Pedro J. Peón Estévez
Andar ás piñas
A linguaxe popular non é moi abondosa en ditos e refráns relacionados cos pinheiros pero algúns hai.
"Os pinheiros dan os pinhóns
E as mangas os mangantes,
As pebidas os melóns,
O mesmo agora que antes"
Indiscutible; ou estoutro, un chisco máis mecoso:
"Garda este meu corazón / como a pinha o pinhón"
Hai xa moito tempo escoiteilhe un a unha nena en castelán. Non o traduzo porque perderíase a rima.
"Chincha rabiña, tengo una piña / que tiene piñones y tu no los comes"
E "Estar a partir un pinhón" é unha frase feita quer dicir entenderse moi ben.
Do pinheiro, igual que do porco, aprovéitase todo; a carepa na agricultura e xardineiría; a madeira, para a construción, moblería, lenha, valados de terreos e xardíns; a resina utilizouse como combustible e para facer breu e como pegamento, impermeabilizante, cauterizador de emerxencia, desinfectante e productos varios de droguería que foron sendo substituídos por derivados do petróleo. A resina fosilizada recibe o nome de ámbar. E logo están as follas, o arume…que en galego recibe tantas e tan fermosas denominacións: Abuínha, Acícula, Agulha, Agulheta, Arcema, Banga, Bruma, Canga, Charamela, Esca, Fagulha, Faísca, Fiúma, Fiúza, Frouma, Frouza, Frumeira, Fustanca, Gara, Garfa, Isca, Louza, Maravalha, Muán, Padumeiro, Penica, Pica, Picaza, Pico, Pinocha, Pirlo, Pubela, Pulazo, Puxa, Respinheira, Reza, Xaruma, Xunxo e outros moitos dialectalismos, vulgarismos ou localismos que non abastaría a páxina enteira para citalos todos. Lémbrese aquel ‘escuro arume arpado' de Pondal nos primeiros versos do noso Himno. A frouma, e a resina que rezuma, é un poderoso combustíbel. Nunha aldea da India, un home creou unha pequena central termoeléctrica que consome frouma e, non só alumea toda a aldea senón que move máquinas que melhoraron a produción de teas de seda, creando 15 postos de trabalho e mantendo o chan dos pinheirais a salvo de lumes. Pero falemos das pinhas.
As pinaretas ou pinhas son o froito do pinheiro, un froito moi especial, unha marabilha da evolución. A pinha alberga no seu interior o ben máis prezado do pinheiro: o pinhón, a semente á que protexe a cotío ata que madura e sóltaa para que xermine no chan e perpetúe a especie. Cando chove ou fai frío, a pinha péchase para defender a semente da humidade e abre cando vén o tempo enxoito. O pinhón como alimento, contén vitamina E e ácido fólico en alta dose e, en menor concentración, vitaminas desde A a K e minerais: fósforo, ferro, magnesio, zinc e potasio. As pinhas, cando están cumpridas, abren e espalhan a sua semente polo ar. O pinhón vai provisto dunha asa semelhante á dun insecto para que o vento o desprace lonxe da árbore de orixe. Esta asa ten unha forma tal que fai caer o pinhón dando voltas para que tenha mais poder de penetracion e poida acadar solo onde xermolar. A pinha é un excelente combustible, ideal para prender a lenha que quecía as casas e facía o xantar naquelas cocinhas de ferro fundido E. Orbegozo - Zumárraga ou na lareira con trepia, pote pendurado na gramelheira e restra de chourizos na campá da chimenea.
A pesar de que algúns oficios están practicamente extinguidos como os breeiros e resineiros, en certas zonas de España, as pinhas do pinheiro aínda seguen xerando postos de trabalho. Pedrajas de San Esteban en Valladolid é unha potencia en pinhas e pinhóns, onde os colheitadores son chamados "esquíos humanos". O mercado das pinhas como combustible segue existindo en toda a península ibérica, nuns lugares máis que outros. Na Pontevedra da posguerra, os pinheiros xogaron un papel moi importante colheitando pinhas nos montes e vendéndoas polas casas ou na Praza da Lenha, arestora espazo de lecer e hostalería.
Hogano os pinheiros están a sufrir algunhas pragas que se agudizan por falta de chuvia, tales coma o nematodo, a procesionaria ou o escarabelho da casca que en norteamérica arrasa. Os incendios forestais tamén son outra praga, interesada en moitos casos. Malia iso, os aserradeiros galegos de pinheiro seguen tendo boa demanda e están trabalhando ben. É mágoa que se perdan os oficios antergos pois ainda quen sabe do que teremos que botar man. De seguir alongándose a guerra da Ucraína, acabaremos todos por ir ás pinhas non tardando moito.