Pedro J. Peón Estévez
Ave, paracetamol !
Por fin a humanidade descubriu a panacea universal, a pedra filosofal, o cénit da farmacopea, o azoute da dor, o santo remedio definitivo, o summun da saúde....(tachaaan!) o Paracetamol! Que perda de tempo formando galen@s, cirurxiáns/ás, radiólog@s, fisioterapeutas ,oncólog@s, otorrinolaringólog@s, ateeses, parteir@s, sanadores/as, louqueir@s, clínicas, dispensarios, hospitais, ambulancias, sant@s milagreir@s e toda unha pléiade de persoas e cousas que componhen a industria da doenza. Que despropósito, que derroche tan inútil podendo solucionalo todo cun teléfono e o maravilhoso PARACETAMOL!
Que perda de tempo estudando doenzas e experimentando productos pola parte de tanto sabio varón desde o Gran Mestre Avicena (Ibn Sina) ata o noso xenial Ramón y Cajal pasando polo árabe andalusí Averroes, o inglés Fleming, o francés Pasteur ou o insigne Severo Ochoa, por ponher algúns exemplos. Estes homes ilustres ( algúns deles, ademais de médicos, eran filósofos, físicos, químicos ou matemáticos ) de saber como ía ser a medicina do século XXI, poderían ter estudado arquitectura, inxeniería ou novas tecnoloxías !
A moderna medicina (espanhola) érguese sobre dous piares básicos: teléfono e Paracetamol. Co teléfono tivéronnos enganados uns 148 anos pois o seu verdadeiro inventor foi o italiano Antonio Meucci e non Graham Bell o usurpador de inventos que se levou a fama mailo beneficio...American way of life !!
O Paracetamol naceu en Alemania alá por 1877, tan só 23 anos despois que o teléfono. Falaría da sua natureza e composición pero non fun chamado polos caminhos da farmacoloxía. Prosigamos, portanto. Para min que é un composto parecido ó noso OKAL, xa saben non? " Okal, Okal, Okal, el enemigo del dolor/ Okal, Okal, Okal es un producto superior " Ben; un suponher que a vostede lhe doe algo; colhe o teléfono para falar co ambulatorio. Se despois dun tira e afrouxa de marcar o 1 ou o 3 e falar alto e claro en normativo! ( se non ten filólog@ á man, será melhor que desista) e, se despois de varios "no le entiendo", consegue vostede facerse entender, esa voz robótica diralhe que, en breve, lhe devolverán a chamada. Se ten vostede xa moita sorte de nuestro senhor, dalí a un canto chamaralhe @ médic@
-Que lhe pasa?
-Pois que me doe aquí, acá e acolá e...
-E frebe ten?
-Non pero...
-Pois tome un Paracetamol e métase na cama.
-Pero…??…
Que outra cousa pode facerse se cada médico atende a miles de pacientes?
Contraten máis médicos!! e páguenlhes un salario decente e o mesmo ó resto do persoal. Falando de persoal...saben vostedes que o Sergas non habilita a ninguén para atender o teléfono..? que no caso de Pontevedra debería dispor de cinco linhas con outras tantas persoas atendendo. Saben que a xente do mostrador xa ten o seu trabalho e non está obrigada NIN DEBE, por non distraerse, atender teléfono ningún ? Saben que o persoal estresado e fatigado non pode desempenhar ben un trabalho tan delicado coma o deles ? Saben que existen unhas FOLHAS DE RECLAMACIÓNS á sua disposición para calquera queixa? Saben que a crise do servicio de saúde e de xestión que non de persoal ? Pero claro, resulta máis cómodo botarse o obreiro, insultalo, agredilo que enfrontarse ós xefes, non vaia a ser que nos "fichen" ( ya sabe usté que yo y toda la familia le votamos siempre Don Aquel ) Porque non ignora vostede que por encima do trabalhador público está o cargo político do ramo que é o responsable directo de canto pasa, non si ?
Pois xa saben, o protocolo di que, ante calquera doenza, cama e PARACETAMOL.
Pero coidado!...tamén os protocolos matan. E tamén o teléfono que é o primeiro recorte, o primeiro filtro co que se vai atopar.
E como cadra en conversa e é de ben nacidos ser agradecidos, quero reconhecerlhe a este medio non só facerse eco das minhas serodias elucubracións senón, e sobretodo, de ter a coraxe persoal e a ética profesional de botar luz sobre o extranho/escuro caso desa morte no PAC de Baltar que tan atado e ben atado estaba.
Andemos con olho e coidémonos, pois nestes tempos, aparte dos males que causaron morte toda a vida, pódese morrer de patoloxías previas, enfermidades raras, contaminacións varias, virus desconhecidos, danos colaterais, guerras preventivas, estrés e outras trapalhadas mortais de necidade.