Gregorio Agís
Chelo, un referente ético para tod@s
Onte despedimos a que foi a miña compañeira de partido e de Goberno nos últimos quince anos. Compartimos loita e ilusións case que a diario deixando un gran poso en nos de traballo, de ilusión, de respecto e cercanía á veciñanza de Poio, de empatía e de capacidade de xestión, sempre dende o respeto e a concordia. Se Chelo non o conseguía non era posible. Chelo Besada foi un referente para todas e todos nós, despídese da política, logo de adicarlle ao Concello de Poio practicamente 25 anos da súa vida. Agora, a nosa Chelo gozará dun máis que merecido retiro, gañado con creces, aínda que non podo evitar sentir tristeza polo vacío que nos deixa aos que compartimos o día a día da vida municipal e política con ela.
Tiven o privilexio de compartir con ela innumerables reunións, horas e horas de traballo e o desenvolvemento de numerosos proxectos que axudaron a mellorar o noso municipio. Se tivera que salientar dous aspectos de Chelo na súa andaina política, sen dúbida serían a súa capacidade de sacrificio e a conexión que sempre tivo coa veciñanza, dous rasgos aos que debemos sumar a súa incalculable calidade humana. Para min, Chelo é moito máis ca unha compañeira, é unha amiga da que me sinto orgulloso e da que aprendín moitísimo.
Pode que aínda sexa demasiado pronto, pero sei de certo que a pegada que deixa Chelo no Concello será recoñecida como merece: a dunha socialista convencida que non dubidou en converterse na primeira candidata muller da historia de Poio, e que, despois de completar un labor impecable como responsable de Xuventude, Igualdade ou Servizos Sociais, dirixiu durante 15 anos o departamento de Obras e Servizos.
Como veciño de Poio, como socialista e como amigo non podo máis que sentir admiración por unha gran persoa, que agora comeza unha nova etapa da súa vida, da que merece gozar ao máximo, xunto coa súa familia.
Grazas por todo, Chelo.