Marta Rodríguez Engroba
Feminicida e home non son sinónimos
A razón pola que me sucede isto é que, por desgraza, case ningunha podo facelo sen ter no recordo a noticia dalgún episodio ou dalgún asasinato machista durante eses 7 días.
E esta non é unha excepción.
Cando aínda non nos deu tempo a asumir o asasinato de Claudia, de tan só 17 anos, pola súa ex parella, foi Khaula, practicamente unha nena, 14 anos tiña, a que correu a mesma sorte.
Non hai palabras para describir tanta dor, tanta violencia salvaxe, e, por que non admitilo, tanto medo, porque é evidente que algo moi grave, tremendamente grave, está a suceder na nosa sociedade, na que a violencia de todo tipo, pero especialmente a violencia de xénero está a normalizarse, a afianzarse, e, o que é peor, a ser aceptada, cada vez máis, sendo isto máis notable, se cabe, entre os máis novos, malia que, esta mesma semana, a señora Delegada de Violencia de Xénero nos dicía xustamente o contrario, que diminuíra, o cal nos leva a pensar que, ou está mergullada nunha realidade paralela, porque os que vivimos a violencia machista de preto, cada día, percibimos xustamente o contrario, ou nos está a tomar a todos por idiotas dando por feito que comungamos con rodas de muíño, e, francamente, non sei cal das dúas posibilidades me da máis medo, sen excluír unha terceira, por suposto, que é a de que todo o que non sexa seguir nese posto privilexiado que lle procurou a Sra. Ministra lle importe tres pitos, algo que é perfectamente compatible coas outras dúas e que me atrevo a afirmar que está moi presente.
Pero este sería outro debate que, ademais de ser, me temo, inútil, non é o que hoxe me gustaría comentar.
Ten en común, eso si, co tema que vou a expoñer, que a protagonista de ambos é unha muller, e que a ámbalas dúas se lles outorga un papel destacado no feminismo, na loita pola igualdade e contra a violencia de xénero, o cal a min, persoalmente, prodúceme auténticos arrepíos.
Estou a falar, neste caso, da Sra. Cristina Fallarás, escritora, xornalista... e activista destacada no eido do feminismo seica, e, en particular, de algo que lle escoitei dicir nun programa de televisión deses nos que ela participa como tertuliana con esa vehemencia que a caracteriza e que a min, persoalmente, e malia que tamén adoito expresarme con notable enerxía, tal vez as veces excesiva, o recoñezo, consigue sacarme das miñas casillas, porque máis que coa vehemencia, non podo evitar identificar o seu ton coa prepotencia, coa soberbia e con ese aire de "calade e deixádeme falar a min, que sei de todo e de todo entendo" e que, o confeso, non son quen de soportar.
Teño que admitir que nunca escoitara falar de Cristina Fallarás ata, creo lembrar, alá polo ano 2012, cando contaba, nun programa de televisión, o seu desafiuzamento, retratando unha realidade que a maioría semellaba ignorar.
Esa experiencia, narrada por alguén que tiña unha traxectoria profesional tan brillante como semellaba ser a súa, cobraba unha especial relevancia, xa que era unha chamada de atención a sociedade para que tomara conciencia de que, en contra do que se pensaba, e aínda se pensa, a sorte pode mudar dun día para outro e calquera se pode ver na rúa.
Pareceume a súa unha testemuña moi interesante e moi valente, porque non calquera é quen de admitir atoparse nunha situación de tal vulnerabilidade que , ademais, estigmatiza inxustamente a quen a sufre.
Desde ese momento, comecei a seguila con certo interese, e, francamente, moi pronto me desencantou.
Comezou a acudir aos platós, e a postularse como líder feminista, instando as mulleres, que, coma ela, nai solteira, se atoparan nunha situación de igual vulnerabilidade, se "empoderaran", como ela o fixera, reinvéntándose e saíndo adiante, dirixíndose especialmente as vítimas de violencia de xénero.
Claro, é o mais común, que calquera muller que chegue a verse nesta situación, sexa reclamada polas canles de Tv. e lles paguen por contar a súa experiencia e por opinar... Sucédelles todos-los días e a todas e cada unha delas!
Malia isto, foi ascendendo nesa escala de feminismo que eu non comparto, teño que admitilo, porque peca, para min, en demasiadas ocasións, dun radicalismo que, na miña opinión, desvirtúa ao auténtico, sendo elevada case a categoría de icona do mesmo, e cobrando por selo, claro.
Pois ben, hai uns días, nun deses programas nos que participa ou, mais ben, "dogmatiza", e cando se falaba do asasinato de Claudia, a rapaza de 17 anos a que me referín, e, porén, da violencia de xénero, a Sra. Fallarás berrou repetidamente "Que los hombres nos dejen en paz a las mujeres de una vez!", "Dejadnos en paz!", a vez que a condutora do programa asentía coa cabeza e lle daba a razón.
E a min gustaríame lanzarlle unha mensaxe:
Sra. Fallarás, arengas coma a súa, non soamente non axudan a loita contra a violencia machista, se non que ocasionan un grave prexuízo.
Eu descoñezo como é a sua vida, nin me importa, francamente, como tampouco sei con que clase de homes se cruzou, se cruza, ou deixa entrar nela, nin son quen, faltaría mais, para cuestionalo, pero unha cousa lle vou dicir.
Eu, como tantas e tantas mulleres, son nai dun home, que non maltrata. Filla doutro, que tampouco maltratou na súa vida e fun parella durante moitos anos dun home que é a antítese do maltrato.
Teño amigos, homes, que rexeitan rotundamente a violencia de xénero, e que mesmo colaboran na loita contra ela, e tamén tiven, certo, a desgraza de atopar un monstro nun momento dado que a piques estivo de matarme.
Méteos isto a todos no mesmo saco? De verdade cre que o que Vd. berra é xusto e prudente? É consciente do dano que está a facer?
A ese despropósito lle chama Vd. feminismo, ou loita contra a violencia machista?
Acaso o feito de nacer home é un factor determinante para acabar sendo un maltratador?
Lamento dicirlle que non me convence en absoluto a súa resposta cando un dos seus compañeiros que participaba no mesmo faladoiro lle recriminou exactamente o mesmo que eu estou a facer agora: "Si tú no maltratas, no tienes por qué sentirte aludido".
Para ser Vd. alguén que se gaña a vida coa palabra,permítame que lle diga que o seu xeito de expresarse deixa bastante que desexar.
Se Vd. fala de "homes", está a dicir xustamente eso, "homes".
Se Vd. berrara "Feminicidas, dejadnos en paz!", sería outra cousa, porque isto é algo polo que moitos e moitas clamamos e polo que traballamos cada día
Nin a loita contra a violencia de xénero nin a prol da igualdade vai disto, Sra. Fallarás, e as súas proclamas, lamento dicirllo, non a afasta tanto deses maltratadores, porque Vd. está a maltratar de palabra a moitos homes que rexeitan de plano toda violencia sobre a muller, e tamén a moitas mulleres que, extremadamente vulnerables despois de vivir o inferno a violencia machista, a escoitan e a cren.
Non son quen para dar consellos, pero si que me vou permitir facerlle unha suxestión: Antes de pretender curar feridas alleas, hai que curar as propias, e, as veces, cando non se fai, por moito que se maquillen, é inevitable que algo se noten.
Por que non proba a facelo?
E, namentres, tente facer un esforzo para ter presente e asumir que feminicida e home non son sinóminos.
Asociación Si, hai saída