nos últimos avances da profesión.
Este pasado luns, o seu enorme corazón deixou de latir. Quen fora eminente doctor, mestre e guía de doctores, investigador e organizador de innumerábeis conferencias e simposios, educado e amable amigo, deixounos. Desta triste maneira acadou o descanso que sempre mereceu. Sentía non poder acompanhar os seus familiares falecidos en calquera lugar do mundo. Doíanlhe as novas de guerra chegadas da sua patria siria, do seu Aleppo naral; tinha un pouco o grande corazón partido, o que non lhe impediu ser un bo galego. O melhor.
Alá onde vaias, vai con ben, querido doutor.