Celso Xavier Milleiro Sánchez
Deza
Trátase dun apelido facilmente identificábel da aristocracia galega. Un descendente desta liñaxe foi Francisco Deza López, de orixe compostelá, mais relacionado tamén con Vilagarcía de Arousa onde fundou sobre 1850 unha entidade bancaria.
Aínda que a día de hoxe descoñezo as razóns exactas polas que arribou a Marín durante algúns anos, dedicouse ao comercio, exercendo ademais de consignatario de buques. Francisco exercía o cargo de rexedor (concelleiro) no consistorio de Marín en 1876.
Fixou a súa residencia na rúa da Praza, a carón da rúa do Sol, onde naceu o seu fillo Valeriano Deza García en 1873. Anos despois, a familia trasladouse a Vilagarcía de Arousa onde Francisco continuou cos seus negocios bancarios. Valeriano, xunto co seu irmán Epifanio que tamén naceu en Marín, continuaron co negocio familiar.
Valeriano foi un dos máis entusiastas na "doazón" da illa de Cortegada ao Rei Afonso XIII, formando parte dunha Comisión interna. Este marinense de nacemento foi nomeado Alcalde de Vilagarcía de Arousa entre 1910 a 1914. Tras o remate da I Guerra Mundial o seu negocio bancario "Fillos de Francisco Deza" foise ao traste, sendo xulgado polo delito de estafa en 1921 e condenado a presidio.