Marta Rodríguez Engroba
Queremos respostas xa!
É imposible atopalas para describir unha traxedia de tal magnitude.
Paola, unha garda civil que desempeñaba o seu traballo e residía en Quintanar del Rey, decidiu acabar coa vida das súas fillas, dúas nenas de 9 e 11 anos, para, posteriormente, facer o mesmo coa súa propia. Ninguén pode entender os motivos que a levaron a cometer tan brutal crime arrebatándolles a vida a aquelas a quen se supón máis debería querer, nin tampouco para acabar coa súa.
Como era de agardar ante unha traxedia tal, as poucas horas de coñecerse, xa comezaban a circular os primeiros rumores que apuntaban a discordias coa súa ex parella e pai das nenas pola súa custodia, ao desexo de trasladarse a outra cidade levándoas consigo, ao que el se opoñía, á mala relación coa súa familia política, malia que eran os que se ocupaban das nenas mentres ela traballaba, cos seus compañeiros... o de sempre.
Agora todo o mundo sabe, todo o mundo opina... sobre o que interesa, pero, unha vez máis, o silencio é absoluto en canto a unha cuestión que, máis alá dos problemas que puidera ter co seu ex marido, cos pais deste, ou con quen fose, é de vital importancia, e que, de tela abordado aqueles que se supón teñen a obriga de facelo, algo que desde Si, hai saída vimos demandando desde hai anos, polo que mesmo nos diriximos hai unhas semanas ao Ministro de Interior, Fernando Grande Marlaska, e non nos cansaremos de facelo unha e outra vez, as que faga falta, ata obter, como mínimo, algunha resposta, e polo que, ademais, cobran, tal vez se podería ter evitado mais dunha traxedia, entre elas, esta.
Naturalmente, neste caso, non era aplicable a xa mítica frase que se pronuncia sempre que é posible, desde as institucións, cada vez que se comete un asasinato machista, e coa que tentan botar balóns fóra, de "Non había denuncias previas por violencia de xénero", que, nesta ocasión, foi substituída pola de "Non consta que a Garda Civil tivera baixa médica por problemas psicolóxicos oficialmente", que, para o caso, é o mesmo.
A mensaxe é, "A nós que non nos miren".
Tivo, unha vez máis, que consumarse a traxedia, a brutal traxedia, para que o Delegado do Goberno dixera, e cito textualmente: "Cualquier hecho dramático de esta naturaleza nos tiene que llevar a reflexionar sobre todo con las condiciones psicológicas de los cuerpos y las unidades que portan armas en su tarea diaria". Algo, reitero, acerca do cal, desde Si, hai saída, levamos ANOS alertando e demandando que se tomen medidas.
A necesidade urxente de constatar as condicións psicolóxicas do integrantes das CFSE, e de apartalos de certas tarefas se estas non son as adoitadas, dado o risco obvio que mantelos nelas implica.
Que non existise unha baixa, neste caso de Paola, a nai das nenas, por esta razón, non quere dicir que o seu estado mental fora óptimo, algo que quedou traxicamente demostrado.
Significa, sinxelamente, que ninguén se tomou a molestia de avalialo, algo que debería ser de caixón, máxime cando se trata de alguén que manexa armas no seu traballo diario, o cal nos leva a outra cuestión.
Como é posible que se lles permita a estas persoas, levar estas armas consigo unha vez finalizado o seu servizo?
Por que non se lles esixe que as deixen depositadas no cuartel, ou na comisaría correspondentes e se leva un control rigoroso de que o fagan?
Ah, claro, por un momento esquecín a resposta correcta, coa cal sempre hai que comungar!:
Porque sempre se fixo así e ben feito está, e as institucións, concretamente aos CFSE, non se lles pode cuestionar nada, por máis desgrazas que continuar ancoradas nun pasado como mínimo decimonónico, que para nada se axusta a actual problemática social, non deixe de causar.
Ninguén lles tuse. Faltaría mais! Mellor deixar as cousas como están, por máis vidas que isto custe.
É certo que, quen quere matar, vai atopar o xeito de facelo, pero,obviamente, ter na man o instrumento que llo facilite, aumenta as posibilidades de que isto suceda.
Pero non remata aí a cousa, nin moito menos.
Paola, a nai e presunta asasina das nenas, formaba parte dun equipo que se ocupa de asuntos de violencia de xénero na compañía de Motilla del Palancar.
Perfecto! Unha vez máis queda demostrada a idoneidade dos criterios empregados polos CFSE para seleccionar ao persoal que se vai encargar de asistir e protexer as mulleres vítimas da violencia machista, porque non é preciso ser un virtuoso na materia para entender que ese é o último sitio no que debería de estar, dado o seu estado mental, que ninguén se tomou, coma sempre, a molestia de analizar.
De feito, dadas as súas condicións, se as cousas se fixesen como sería de recibo, non debería estar en ningún que lle permitira acceder as armas.
Non nos corresponde a nos decidir cal. Tal vez dedicándose a tarefas administrativas, por poñer un exemplo, alomenos en tanto non recuperara o seu equilibrio psicolóxico, pero, para que molestarse? Todo está ben como está, non si?
Ademais, Paola era ex militar e fora condecorada pola Otan, e eso, as condecoracións e outros méritos semellantes, si que pesan.
A quen lle importa a estabilidade mental?
Malo será que pase algo, e, se pasa, pronto se esquecerá, coma sempre ocorre con desgrazas coma esta.
As nenas asasinadas, súa nai, son estes días o tema de actualidade.
Nuns poucos, ninguén se lembrará xa, e menos nestas datas, nas que ninguén está pola labor de complicarse a vida e amargarse as festas pensando nestas cousas. Mentres non toque na propia pel...!
Non quero, nin podería rematar, sen amosar, desde Si, hai saída, o noso rotundo rexeitamento para todos aqueles que, desde que se tivo noticia deste crime, e coma sempre que, por desgraza sucede algo semellante, arremeten contra as que traballamos na loita contra a violencia de xénero, e que, avogamos, naturalmente, pola igualdade, coa noxenta pregunta de "E agora, que a asasina foi a nai, que din as feministas?".
As feministas, as de verdade, condenamos a violencia veña de onde e de quen veña, home ou muller, non somos seres mesquiños, nin retorcidos, coma demostra a vosa pregunta que o sodes vós, porque soamente a mentes moi retorcidas se lles pode pasar pola cabeza plantexar tal cuestión.
Así de claro.
Asociación Si, hai saída