Tribuna Viva
Homenaxe á xente do mar
Combarro, unha vila vinculada dende as súas orixes co mundo do mar, unha faceta que marcou, marca e marcará boa parte da identidade propia que lle acompaña.
Moitos anos, incluso séculos, de loita pola supervivencia ante un medio natural que o supera, pero que non aminorou en ningún momento á súa necesidade de atopar o oco que lle corresponde no desenvolvemento e desenrolo do pobo e a súa poboación coma un elemento integrador do espazo no que convivir.
Anos de esplendor e de liortas pola defensa do espazo mariño, anos de sequía e desgrazas polas persoas que deixaron a súa vida na procura dun mundo mellor
Un sector que para esta vila o foi todo e segue sendo un dos principais motores, nas súas distintas modalidades, como piar fundamental da economía de moitas familias e que redunda inexorablemente no progreso tanto do pobo como da propia comarca.
Pola importancia que tivo e segue tendo nos tempos que corren, resulta paradóxico, diríamos inconcebible que a nosa parroquia, o propio sector e outros estamentos da poboación, ao longo de moitos, moitos anos, non tivera lugar polo menos un simple recordo, unha homenaxe as xentes do mar. Un esquecemento non propio nun pobo, nun sector, tan vilipendiado, denostado, ultraxado, incluso polos propios compoñentes. Un mar cheo de historias, talladas en sangue por moitas vidas e onde parece desprenderse que o único importante é o diñeiro e non o binomio mar – recursos, vida – emprendemento, traballo - saúde.
Dende esta Entidade Cultural, ante a apatía xeral de persoas, colectivos e mesmo administración, entendemos que o recordos, a tradición e mesmo a historia, ten unha débeda pendente no noso pobo, sobre todo con tódalas persoas que adicaron esforzo, traballo e ilusión por conquerir e acadar tanto benestar persoal como evolución do sector do mar e onde moitas vidas quedaron truncadas e sesgadas por situacións e acontecementos que a vida nos pon diante.
A nosa intención é clara: imos levar adiante unha homenaxe pública á xente do mar, como recordo e actualidade das vivencias das xentes do mar. que representa a quen as traballaron, traballan neste medio, en recordo tamén de quen perderon a vida en él
Xa empezou a conta atrás.
A dirección do Ateneo Corredoira Combarro