Pedro J. Peón Estévez
A volta ó mundo de Gonzalo de Vigo (e V)
A todo isto, o tataravó Tristan ficaba no medio da reunión coma un oficial máis e incluso se tomaba a liberdade de intervir, iso si, con cautela. Xunto cos demáis, foi convidado a xantar co capitán Glass. O capitán García fíxolle acenos de que se retirase pero el, papador coma poucos, contestoulhe cun aloulado sorriso de orelha a orelha. Foi perante o xantar onde o capitán do USS Charleston lhes falou do decorrer da guerra, cousa que eles ignoraban totalmente. Alí, o tataravó Tristán soubo de primeira man da humillante derrota da flota do contraalmirante Patricio Montojo y Pasarón pola noteamericana do comodoro George Denwey o 1 de maio de 1898 na bahía de Manila, 10 días despois da moi sospeitosa explosión do Maine no porto da Habana. Daquela, comezou a porse o sol no, outrora temido, Imperio Español"
Nese intre, Sumahi Vigo, mirou ós presentes esbozando un complacente sorriso como dicindo: " que cousas, verdade ?"
Cómpre aclarar que a flota de Montojo era inadecuada, obsoleta e o seu estado, lamentable. Como case todo naquela destartalada Espanha borbónica. Sumahi seguiu co relato:
"O tataravó Tristán aínda tivo a insolencia de preguntar ó capitán con que forzas contaba. Amablemente mr. Glass enumeroulhe os seguintes efectivos:
- Un cruceiro blindado, o Charleston con 2canóns de 200 mm., 6 de 150mm. E outros 14 doutros calibres e 600 homes máis tres trasatlánticos; o "City of Pekín", o "Australia" e o "City of Sidney" cunha división a bordo de 5.000 homes ó mando do xeneral Anderson...
O meu devanceiro non quixo máis saber; rodeou a mesa, púxose a carón do capitan americano e, dirixíndose ós espanhois, dixo fachendoso:
- Moi ben amigos, non lhes queda outra que capitular e salvar a pelica ou...-fíxolhes un aceno co punho dereito e o dedo gordo cara abaixo.
- Diso nada! -berrou o doctor póndose en pé- Loitaremos ate o último home se for menester !- O cura tiroulhe da roupa e díxolhe na orelha:
- Vostede sente aí e fique caladinho se non quere atrapar unha ostia, pero non das de comungar, senón das de arremangar...entendido?
E tal como propuxera o tataravó Tristán, na manhá seguinte e tras moitas negociacións e titubeos varios o xefe do destacamento de Guaján, xeneral Juán Marina firmou a rendición da malfadada "Perla do Pacífico" que ficou en mans dos EEUU. Ata que chegaron os xaponeses."
- E os xaponeses chegaron en decembro de 1941 - volvin intervir eu- Da toma de Guam polos xaponeses non hai moito que contar. Comezou o ataque o día 8 co afundimento do barco USS Penguin polos propios americanos para que esta nave non caíse en mans enemigas despois de que se abatera un avión xaponés desde ela. O governador, un tal George McMillin rendiuse alá polas sete horas do día dez cedendo o control da ilha ó inimigo. Total, vendo que os xaponeses eran moitos e ben armados, os ianquis puxeron pés en polvorosa deixándolhe o calote ós pobres chamorros que non tinhan culpa de nada. Víronse obrigados a aprender o idoma e as costumes niponas, a ser explotados e excravizados e mesmo asasinados polos ocupantes. Os que sobreviviron estiveron a un tris de morrer polo lume cruzado xaponés e pola xa célebre mala distribución das bombas americanas na reconquista. Despois de moito guerrear, o 10 de agosto de 1944 Guam volveu a ser americana. Varios soldados xaponeses que non quixeron rendirse ficaron un tempo agochados a pesar de botar desde avións octavilhas avisándolhes que a guerra rematara. Pouco a pouco, todos se entregaron ou foron capturados....todos agás un: o cabo Shoichi Yokoi. Conte este feito senhor Vigo.
- "Esa conhecémola ben porque lhe pasou ao meu pai Orencio Vigo un día que se meteu na selva cun amigo seu coa intención de levantar unha especie de nasas coas que pescaban camaróns nun regueiro, afluente do río Talofoto, cando viron un tipo pescando. Nun principio pensaron que sería un paisano da aldea que había dalí preto pero axinha se decataron de que o tal era xaponés. Entón emboscárono entre os dous e non puido escapar. Aquel espantalho vestido con vexetais púxose en pé dun salto e apuntoulhes cun velho fusil.
- Banzai !! -berrou o fulano.
- Pero que banzai ni que caralho, macho...ti estas fodido da cheminea !
O outro esbardalhaba en xaponés e simulaba disparar co seu enferrulhado fusil. O meu pai mailo outro entendíanlhe todo que para iso foran obrigados a aprender xaponés trinta anos atrás sendo nenos. Por último convencérono para que fose con eles por mor de comer algo quente e vestir unhas roupas enxoitas. Aquel home contoulhes que vivira as dúas batalhas de Guam e cando entraron os americanos a saco, el e outros metéronse na selva. Os outros dispersáronse ou morreron. En 1952 oíron que a guerra rematara pero non se fiaron. Non sería a primeira vez que os americanos os enganaban con esta artimanha para asesinalos unha vez se entregaban. Cazando e pescando o que podía e vestindose de folhas, Soichi Yokoi, sarxento do exército imperial do Xapón viviu 28 anos! nunha cova oculta por unha fervenza do río Talofoto en Guam, a quen os xaponeses rebautizaran Omiya- Jima (Gran Ilha Santuario). O meu velho fíxose moi amigo de Shoichi, este díxolhe:
- E agora, que vai ser de min? -O meu pai contestoulhe axinha.
- Agora?, agora vaste ó Xapón coa túa xente a facer por vida, que aínda es un mozo
A tempo de casar e ter familia e ao emperador que lhe dean, que xa lhe entregaches os melhores anos da vida.
- E se descobren que fun un desertor ?
- E quen lhelo vai dicir ?...ti ?, porque eu non penso. Eu, aquí onde me ves, descendo dun gran navegante que tivo a feliz idea de desertar nesta ilha no século XVI...e que?
O sarxento Soichi Yokoi foi recibido no Xapón con honras de heroe. Casou e fíxose moi conhecido nos medios. Pero era un inadaptado. 28 anos vivindo nunha cova pesaban moito e botaba de menos Guam, a que visitou varias veces.
Sumahi Vigo barreu coa olhada a tódo-los presentes. Era un olhar fito, grave. Presentín que estaba chegando a fin e que quería despedirse con algo moi importante e/ou serio.
- "Que ten a nosa pequenísima patria guamenha que sempre está no punto de mira de tódolos imperios? Somos o povo máis pacífico que existe. Somos hospitalarios, conformámonos con pouco e xamais nos metemos con ninguén, daquela...por que nos ponhen no olho do furacán? Por que os ianquis vinheron chantar as súas bases aquí? Por que somos decote o branco das babas dos Trump e Kim Jong-un e os seus mísiles nucleares? Por que este mundo está plagado de absurdos enfrontamentos? Parécelhes pouco o que o povo de Guam, a humanidade enteira, leva sofrido?
Sería tan difícil facer como fixo o primeiro avó Gonzalo de Vigo que chegou e integrouse agradecido, sen imponher nada, respectando a todos e deixando un grato recordo ?"