Pedro J. Peón Estévez
O Xestal en Gandarela
Radio Pontevedra EAJ 40 foi a que me fixo chegar a voz do xenial Carlos Díaz Xestal por vez primeira. A veterana emisora, día si, día non emitía o conto de María Rosa dentro do que chamaban Ecos de Sociedad, onde por cinco pesos podías dedicar un disco a quen quixeras. Sen ser un programa de humor, tamén tinha os seus detalhes; como este: " Arturito felicita a sus padres y padrinos en el día de su bautizo ". Mítico.
Co tempo souben que "María Rosa" era un conto orixinal de Rogelio Rivero adaptado e gravado polo inxenioso bergantinhán de adopción nado en Monte Alto. Tantas veces repetiron esta historia na radio que cheguei a memorizala. Non vén a conto transcribila aquí porque coido que moita xente aínda a lembra.
En Galiza temos moi bos monologuistas. É o caso de Carlos Blanco, Quico Cadaval, Isabel Risco, Cándido Pazó, Celso Sanmartín e outros. Todos eles seguen o ronsel do Xestal que era un namorado da cultura e as artes galegas pois, ademais de narrador, facía música tradicional e resgataba pezas como "Apaga o candil". Colaborou e participou nos coros Cantigas da Terra, Toxos e Froles, Follas Novas e foi fundador de Aires de Bergantiños. Nalgunha ocasión tivo que facer verdadeiros malabarismos para manter o tipo ante a censura do franquismo pero sempre saiu adiante.
O Xestal estivo na nosa casa de Gandarela (Lourizán) convidado polo meu pai, vate popular e cobrador do “trole”. Na casa, todos admirabamos a aquel home que falaba pola radio. Era martes de Entroido e, tras comermos un estupendo cocido que fixera a nosa mamá, fomos os tres actuar á Corrida do Galo no carnaval de Cobres. Daquela, o noso forte era o sermón - escrito e recitado por papá- e unha parodia orixinal en galego daquela mítica Dona Croqueta. O Xestal botoulhe un par de contos e o público ficou impávido. Rematada a actuación, díxonos Xestal: “Na minha vida vin público máis frío!” “ É que aquí sempre fai moito frio neste tempo “ -aclarámoslhe. “ Xa, pero non tenhen sentido do humor; ou será que se lhe conxeou co frío ? " Aquel home agasalhoume cunha casette dedicada, “ Contos que van prá feira “. Oína mil veces. Non sei que foi dela. Por recomendación del, o grupo de artistas e investigadores do folclore Xacarandaina da Corunha, foron gravar os bailes de Galáns e Madamas na seguinte edición. Foi un día memorable. Co tempo souben dun conto curto do Xestal que, dalgún xeito, relaciónao co meu velho. Era dun tempo en que a cidade da Corunha, o Carbalho do Xestal e a Pontevedra de meu pai tinhan trolebuses. E dicía algo así:
> Un paisano de Carbalho disponse a ir á Corunha por arranxar uns asuntos. Cando vai sair da casa, dilhe a mulher: “ Xa que vas á Vila, a ver se te acordas de pasar por unha ferraxería e mercar unha rateira hó, que entraron os ratos no cabazo e acábannos co milho “ O home así fixo. Cando rematou co papeleo, entrou na primeira ferretería que apareceu e díxolhe ó dependente: “ Ten rateiras ?” O tendeiro faloulhe moi compracente: “ Pois claro que si; temos varias. Hainas pequenas, sinxelas, múltiples, metálicas, de madeira, simples ou con resorte inoxidable reforzado…” O paisano, un tanto apurado, interrompeuno: “ Acabe dunha vez e déame unha xá, que tenho que coller o trole !“ “ Ai, tan grandes non lhas tenho !” <
Carlos Díaz Xestal finou o 4 de xaneiro de 1993, pronto fará trinta anos. Foi un galego xeneroso e bo. Que a terra che fora leve, amigo artista.
En Carbalho están a preparalhe unha merecidísima homenaxe e intentar conseguir que o 2023 sexa declarado " Ano Xestal “.