Teresa Casal
Nos sobran los motivos
A canción de Sabina fala de amor e de desamor, salvando as distancias, eu tamén pretendo falar de desamor pero de outro tipo, de falla de confianza, de inseguridade, de medo ó futuro, de esa clase de desamor que te leva a sentir impotencia por non poder facer nada para remediar situacións tremendas e a acumular rancor polos que, podendo, non o fan.
O mércores saíu moita, moitísima xente ás rúas de toda España, xente que non ten casa ou lla van quitar, xente que non ten traballo ou llo van quitar, xente que non pode tomar as medicinas que precisa porque lle obrigan a pagar unha parte que xa pagou cun diñeiro que non ten, xente que non pode darlle estudos os seus fillos porque hai menos bolsas e son mais caras as matriculas, xente que hai un tempo pertencía a iso que chamabamos clase media e podía vivir decente e honrosamente e que agora dálle vergonza recoñecer que case non ten para darlle de comer os seus. Xente que tiña confianza no futuro porque levou traballando toda a súa vida e confiaba en ter unha vellez digna e sen angustias e, agora a súa pensión non chega a nada porque con ela téñense que manter catro ou cinco persoas.
Xente de dereitas, de esquerdas, de centro, de arriba e de abaixo que non entenden nada. Non entenden que os causantes recoñecidos por todo o mundo como tales da desfeita en que estamos, sexan os únicos que perciben axudas económicas do Estado, das Comunidades, de Europa e eles, os mortais comúns e correntes que non viviron por riba das súas posibilidades, como se empeñan en dicirnos todos os días, sexan os que teñan que contribuír a sacar do apuro as entidades financeiras.
Estou a describir unha situación que padecen mais da metade da poboación deste pais, ese 25 por cento que está no paro, os xubilados, os inmigrantes, os autónomos profesionais ou comerciantes os que non lles entran nas tendas ou nos despachos porque a xente non ten diñeiro, as veces, nin para o mais imprescindible e non están para gastar en roupa ou zapatos e xa non digamos en caprichos. Xente a que só lles queda o dereito a protestar, a manifestar o seu desacordo, a facer folga contra un goberno que toma decisións inxustas, que fai decretos-leis que rebaixan ou anulan os seus dereitos acadados a base de traballo, de esforzo, nalgúns casos, incluso de padecer cárcere. Xente que necesita recuperar a confianza, a esperanza nun futuro que se lles esvaece entre as mans como si fora auga, que quere creer que, como teñen tantas razóns, tantos motivos para protestar, para demandar, para esixir, se lles escoitará e buscaranse outras solucións, que as hai, que se farán outras políticas, que as hai, que os que están no Olimpo dos deuses mirando só a seus iguais, reuníndose nos mellores hoteis do mundo cada dous por tres para darse palmadiñas no lombo, como si a tecnoloxía non permitise falar, reunirse, acordar e tomar decisións cada un dende o seu pais en lugar de vivir neses mundos de yupi que vemos pola tele todos sorríntes, veña a darse bicos e apertas, encantados de coñecerse, eses que mandan ou parece que mandan no mundo caian do guindo (non do ministro) e se dean conta de que quizais consigan reducir o déficit, que a o mellor hasta acaden a estabilidade financeira esa que tanto lles preocupa, pero para entón o peor xa non paga a pena porque a xente xa esmoreceu de impotencia, de pena e de rabia.
Por iso penso que si hai que protestar, e denunciar e esixir porque matáronnos a confianza pero non podemos deixar que nos maten a esperanza.
16.11.2012