Manuel Pérez Lourido
Tetris e camiños entre o millo
Benqueridos lectores e lectoras: nunca, nunca, nunca, pero nunca, escribades en google "tetris", entredes na páxina para xogar ao tetris e menos aínda vos poñades a xogar ao tetris. Non volo direi máis veces. Bueno, si: non o fagades!
Chámome Manuel Pérez Lourido e estou enganchado ao tetris. Xogo cada vez que me sento na casa a facer algo na computadora (a que mola chamarlle "computadora"?). Sexa traballo ou ocio, sempre me deteño para entrar no tetris e botar un par de partidas. E poño as iniciais no ranking que sae cando sae o ranking (ou sexa, cando o fas ben). Agora levo tempo sen facelo porque cheguei a un nivel moi alto de puntos. Non o sei, porque só compites contra ti mesmo se non invitas a outros a xogar e eu o tetris non o comparto, polo que todos os seguintes á máxima puntuación tamén son eu mesmo. Igual fixen unha merda de puntos, pero é a miña merda de puntos.
Ás veces penso que o tetris é unha alegoría da existencia: estás a pelexar todo o tempo para que as cousas cadran e sabes que, tarde ou cedo, van a descadrar. E así é. Tes días bos, nos que os reflexos e os dedos son máis veloces cas pezas que van caendo (ata que é ao revés, e perdes) e tes días que estás máis torpe cun arado dende o comezo e nos as ves chegar. A vida mesma.
O xogo este ten unha cousa boísima, pensada para enganchar a todo o mundo: ti mesmo podes fixar o nivel de dificultade, que determinará a velocidade con que caian os trebellos eses. Aí xa non se parece á vida. Nesta ti non seleccionas un carallo: os paus chegan cando menos agardas e a unha velocidade estratosférica dende o minuto cero moitas veces. Moito que amola. Eu son de ir pouco a pouco. No tetris comecei no nivel 1 e fun avanzando. Agora estou no 6 e non penso pasar de aí. Tes uns minutos de ritmo lento ata que caen as cousas a lume de carozo, pero xa quentaches a mente e os dediños. Non me vou meter en andrómenas con niveis nos que as pezas cáenche a todo meter.
Como na vida, empezas a afanarte cando a velocidade aumenta. Resistes como podes, colocas a peza ollando cara o lado da pantalla onde asoma a seguinte para pensar axiña onde a debes poñer, e veña a por outra. Ás veces non as sitúas no mellor oco, pero o arranxas en canto podes, estás en tensión, xa nin escoitas a música que puxeches de fondo (como raios se che ocorreu poñer AC/DC?), as pezas caen coma chuzos, non, que fixeche, aí non era… cometes un par de erros e, como na vida, tes que decidir se segues ata que se te amontoen enriba e fin do xogo ou se mandas todo a merda e nin o intentas arranxar. Eu, depende de como me colla. Hai días que tiro con todo en canto meto a pata un par de veces, xa me noto que non ir a ningún sitio, e outro turro e turro coma un testán ata que xa non podo continuar. Como na vida mesma.