Pedro J. Peón Estévez
"Ondanadas" de Eurekas
Nunha era tan tecnolóxica como a presente, non damos abasto. Raro é o día que que non se descobre algo novo: cando non é un planeta, é unha fibra nova, un híbrido, un robot limpiabotas, un hidróxeno verde, un dron ghulandrón ou unha nova fusión nuclear. Desde que Pitágoras saltase da banheira e botara a correr en coiro polas rúas de Siracusa berrando: Eureka, eureka !!, hai cabezas que non paran nin polo Nadal.
As ciencias a min, tanto a Física como a Química, sempre se me atravesaron nos meus anos de escolante e isto do hidróxeno verde -no que seica imos a ser potencia en Galiza- é algo que non me cadra. Se para obtelo, por electrólise, se precisan enormes cantidades de corrente limpa, ou sexa verde, renovable; -eólica para máis datos- e daí a eclosión de parques eólicos por todo este noso país. Mais como queira que se perde un 50% da enerxía na fabricación do tal Hidróxeno que servirá paradóxicamente, para producir electricidade, ou o negocio é absurdo e ruinoso ou conleva soterrada algunha trampulhada que se me escapa. Ademais; quen pode saber se lhe meten enerxía eólica, térmica ou nuclear ? Quen vai comprobar se o tal hidróxeno é verde, amarelo ou castanho escuro ? Seremos unha potencia en hidróxeno verde como somos en hidráulica e eólica. Galiza exportará H verde a todo o mundo e os galegos ficaremos un pouco máis pobres, co país feito un cagastal e coa factura da luz máis cara de Espanha.
Eureka gordo é ese da enerxía nuclear de fusión " por confinamento inercial " que disque lograron os gringos no seu laboratorio nacional Lawrence Libermore bombardeando con potentes láseres, unha pequenísima porción de combustible composto polos isótopos lixeiros de hidróxeno Deuterio e Tritio, xerando así unha cantidade de enerxía superior á utilizada en conseguir a reacción. Así de simple. Lembran aquel "pequeno paso para o home pero un gran paso para a humanidade?” Agora a frase é estoutra: " Este día acabará nos libros de historia”, non sei eu… Quédense coa imaxe do vaso de auga: " Coa enerxía contida nun vaso de auga vivirá unha familia toda a vida” ou a da culherinha: " a materia contida nunha culherinha de café poderá producir máis enerxía que o carbón contido nun estadio” "Recreamos as condicións do sol na terra para obter este tipode enerxía, algo que nos pode cambiara vida” e outros triunfalismos polo estilo. A que leva a palma é estoutra: "Isto anula o principio de que a materia non se crea…” pero como pode haber periodistas tan zoquetes !! Só falta o Gran Papiri subido nun altinho e dicindo: " compre, senhora compre, antes que se agote…enerxía limpa, barata e duradeira, sen carbono nin radiactividade…o Paracetamol da enerxía. A que non se sinte, non se move nin traspasa: enerxía por Confinamento (sen máscara) Inercial a prezo de conha, senhora " Pero non se me amontoen, tenhan pacencia que cómpre agardar uns vinte aninhos e unha inversión duns 370.000 milhóns de dólares, cando menos, antes de poder dispor do invento.
Diríase que os americanos ganháronlhe a batalha o proxecto ITER, que se leva a cabo en Francia desde hai 35 anos, no que se investiron 14.000.000.000.$ e que ten un custe previsto de 24.000 milhóns, se non fora este un proxecto participado por eles mesmos, Europa, Rusia, China, India, e Corea. ITER é un proxecto de Fusión Nuclear por Comfinamento Magnético onde se constrúe un mundo arredor do TOKAMAK (Cámara Helicoidal Magnética) xigantesco útero no que se xestará a fusión nuclear futura. Parece pois, contradictorio que os USA entren en competencia consigo mesmos en dous proxectos distintos.
Paréceme moita casualidade que metidos nunha crise enerxética como na que estamos coa guerra de marras, que apareza o Biden redentor co Santo Grial da enerxía na man como salvador da humanidade berrando "Eureka !” A min esa estampa fáiseme "déjà vu” e se alguén intelixente coma o profesor Tomé non me aporta luz, andarei moi perdido en cuestións xeopolíticas, filosóficas, belicosas e " dos grandes expressos europeos ".