Marta Rodríguez Engroba
Absolución e inocencia, non sempre son sinónimos
Dous conceptos que, a priori, semellan ir da man.
Se, ante a presunción da comisión dun delito, a xustiza declara a alguén inocente, saíndo, por tanto, absolto, hai quen da por sentado que esa mesma xustiza di que non existe tal delito, ou que esa persoa non foi quen o cometeu, mais non sempre é así.
E se hai algún eido no que isto sucede, por desgraza, con demasiada frecuencia, é no de violencia de xénero, no que non son poucas as ocasións nas que, despois de ser denunciado, e pasar polo Xulgado, un maltratador, malia saber todos que é unha bomba de reloxería en potencia, sae "de rositas", mais encoraxado aínda, co tremendo e redobrado perigo que isto implica para a súa vítima, despois de ter dado o enormemente duro paso de denuncialo, non significando isto, obviamente, que é inocente, se non que non se puido demostrar a súa culpabilidade, que non é, nin de lonxe, o mesmo, e que pode ser debido a varios factores, e non a "culpa" dos xuíces, aos que sempre se tende a responsabilizar disto.
Isto non é, lamentablemente, nada novo, mais este ano 2022, no que a escalada da violencia de xénero está a ser realmente aterradora, cobra especial relevancia, xa que foron varios os casos de mulleres salvaxemente agredidas e mesmo asasinadas que, malia estar incluídas nalgún momento no programa VioGén, de seguimento a vítimas de violencia de xénero, a alerta pertinente fora desactivada, ben porque algún "experto" decidiu que xa non era preciso mantela, a saber por que, ao mellor é que a maldade dos feminicidas é como os iogures, e ten data de caducidade, ou porque o agresor saíu absolto.
E, cumprindo coa que semella ser xa unha penosa tradición, comezado o período vacacional para moitos, ante o cal, de novo desde Si, hai saída demos, como cada ano, a alerta sobre a evidente desprotección a que quedan expostas as vítimas de violencia machista, precisamente nunhas datas nas que o risco medra notablemente, algo que recordábamos hai tan so uns días cun comunicado remitido aos medios, ao que, tamén como cada ano, de novo se fixo caso omiso por parte daqueles que non soamente deberían, se non que teñen a obriga de protexer a estas mulleres e aos seus fillos, e ao fío do que acabo de expoñer, unha vez mais temos que poñer o foco de atención nos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, sobre o decisivo papel que xogan en todo isto, e, lamentamos ter que dicilo, as evidentes eivas que existen nel, sen que isto implique, dito sexa de paso, como semellan crer algúns que, se se dan por aludidos, os seus motivos terán, demonizar a ninguén, se non dar a voz de alarma sobre algo que é un feito constatado,e, entendemos, evitable, pero que, a saber por que razón, se opta por ignorar.
Tentarei explicalo do xeito mas claro e mais breve posible.
Unha vítima de violencia de xénero acode a denunciar ao seu agresor.
Tras tomarlle declaración e facerlle o VioGén, ou, o que o mesmo, o test de valoración de risco, test do que xa cuestionamos en moitas ocasións a súa eficacia, xa que se basea nunha serie de pregunta específicas, sen ter en conta que a violencia de xénero non é unha ciencia exacta, e que cada caso, malia ter, evidentemente, similitudes, é un mundo, pero este é outro debate que daría para moito, todo isto en dependencias policiais, arroxando este un nivel de risco que pode ir desde baixo, mesmo inexistente, ata elevado, malia que este último, curiosamente, adoita ser, segundo o test case máxico, o menos frecuente, baseado nas respostas que da a vítima, que se atopa, como é comprensible, nerviosa, asustada e esgotada, polo cal, moitas destas respostas poden no reflectir o risco real da súa situación, ou mesmo non ser ela, algo lóxico, dadas as circunstancias, totalmente consciente del, se lle da traslado ao Xulgado.
Unha vez tomadas as correspondentes declaracións a vítima, que non é difícil imaxinar como se atopa xa a esas alturas do proceso: rota, ao agresor e as testemuñas se as hai, en moitas ocasións e, malia ter a certeza de que o "presunto" é francamente perigoso, tras o xuízo pertinente, sae absolto por falta de probas, porque, non o esquezamos, a violencia de xénero é un delito que case sempre se comete de portas adentro, no eido mais privado, e sen que existan probas reais ou tanxibles do mesmo, agás, naturalmente, naqueles casos nos que xa é tan brutal que hai lesións visibles, ou, por desgraza, se cobra a vida da muller, razón pola cal o xuíz, nalgún caso, aínda sabendo que o home é perigoso, non ten, reitero, proba ningunha que lle permita condenalo, e, sen probas, non hai delito, pese a quen pese.
Non lle queda máis opción que absolvelo.
Quere isto dicir que é inocente? Por suposto que non. Quere dicir, sinxelamente, que non hai nada sólido no que o xuíz se poida basear.
Resultado? o elemento en cuestión sae do Xulgado "empoderado" e con todas as papeletas para volver a agredir.
Cal sería a única maneira de poder protexer, ata certo punto, a esa muller, que, de todos é sabido, está aos pes dos cabalos?
Pois que, por mor de esa alerta do sistema VioGén e sabendo a policía o que hai, se preocuparan de protexela minimamente, malia que fora facéndolle, polo menos, un certo seguimento, nun momento crucial, no que está a correr aínda mais perigo que cando foi denunciar, materializando esa prevención da que tanto falan, que tanto nos venden, pero que, na práctica, e desgraciadamente, agás moi raras excepcións, case sempre se ignora.
Pero non, pola contra, o que se fai é darlle carpetazo a esa alerta, e a outra cousa.
Automaticamente, esa muller deixa de existir para eles, agás que, por desgraza, unha nova agresión a leve outra vez a comisaría, algo dubidoso, xa que, despois dos resultados obtidos case con total seguridade non contemplará esa posibilidade en absoluto, ou, o que é peor, e que está a pasar con tráxica frecuencia, cada vez máis, os que deberían ter mirado por ela e non o fixeron, acudan para facerse a foto no minuto de silencio despois de que sexa asasinada.
Cando isto sucede, rápidamente se apresuran a aclarar que a alerta VioGén estaba desactivada porque o asasino saíra absolto, ou, dito doutro xeito, a nos que non nos miren, que non fomos os que o perdoamos, sen ter en conta, ou, mellor dito, sen querer asumir, que, tal vez, se eles se tiveran tomado a mínima molestia por saber a sorte que estaba a correr esa muller, se podería ter evitado esa agresión, ou seguiría viva, segundo os casos.
Conclusión: Que un agresor, un maltratador, salga absolto non implica que sexa inocente, nin que o xuíz así o pense, pero para que poida condenalo é preciso aportar probas.
Tal vez, desgraciadamente, chegue a habelas nalgún momento, e digo desgraciadamente porque eso significaría que a muller volveu ser agredida, ou tal vez non, pero, namentres eso non suceda, se é que chega a suceder, tentar previr males maiores soamente é posible prestándolle a atención precisa non soamente aqueles que teñen a obriga de facelo, se non tamén, ollo, moi importante!, as posibles testemuñas, que tantas veces, sabendo, calan, sendo, co seu silencio, as mellores cómplices do agresor.
Asociación Si, hai saída