Tribuna Viva
Carta aberta do Consello Escolar do CEP Marcos da Portela
O Consello Escolar do CEP Marcos da Portela, ante a avalancha de informacións, moitas delas inexactas ou máis ben falsas , que están a saír estes días nos medios de comunicación sobre o colexio, queremos facer o seguinte comunicado:
A presenza no recinto de cans, propiedade da familia do conserxe do centro, vense dando dende hai máis dun ano, tanto en horario lectivo coma non lectivo. Disto dan constancia as innumerables veces que tanto pais, nais e distintos traballadores do colexio víronos deambular polas pistas ou tiveron que recoller os seus excrementos para permitir que o alumnado puidese desfrutar do recreo.
Ao inicio do curso 2012-13, entre novembro e xaneiro, o equipo directivo dirixiuse ao conserxe Sr. Álvarez Vilariño, en dúas ocasións para informarlle do que estaba a pasar cos seus cans, da inquedanza que xurdía nas familias e o profesorado e pedirlle que retirase os animais do recinto. En ambas ocasións negou os feitos a pesar das múltiples testemuñas que confirmaban esa presenza.
Dado que a situación continuou ao longo do curso e, ao recibir máis queixas de nais de comedor e despois do incidente dun dos cans, de raza potencialmente perigosa, cunha nena nas inmediacións do centro (26 do abril do 2013), do que a súa nai presenta parte de lesións ante a dirección. O 6-05-2013 este Consello Escolar emite un informe dos feitos que envía ao Concello de Pontevedra, a Inspección Educativa e a Sanidade.
O 13-06-2013 o Concello resolve contestando : " Prohibir a presenza de cans no recinto escolar do CEP Marcos da Portela con carácter permanente tanto en horario lectivo coma non lectivo". Dita resolución foi comunicada ao colexio, ao conserxe e a ANPA.
A principios do curso actual 2013-14 mantense a mesma situación con respecto da presenza de cans da familia do conserxe no recinto, facendo caso omiso a resolución emitida polo Concello. A alarma entre as familias medra. O alumnado de comedor segue sen poder acceder ao patio escolar dende o mes de maio.
O xoves 17 de outubro celébrase unha nova reunión na que están presentes o inspector de educación, o conserxe Sr Álvarez Vilariño, dous membros da súa familia e membros do equipo directivo. O inspector insta ao conserxe e a súa filla a cumprir as normas establecidas e a non traer os cans ao colexio nin sacalos ao patio.
O mércores 23 de outubro o equipo directivo de novo entrevístase coa filla do conserxe, a instancias da inspección, para comunicarlle que hai un informe negativo da policía local sobre a presenza dos cans e que implica a obrigatoriedade de non traelos ao colexio. "Falta diálogo?"
Con todo isto o Consello Escolar denuncia as falsidades vertidas nos medios de comunicación con respecto á falta de diálogo, tolerancia e empatía por parte das persoas responsables do CEP Marcos da Portela. O único obxectivo que se persegue é facer cumprir as normas que impiden a presenza de animais no centro educativo e que nada ten que ver con maltrato ou rexeitamento dos mesmos, senón coa protección do alumnado.
Así mesmo, denunciamos a terxiversación da realidade do acontecido que vai en detrimento de toda unha comunidade educativa, "que está lonxe de calquera interese por manipular e desacreditar a ningunha persoa ou criminalizar ningún animal", en contra do que o propio conserxe pretende facer co centro na súa carta aberta publicada nos diferentes medios.
Para rematar con esta situación, lamentar que se cualifique como "espectáculo bochornoso" a defensa dos menores e de toda unha comunidade educativa, así como que non se tomase a decisión de retirar os animais con anterioridade, antepoñendo os intereses persoais ao ben público, e así o noso colexio estaría nos medios de comunicación, como ata agora, pola súa participación nas actividades e concursos que as diferentes institucións veñen convocando ao longo do ano, e se é posible, polos premios acadados nos concursos de redacción, de poesía, de "maios", premio de innovación,e polos bos resultados obtidos polo noso alumnado nas probas de avaliación de diagnóstico que a Consellería realizou no mes de maio.
CONSELLO ESCOLAR DO CEP MARCOS DA PORTELA