Tribuna Viva
Resposta ao comunidado do día 06/05 da FAXPG
Dende En Lingua De Signos (ELDS) queremos sumarnos á preocupación anunciada pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) ante a proliferación de cursos de Lingua de Signos Española (LSE), impartidos por persoas que non contan coa formación específica para a docencia desta lingua. Somos conscientes de que cada vez existe un maior interese pola lingua de signos por parte da sociedade e que a súa ensinanza non pode realizarse sen control nin rigor, tal e como se apuntaba no artigo de opinión publicado o pasado 6 de maio no xornal dixital Pontevedra Viva.
Nos últimos tempos, observamos con preocupación como persoas sen formación, cualificación e coñecementos suficientes, están a impartir cursos de lingua de signos ou comparten vídeos “formativos” nas redes sociais que carecen de rigor polo que pedimos responsabilidade a entidades públicas e privadas á hora de organizar cursos e contratar docentes para ensinar Lingua de Signos.
Resulta imprescindible que as persoas docentes, teñan coñecementos suficientes e acreditados a través dunha titulación oficial e posúan ademais formación pedagóxica. É un grave erro pensar que a formación nunha lingua só pode ser impartida por unha persoa nativa, ademais de ser discriminatorio. Ninguén entendería que a ensinanza do inglés, francés, español ou calquera outra lingua só puidese ser impartida por persoas nativas. Que unha persoa sexa nativa dunha lingua non significa que saiba explicar, comparar, aclarar conceptos e termos ou fomentar o pensamento crítico no alumnado. Ao contrario do que defenden algunhas entidades da comunidade xorda, como a FAXPG, debemos sinalar que as linguas son un patrimonio cultural inmaterial das persoas que as falan ou signan, independentemente de outras consideracións como o lugar de nacemento, o grao de perda auditiva ou a pertenza a un determinado colectivo.
Dende ELDS animamos á sociedade a aprender a Lingua de Signos, xa que ten múltiples beneficios para o desenvolvemento da nosa capacidade comunicativa, memorística e sobre todo porque rompe a barreira comunicativa existente entre persoas oíntes e persoas xordas e xordocegas, favorecendo a súa inclusión social. Para calquera aclaración, dúbida ou asesoramento poden pórse en contacto con nós, xa que contamos cun equipo profesional cunha longa traxectoria vencellada á Lingua de Signos e a comunidade xorda en Galicia:
Alba Tamara Puentes García: Formadora, intérprete de lingua de signos, con formación en Ciencias da Linguaxe pola Universidade de Vigo, profesora do antigo Ciclo Superior de FP de Interpretación de Lingua de Signos e membro do Grupo de investigación sobre a Lingua de Signos, GRILES, da Universidade de Vigo.
David Fernández García: Intérprete de lingua de signos, educador social e profesor de Lingua de Signos en diferentes cursos organizados por múltiples entidades, entre as que destacan as universidades de Vigo e Santiago ou a UNED Pontevedra. Profesor do Ciclo Superior de FP de Mediación Comunicativa.
Raquel González Novelle: Formadora, intérprete de lingua de signos, graduada en Ciencias da Linguaxe cun Mestrado en Lingüística Aplicada coa especialidade de ensinanza e adquisición de linguas. Actualmente, realiza o doutoramento na Universidade de Vigo cunha investigación sobre a toponimia da lingua de signos en Galicia. É profesora da Universidade de Vigo da materia Aproximación á lingua da comunidade xorda española (IV30518) e participa en diferentes proxectos de investigación sobre a Lingua de Signos.
Para acceder á noticia en lingua de signos:
Raquel GN. En lingua de signos