Marta Rodríguez Engroba
Xuízos paralelos e dobre moral, outra lacra que non deixa de medrar
O seu corpo apareceu no punto limpo da súa localidade, no medio do lixo.
Un tráxico leito de morte, que ninguén merece.
Tiña sinais de golpes, o que fixo que se considerara a posibilidade dunha morte violenta, hipótese que se vía, en certo modo, reforzada pola súa vinculación cun club de alterne da zona, non soamente por motivos laborais, se non tamén familiares, xa que a súa parella é fillo do propietario, malia o cal, a Garda Civil, que se fixo cargo da investigación, deixou claro, desde o primeiro momento no que se atopou o corpo, que se descoñecían as causas da morte da muller, así como a orixe dos golpes que presentaba, e que non se descartaba ningunha hipótese, mesmo que eses golpes foran producidos durante o traslado no camión do lixo recollido nos contedores e o posterior impacto ao ser baleirados, algo que agardaban axudara a esclarecer a autopsia, continuando a investigación, e sendo decretado, de seguido, polo Xulgado de O Carballiño, o segredo de sumario.
Pois ben, coma sucede cada vez con máis frecuencia, ese segredo de sumario foi olimpicamente ignorado por certos colectivos que, deixando de lado a máis elemental prudencia, sen ter en conta nin por un momento o dano que están a facer, e crendo, polo visto, que as normas, as leis, nada teñen que ver con elas, que están, polo visto, na posesión da verdade e por riba do ben e do mal, xulgaron, sentenciaron e decidiron elas, así, porque si, que a morte de Mila foi un asasinato, clamando xustiza, algo irónico vindo daquelas que a desprezan abertamente e mesmo convocando concentracións condenando o que elas, repito, decidiron, de motu propio, que fose un asasinato.
Nin por un momento se pararon a pensar, coma tantas outras veces, os prexuízos que a súa inconsciente prepotencia pode chegar a causar na investigación do caso, investigación que, obviamente, non lles corresponde en absoluto, e que as cousas non sempre son o que semellan ser.
Aínda a día de hoxe non se coñecen as causas da morte de Mila, nin as circunstancias nas que aconteceu, malia que o asasinato, segundo manifestou a Garda Civil, xa foi desbotado, continuando as pescudas e o segredo de sumario, pero elas, como quen oe chover, seguiron coa súa adiante, chegando a convocar e celebrar as concentracións, mudando, eso si, un chisco o guión, e esixindo agora que se aclaren as circunstancias da súa morte, todo isto no nome dese particular "feminismo" que exercen, para o que non existe máis leis, polo que se ve, que as que elas mesmas acuñan a súa conveniencia.
Evidentemente, todos e todas, agás que non teñamos nin un ápice de humanidade, desexamos saber que pasou, que foi o que causou ese tráxico final de Mila, pero iso non nos da dereito, a ninguén, feministas ou non, a pasarnos polo Arco do Trunfo a prudencia, as leis, nin moito menos nos outorga a potestade, que non nos corresponde en absoluto, para ditar unha sentenza
E por se isto non abondase, ademais desa soberbia que lles fai actuar coma se tiveran todo o dereito a rexerse única e exclusivamente por unhas normas que elas mesmas acuñaron e que tentan impoñer a todo o mundo, tamén nos deixaron un claro exemplo de dobre moral, por non mencionar que o afán de notoriedade asoma dun xeito moi sospeitoso, pero sen complicacións, sen meterse en camisas de once varas.
A noite da súa morte, Mila pediu axuda en dous establecementos de hostalaría.
En pixama, visiblemente desorientada, manifestando que a querían matar.
En ningún dos dous sitios, malia o lamentable estado no que ía, se tomaron sequera a molestia de chamar a policía, algo de puro sentido común, por mais que ela manifestara que non quería que o fixeran, e a deixaron marchar sen máis.
Non obstante, as persoas que lle negaron o auxilio, non tiveron nin o máis mínimo problema en contalo a posteriori, cando ela xa estaba morta, diante dunha cámara, con todo luxo de detalles, non obviando nin os debuxos do pixama que vestía, sen amosar nin a máis mínima emoción e encantados de ter o seu momento de gloria.
Pero, curiosamente, sobre isto, ninguén falou, ninguén reivindicou que quen lle negou o auxilio tamén debería pagar, ter o seu castigo.
Silencio total e absoluto... Disto non se fala!
De novo a dobre moral e a hipocrisía quedaron en evidencia, pero, a quen lle importa eso?
Por desgraza, non é este o único caso no que algo así sucede.
Cada vez con máis frecuencia, e poñendo por diante unha presunta loita contra a violencia de xénero, que non soamente non é tal, se non que desvirtúa notable e gravemente a de verdade, algún que outro grupo de persoas que, repito, dan toda a sensación de crer que están por riba do ben, do mal, e de toda norma, exercen a súa particular "xustiza", dando, ademais, unha visión do feminismo que en nada favorece ao auténtico, promovendo xuízos paralelos, que, por desgraza, inflúen en mais xente da que sería de desexar, e danando, en máis dunha ocasión, o proceso dunha investigación.
Descoñecemos que foi o que conduciu a Mila a tan tráxico desenlace, pero, se é que hai algo que reivindicar, o primeiro que hai que facer, creo, é empregar o sentido común, deixar facer o seu traballo a quen corresponde, o que tamén implica respectar os tempos, algo que, aquelas que semellan saber tanto deberían entender mellor que ninguén, e non entorpecer con actos que, en definitiva, a ninguén benefician, agás a máis dun ego.
O contrario non é loitar contra a violencia machista, se non botar polo chan a credibilidade de quen o está a facer, e situarnos cada vez máis preto do punto de partida, algo para o que xa nos falta cada vez menos.
Moi pouco, de feito.
Esixir xustiza está moi ben, esixir respecto tamén, pero, para isto, o primeiro, o primordial, é demostrar que se é quen de exercelo, de respectar.
Soamente a partir dese momento, as esixencias terán xustificación.
O contrario, é fume, e, como fume que é, o único que provoca é cheiro e abafo ata que acaba por desaparecer.
Asociación Si, hai saída