Manuel Pérez Lourido
Siga lambendo
Dende o día que alguén decidiu que a constancia era unha virtude, a constancia converteuse nunha virtude. Comezouse a animar aos cativos a perseverar, así en abstracto primeiro, e despois na multitude de aplicacións para as cousas da vida que pode ter a perseveranza. Vale, non sei eu se foi así exactamente, pero se cadra vostede tampouco.
Por todas partes somos obxecto dun constante ánimo a facer da constancia un modo de comportamento, un trazo do noso carácter (como se se puidesen escoller, como os toppings dun doce ou dun xeado). Falando disto: xa nos iogures que agochan un premio nos atopamos, despois de lamber ben a contra tapa, unhas liñas que nos animan a seguir intentándoo malia non acadar premio. "Siga lambendo" veñen a dicir. A pregunta tamén é: ata cando? Ata cando temos que lamber as tapas dos iogures para acadar un premio?
Éche moi doada pedirlle ao próximo que persevere, que non se renda, que insista, pero todo ten que ter un límite, non si? Por exemplo, se a un tipo que ten menos ouvido ca un anaco de madeira se lle mete na cachola chegar a ser un jimmi hendrix da guitarra… cando debería renderse? Canta desesperación pode aturar o seu entorno social ata que alguén o ameace con tragarse a guitarra con mastro e todo se non deixa de envelenar o aire co ruído que fai? Ten sentido animar a ese insensato a seguir pisando a palabra "música" só porque a constancia é unha virtude?
Estamos a falar de onde remata a perseveranza e onde comeza a teimosía. Non é o mesmo unha persoa testán ca unha que, con vontade de ferro, prosigue cara unha meta por lonxe que semelle estar. O mesmo non é… ou si?
Non é difícil atopar persoeiros, en diversos ámbitos sociais, que rematan acadando o éxito, ou polo menos o recoñecemento, simplemente a base de persistencia. Sexan políticos ou xogadores de billarda, donos de bar ou carteiros: ao final sempre te colgan unha medalla polos servizos prestados, ou pola túa longa traxectoria e blablabá. Que non digo que estea mal nada disto, moito menos o de blablabá, pero estase a facer da insistencia un camiño para o triunfo, independentemente de que se acade a excelencia ou de que toquemos ben a guitarra ou non? Estou a soltar preguntas coma quen sementa ao chou, a ver que pasa. Non teño respostas. Non quero telas, ter respostas está sobrevalorado: hai moita xente que as ten, e son distintas, entón xa me dirán.
A min, dentro dunha orde, a insistencia paréceme unha boa idea cando alguén se propón chegar a algunha parte. Sobre todo se ten claro as súas posibilidades de facelo, non se está a pintar a mona a ver se lle soa a frauta. Non é que non crea na sorte, pero penso que é para quen a traballa. Se che vai chegar a sorte, que te colla traballando. Baldreo. Digo que aqueles que teñen opcións de acadar o fin que se propuxeron teñen tamén a obriga de non renderse e de perseverar ata chegar á meta. Podería poñer moreas de exemplos de deportistas que, grazas á perseveranza, acadaron un triunfo que se lles resistía. Podería, pero non o fago porque non me lembro de ningún agora, por moito que insista en recordar. Seguro que vostedes teñen mellor memoria ca min e seguro que entenden a importancia do esforzo acompañado da constancia para acadar as metas que un se establece. E que non sei xa para que escribo nada. Teñan bo día.