Marta Rodríguez Engroba
Expedientes post mortem que non devolven vidas
Eva, temendo pola súa vida e pola da nena, fixo o correcto, denunciar primeiro o seu maltratador, e, posteriormente, con motivo dos quebrantamentos, tentar previr, dar a voz de alarma, pedir axuda, ou como se lle queira chamar e que tanto recomendan, tanto que se lles enche a boca, desde o Goberno, Institucións diversas, Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, e mesmo desde chiringuitos dos "ben vistos"; pero claro, non tivo en conta que unha cousa é predicar e outra ben diferente dar trigo, ou, dito doutro xeito, que falar é gratis e queda moi ben, principalmente se é diante dunha cámara ou dun micrófono, e xa non digamos se, aínda por riba, se cobra por facelo, pero que a realidade, esa que non se conta, que sucede fóra dos despachos, que semellan non coñecer nin sequera moitas das que berran iso de "Non estás soa", "Nin unha menos" e, o que é peor, tampouco aqueles que teñen a obriga de protexer as vítimas de violencia de xénero e aos seus fillos.
Eva alertou a Garda Civil pero, claro, o fixo en aparente bo estado, e o pánico, a certeza de que o teu verdugo vai cumprir a súa ameaza, non abonda para ser tomada en serio.
Hai que ter evidencias físicas.
Para que unha muller sexa considerada vítima, maltratada, non ten soamente que selo... ten que parecelo.
A Eva non lle dera unha malleira, non tiña golpes, nin lesións, nin ningún coitelo cravado... aínda, e nin sequera o feito de que a súa ex parella tivera xa antecedentes por violencia machista, de que xa fora denunciado por unha parella anterior e se atopara, de feito, á espera de sentenza, foron motivos suficientes para protexelas a ela e a súa filla, nin moito menos para facerlle a el un seguimento, porque, xa se sabe, a liberdade dos maltratadores para moverse como mellor lles pete hai que respectala escrupulosamente, poñendo tanto celo en facelo como en cuestionar as vítimas, ademais, así o di o "manual", e neste país noso somos moi de seguir os manuais, sobre todo se isto nos exime de cumprir coas nosas obrigas, porque, como di o refrán, "Corpo descansado, diñeiro vale".
Por outra banda, sempre se nos está a recordar a esmeradísima formación que teñen os integrantes dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado encargados de velar, de protexer, as vítimas de violencia de xénero.
Que sexan ou non minimamente sensibles, que empaticen coas vítimas, que saiban ou se tomen a molestia de tentar afondar un pouco máis no que, ás veces, as propias vítimas, aterrorizadas, nerviosas, ou tal vez non conscientes da súa importancia, relatan, e que pode ser decisivo para obter unha valiosa información que permita brindarlles a protección que realmente necesitan, algo, por certo, que é un dereito, non unha deferencia, e unha obriga de quen debe prestala, é algo secundario, por non dicir unha parvada, que tan só nos preocupa a catro histéricas que somos "antihomes", seica.
Así as cousas, tan só unhas horas despois de que Eva solicitara axuda a Garda Civil, e de que, ata onde se sabe, se lle fixera caso omiso, ela e a súa filla foron salvaxemente acoiteladas pola súa ex parella e pai, que cumpriu a súa ameaza, sen que ninguén movera, pese aos avisos da muller, nin un só dedo para previr a traxedia.
Despois veu, coma sempre que un crime machista se consuma, a consternación, o minuto de silencio e as declaracións cariacontecidas ante os medios de comunicación de políticos, autoridades, que condenan, manifestan repulsa, pero que non dubidan en enxalzar e, por suposto, apoiar, un sistema que, claramente, pon as vítimas de violencia de xénero e aos seus fillos aos pés dos cabalos, pero que nada fan por mudar porque é rendible, moi rendible.
É inútil que, os que de verdade coñecemos a realidade das vítimas, solicitemos reiteradamente, e desde hai anos, que se revisen, de xeito urxente, os criterios para seleccionar a todos os axentes implicados na súa protección e atención, que non facelo está custando demasiadas vidas e que non hai galóns, nin uniformes, nin cargos, que garanten a sensibilidade, a psicoloxía e a VOCACIÓN, así, con maiúsculas, que esta tarefa require. Que repitamos ata a saciedade que nos atopamos con policías, G. Civiles, xuíces, machistas, insensibles, misóxinos, mesmo que tamén exercen maltrato na súa vida privada, e que non se pode dar por sentado que o feito de ocupar determinados cargos ou manexar certas habilidades traen a humanidade e a ética "de serie", como ocorre en todos os eidos da vida.
Non se trata de demonizar a ningún colectivo, claro que non!
Evidentemente existen excelentes profesionais e cunha enorme sensibilidade, dou fe, pero tampouco nos podemos enganar, nin pechar os ollos á realidade.
Estamos a falar dunhas institucións tradicionalmente machistas, cuns prexuízos moi arraigados, e que se rexen por uns criterios que, no eido da violencia machista, claramente non serven.
Ser bo policía, bo garda civil, no sentido tradicional que isto aínda se entende, non é, para nada, sinónimo de estar capacitado para ocuparse destas mulleres, destes nenos, e insisto, non se trata de demonizar a ninguén.
Trátase de colocar a todo o mundo no sitio que lle corresponde, onde poida desempeñar o seu traballo ao cen por cen, poñendo a alma nel, e non limitándose a cumprir o expediente, e se, aínda así, non é quen de facelo, lamentablemente, tocaría tomar decisións e adoptar medidas.
Tal vez soe utópico, pero non soamente non o é, se non que é o mínimo requisito para aqueles que deben protexer vidas.
A Garda Civil anunciou esta semana que abriu expediente disciplinario por posible neglixencia na actuación dos axentes que participaron na detención do asasino de Eva e da filla de ambos, por unha falta grave do Réxime Disciplinario, un procedemento este que xa anuncian longo, e, do que supoño, é moi pouco probable que se volva a falar e menos aínda, porén, coñecer a resolución, como xa sucedeu noutras ocasións precedentes, porque o mais tráxico e isto, non foi a primeira vez, se non que xa sucedeu algo semellante en moitas ocasións, en demasiadas, e, por desgraza, atreveríame a augurar que tampouco vai ser a derradeira, pero, malia que non fose así, de que lles serve a Eva, a súa filla, o expediente, todos os expedientes do mundo?
Acaso lles vai devolver a vida?
Evidentemente, non, porque a realidade e esta, así de dura e de descarnada.
Os expedientes post mortem non devolven vidas.
E mentres, desde o noso goberno, desde ese flamante Ministerio de Igualdade, seguen, o mesmo que os seus antecesores, conste, a facer oídos xordos, a pechar os ollos, ante unha realidade desoladora, pero a que ninguén se quere enfrontar.
Falan moito, iso si, de feminismo, de sororidade, de asuntos de tanta enxunlla como elevar a categoría de himno feminista unha canción porque dí "teta", pero de tentar evitar que nos sigan matando, de que nos protexan, diso, máis ben pouco.
Hai prioridades, está claro.
Asociación Si, hai saída