Tribuna Viva
SOS Atención Primaria
A situación da Atención Primaria da sanidade galega é de colapso e desesperación. Calquera pode ver longas colas diante dos centros de saúde, calquera pode pasar horas tentando estabelecer conexión telefónica para pedir unha cita.
Os médicos e médicas atenden moitas máis citas das que deberían para prestar un servizo digno e de calidade. Desde o inicio da pandemia fan funcións de telefonistas para atender as persoas doentes. Alén diso na práctica son os grandes rastrexadores da Covid, pois é onde acoden positivos e contactos desesperados ante a non comparecencia dos rastrexadores oficiais pagados pola Xunta.
O persoal de enfermaría anda a cen por hora para poder atender o seu traballo habitual e a vacinación da Covid.
O Persoal de Servizos Xerais (PSX), o persoal administrativo que atende nos mostradores dos centros de saúde, está desbordado desde o principio da pandemia. Antes pola falta de información clara e o medo ao contaxio, e agora pola demanda masiva de citas e solicitude de certificados Covid e altas na Chave365. Aluvións de xente cada vez que o Presidente da Xunta ou o Conselleiro de Sanidade fan declaracións nos medios anunciando calquera nova ocorrencia: certificados para ir aos bares, vacinación a demanda, etc.
Os e as PSX teñen que facer funcións de asesores informáticos e instaladores de aplicacións nos teléfonos móbiles para que se poidan instalar os certificados Covid nos teléfonos. Non pensaron que as habilidades tecnolóxicas da xente maior son limitadas?
Todo isto, sumado ao funcionamento habitual e ás demandas sanitarias e administrativas habituais, fai que sexa imposíbel unha actividade normal dos centros de saúde. O resultado son grandes colas e imposibilidade de atender as chamadas telefónicas para concertar citas.
E diante desa situación que fai o Sergas? Reforzar os servizos e o persoal? Non, mantense na súa política de non substitución do persoal. Seica non hai médicos, pediatras, Ats ou administrativos. Non haberá por que non queren que os haxa, fixeron todo o posíbel por que se foran a outros países con mellores condicións laborais e salariais.
Como se explica senón que no centro de saúde de Marín haxa persoal médico de baixa durante un ano e non se chame un substituto para cubrir esa praza? Por que en Marín na quenda de tarde só hai un PSX para atender todo o centro cando en Moaña, con menor poboación, hai tres?
Porén, isto non pasa por casualidade é intencionado. Estamos ante unha estratexia ben definida que pretende o desprestixio da sanidade pública galega e a derivación dos galegos e galegas á sanidade privada.
Se un servizo público funciona mal e ten mala prensa, é mais fácil xustificar a súa privatización. Esta é a política do Partido Popular, esta é a política do Sr. Feixoo, o "gran xestor", desde que chegou á presidencia da Xunta.
PD: Dá a impresión de que os partidos que gobernan en Madrid e Santiago xa teñen amortizada a pandemia, que xa non importan as persoas: positivas, en corentena, ingresadas ou falecidas. Botaron contas e xa chegaron ao tope do custe político que tiñan que descontar e agora poden "sacrificar" a unha parte da poboación para salvar a economía. O importante para eles sempre é a conta de resultados, os electorais e os económicos.
Asdo.: Pedro M. Cortegoso Gago
PSX do Centro de Saúde de Moaña