Antón Roel Villanueva
A carón de Santa Clara
Nunha xornada de portas abertas imos coñecer a horta das monxas do Convento de Santa Clara, moitos séculos pechado para a cidadanía.
Imos como nun regueiro de formigas, con coidado de non pisar as ouricelas que esvaran entre as follas, nunha antoloxía de cores nunha pradería de herba cun manto de escarcha. En silencio para non perturbar o descanso de templarios e monxas que habitaron este espazo. Marabillados do grande que é.
Un verxel co lavadoiro, a fonte do xardín irmá da da Ferrería, a capela, o corredor para meditación nos días de choiva, o claustro artesanado á beira do xardín, e todo tipo de árbores froiteiras e viñedos. Todo ese espazo marabilloso no centro da cidade.
Hai que poñer en valor o ben que o souberon conservar e que se lle dese prioridade ao Concello para poder compralo, para que todos podamos gozar dese espazo único.
Non quero imaxinalo en mans privadas. O que tería acontecido coa especulación urbanística. Para min é un dos mellores investimentos do goberno municipal en moitos anos.
De nenos, nos tempos do pan de figo e sabañóns, estando na catequese de San Francisco o pai Luís encargábanos ir comprar as ostias ao convento de Santa Clara, alí tras unha xanela enreixada de madeira era o único trato que tiñamos coas monxiñas.
Cando iamos xogar ao veciño Campo da Feira, agora Praza de Barcelos polo capricho dos políticos de quenda que non respectaron o nome tradicional da praza como sempre a coñeceron os veciños, subiamos ás plataneiras centenarias para mirar como traballaban na horta as monxas coa escusa de ir ver se aniñara o paporrubio ou o pardal nas ponlas da árbore, esperando tamén poder coarnos no circo que sempre se instalaba na praza.
Xa de maior, militando nunha asociación nos tempos da resistencia cultural, denunciamos nos organismos e na prensa a ultraxe que supoñía para o noso patrimonio que no muro do convento, que debería estar protexido, se consentira o ter uns valos publicitarios encima sen que ninguén nos fixese caso.
Ata que un día que se celebraba un congreso de arquitectos de visita na cidade un daqueles homes de moita sona que ía no séquito ao ver a ultraxe botoulle tal bronca ao alcalde daquel tempo que ao día seguinte xa non quedaba rastro dos valos. Como sempre tivo que vir un famoso de fóra para que se decatase do erro.
Daquela o patrimonio non interesaba moito, de aí subliñar o mérito das monxas, polo que lle foi concedido o premio Cidade de Pontevedra por conservar tan fermoso lugar.
Esperemos que pronto se abra unha porta do muro á beira da praza e abrir ese fermoso espazo para que todos os cidadáns podamos gozar dese pulmón verde no centro. E como preto atópase unha escola pública, que sirva de recreo para os nenos no tempo de lecer.
Parabéns ao goberno municipal por mostrar sensibilidade de regalar aos veciños coa Xoia da Coroa como é o Convento de Santa Clara.