Marta Rodríguez Engroba
E, namentres, que pasa co agresor?
E, se hai algún eido no que isto suceda, malia ser o que precisaría unha atención extra precisamente nestas datas, é o da violencia de xénero, que semella ser invisible entre as panxoliñas, os agasallos, a exultante felicidade máis ou menos real, segundo os casos, e os abondosos desexos de amor e boa vontade... Vontade, ollo, que non propósito da emenda de aquelo que non se está a facer ben, que esa, na maioría dos casos, por desgraza, nin se albisca, nin se lle agarda.
Pero o "nirvana" do Nadal rematou, e toca volver a poñer os pés na terra, e a aterraxe non é moi prometedora, porque hai cousas que, nin se están a facer ben, nin hai a menor intención, por parte daqueles que poderían contribuír a corrixilas, de facelo, entre outras razóns porque existen aspectos da realidade que, por máis que se lles amosen, non queren ver, e, ante iso, xa se sabe, non hai mellor cego, polo que pouco ou nada se pode facer.
E un bo exemplo disto son, penso, as medidas que, en plena euforia do mes de Novembro, coma sempre acontece nos días previos ao 25N, se aprobaron, e por unanimidade, certo, o cal é aínda máis alarmante, entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Igualdade, en canto a acreditación das mulleres vítimas de violencia de xénero como tales, e que, a cantos traballamos en contacto directo con elas, nos parecen, unha vez máis, unhas medidas "cosméticas", que deixan en evidencia, ademais, que a realidade da problemática desta lacra é algo do que non acaban de tomar conciencia, e, o peor de todo, e isto é o máis grave, tampouco se lles ve interese en facelo.
Supostamente, estas medidas teñen como finalidade facilitar o acceso das vítimas ás axudas que precisen, malia que se atopen en determinadas circunstancias, como poden ser, por mencionar algunhas, que estean en proceso de toma de decisión de denunciar, se presentaron unha denuncia que posteriormente foi retirada, co caso aínda instruíndose, se lles foi denegada a orden de protección ou perderon os seus casos.
Pois ben, para comezar, habería que facer unha división destas circunstancias, en dous grupos, xa que nada teñen que ver unhas coas outras.
Nos tres últimos, é dicir, se o seu caso aínda se está instruíndo, se os perderon, ou a orden de protección lles foi denegada, existe unha denuncia previa, e, obviamente, elas nada poden facer para acelerar o proceso, por máis que o desexen, pero, existe, repito, unha denuncia, polo que é lóxico que non se lles castigue aínda máis demorando ou denegándolles o acceso a unhas axudas que son fundamentais para que poidan saír do seu inferno e tentar acadar o primeiro chanzo para acadar ter unha vida normal, sen que o terror sexa o seu constante compañeiro.
En canto aos dous primeiros, é dicir, se non existe denuncia, ou se interpuxo e foi posteriormente retirada, e óbviase dito requisito para acceder a estas axudas, é, na nosa opinión, un evidente retroceso, e non porque se tente poñer, como poida parecer, un atranco máis a estas mulleres, se non todo o contrario.
Se algo temos claro, ou, mellor dito, todos deberiamos ter claro a estas alturas, é que non hai outro xeito de saír da violencia de xénero que non sexa denunciando.
Outra cousa é que, cando se deciden a facelo, se atopen, en demasiados casos, con que a realidade non é como lla pintan, e que nin sempre son cridas, nin atopan a empatía e a comprensión que tanto lles prometen, nin moito menos se lles brinda a protección que precisan, como queda traxicamente demostrado, sen ir máis lonxe, con algúns dos últimos asasinatos machistas acontecidos no 2021 no que existían ordes de afastamento en vigor, e para remediar isto é para o que hai que loitar.
Evitar a denuncia nunca, e repito, NUNCA, é a solución, e que isto non suceda é algo polo que moitos levamos anos traballando, tentando concienciar tanto a sociedade como as propias vítimas e loitando para que sexan atendidas e protexidas como se merecen, como teñen todo o dereito, e como aqueles que reciben estas denuncias teñen a obriga ineludible de facelo, pero non podemos esquecer que este é o "tema tabú", do que nunca se fala, e no que todo se está a facer ben... A vista, por desgraza, está.
É, porén, moi grave, que, a estas alturas, semelle fomentarse xustamente o contrario, sendo estas medidas algo que, obviamente, proporciona un maior lucimento político, aplaudidas pola inmensa maioría, que descoñecen a dura realidade, que se coida porque siga sendo así, que é, en definitiva, do que se trata, e acerca do que, curiosamente, non discrepa ningunha cor política e que é, ademais, infinitamente máis cómodo que traballar para que as cousas funcionen.
Por outra banda, é tremendamente significativo que, cando os nosos políticos falan de acceder a axudas, o fan sempre en termos económicos, algo sen dúbida, moi importante, iso ninguén o cuestiona, pero, pola contra, ignoran algo fundamental, que é, ademais, unha cuestión de puro sentido común e, sen o cal, todo o resto de axudas pode chegar, por desgraza, a carecer de sentido.
Señoras e señores políticos, se a vítima non denuncia, que pasa co seu agresor?
A ver se alguén o adiviña!...
Pois que segue libre, e, en consecuencia, a vítima en risco, polo que, para moitas, as axudas en cuestión, cando cheguen, que tampouco será tan rápido como prometen, e disto tamén sabemos algo, de nada servirán, agás tal vez para axudar a pagar o seu enterro... É o que ten evitar a denuncia.
Sen denuncia, non hai delito, nin, porén, culpable, nin posibilidade algunha, obviamente, de protección para a vítima.
En canto as denuncias que son retiradas, se a vítima require protección, se lle vai prestar igualmente?
Sería, francamente, unha tráxica burla, cando, como mencionaba antes, hai mulleres que despois de denunciar, e que lles fora concedida unha orde de afastamento, son igualmente asasinadas polas súas ex parellas, porque, nin elas teñen protección ningunha, nin a eles se lles fai seguimento de ningunha clase.
Alegan, moitas veces, cando isto sucede, as poucas veces que se dignan a dicir algo, falta de efectivos... A ver se agora vai resultar que sobran e se vai protexer mesmo as que retiraron a denuncia, queiran elas ou non!
En definitiva, a conclusión está clara: imos de mal en peor, porque se ninguén se fixo a pregunta coa que lle dou título a este artigo, todo o demais sobra.
Asociación Si, hai saída