Tribuna Viva
A situación actual da asociación Arousa Moza
Debido á situación de desesperación na que nos atopamos, vémonos na obriga de emitir este comunicado publicamente.
Con data 2 de febreiro de 2022, o Concello de Vilagarcía de Arousa notificounos mediante unha breve comunicación que esta asociación debe retirar todas as pertenzas das instalacións do Liceo Casino antes do día 28 de febreiro, sen ofrecer ningunha alternativa, tal e como se comprometera a concelleira de Xuventude, Alba Briones, na rolda de prensa do 26 de agosto de 2021 con motivo do Arousa Inspira 2021.
De feito, non só non se nos ofrece alternativa algunha, senón que, dende esa rolda de prensa, fai xa seis meses, nin a concelleira nin ninguén do Concello de Vilagarcía se puxo en contacto con nós para tan
sequera coñecer as nosas necesidades ou comunicarnos os avances de dita busca, o que indica o interese e escasa preocupación pola posible desaparición da única asociación xuvenil que opera actualmente na nosa cidade.
A día de hoxe, Arousa Moza non conta con ningún “plan B” co que poder continuar a actividade e moito menos cun lugar onde poder gardar todo o acumulado durante estes anos nos que tentamos converter o Liceo Casino no espazo para a mocidade vilagarciá do que carece o noso concello. Os nosos bens van dende mobiliario (mesas, asentos, etc.) ata electrodomésticos como frigoríficos, voluminosos equipos de son ou dous futbolíns.
Levamos meses en busca de posibles solucións pero, ante a inviabilidade de pagar polo aluguer dun local ou espazo (lembramos que somos unha asociación sen ánimo de lucro que funciona por medio do voluntariado e sen cotas), a única opción que nos deixan é a de malvendelo todo, perdendo cartos, e derrubando todo o construído durante anos en prol da nosa vila e mocidade.
Asemade, a principios de novembro, o Concello mudou a pechadura das instalacións (un posible delito que está en mans da xustiza), negándonos o dereito á realización de todas as actividades que viñamos organizando, tanto para a xente nova coma os nosos maiores, as idades máis castigadas pola pandemia e pola falla de espazos.
O Concello alegou no seu día que isto se debía ao comezo inminente das obras, pero o certo é que a día de hoxe, máis de tres meses despois, esas obras non só non comezaron, senón que nin sequera foron licitadas, privando á nosa cidade do beneficio que aportamos coas nosas actividades e campañas. E o Liceo Casino continúa a desenvolver a súa actividade alí, nun claro trato de favor e diferenza entre asociacións.
Ademais, non está de máis lembrar que, só no aluguer do espazo, levamos pagados ao Liceo Casino preto de 4.000€, continuando a día de hoxe co pagamento mensual acordado por recomendación dos nosos avogados, pese a non poder utilizar o espazo, ao non ter recibido esta asociación notificación ou comunicación algunha indicando a finalización do convenio, nin por parte do Liceo Casino, co que se firmou, nin do Concello de Vilagarcía, quen alega ser o propietario das instalacións na actualidade.
A maiores do comentado anteriormente, no pleno do mes de novembro o Concello de Vilagarcía de Arousa aprobou unha moción presentada por Marea da Vila, tras reunirse previamente con nós, para a posta a disposición das asociacións dun listado de instalacións públicas das que facer uso. Tres meses despois non temos nova algunha ao respecto, malia que veciños da vila se puxeron en contacto con nós para comentarnos que hai espazos municipais infrautilizados ou incluso sen actividade algunha. Descoñecemos se o Concello non é consciente destas situacións, algo que nos parecería moi grave e proba do desinterese, ou se nos ocultan as alternativas deliberadamente.
Esta situación énchenos de tristura, impotencia e desesperación, ao ver que todo o logrado con esforzo e traballo esfúmase sen poder facer nada ao respecto e sen recibir o apoio e axuda do noso Concello, co que sempre colaboramos cando recibimos a chamada e nos precisou, coma na toma das uvas ou a distribución de alimentos e medicamentos durante a pandemia.
Por último, en canto aos intercambios internacionais Erasmus pendentes, levamos meses analizando diferentes opcións, para así non perder as subvencións obtidas tras moitísimo esforzo e dedicación e non renunciar ao impacto positivo que estes xeran. Debido a que estamos chegando á data límite para a súa aplicación, o máis probable, tras darlle moitas voltas e lamentándoo moitísimo, é que estes teñan que ser trasladados fóra de Vilagarcía, ao non atopar os espazos que cumpran as condicións mínimas esixidas para o desenvolvemento dos mesmos.
Arousa moza