Marta Rodríguez Engroba
Prudencia e criminalización nada teñen que ver. Non todos debemos ir no mesmo saco
No comezo da semana, desde a asociación Si, hai saída contra a violencia de xénero emitimos un comunicado no que explicamos as razóns polas cales non participaremos na concentración programada con motivo do 8M.
Deixando a parte certos motivos concretos que tan so teñen que ver coa que se celebrará na nosa cidade, deixamos ben claro que a nosa motivación fundamental, coma a doutra moita xente, é o convencemento de que, dada a grave situación sanitaria que estamos a vivir, este tipo de actos constitúen un máis que considerable risco de converterse nun importante foco de contaxios, independentemente, por suposto, da causa pola que se convoquen.
Isto non quere dicir, evidentemente, que non respectemos o dereito a manifestarse, do mesmo xeito que, entendemos, debe ser respectado o de participar ou non nas manifestacións.
Non era a nosa intención dicir nada máis.
Pero, a medida que foron pasando os días,comezamos a ler e a escoitar como desde os eidos nos que as devanditas concentracións e manifestacións se estaban a organizar, vendo como unha parte da sociedade e o goberno amosaban certas reticencias a súa celebración, que culminaron finalmente coa prohibición en Madrid de levalas a cabo, se comezou a falar, ou máis ben a acusar, a todos e, sobre todo, a todas, as que non as aprobamos, de criminalizalas, de ataque ao feminismo, e mesmo, en non poucos casos, acompañando istos argumentos de cualificativos bastante máis grosos.
Fachas, machistas, e algún epíteto máis que prefiro non reproducir foron dirixidos, entre outros, a todos, e tampouco Si, hai saída nin a miña propia persoa nos libramos deles.
Calamos, aturamos, respiramos fondo, pero todo ten un límite, e por isto nos permitimos facer unha posterior reflexión.
En primeiro lugar, non todo o mundo que se opón a celebración destas manifestacións o fai pola mesma razón.
Haberá quen as criminalice, non dicimos que non, e haberá, como é o caso dunha gran maioría, quen o faga por un motivo máis que de peso que desaconsella a celebración de calquera acto que implique unha xuntanza numerosa de persoas, por moi boa vontade que se poña en respectar as normas de seguridade establecidas, que son, e todos o sabemos, transgredidas todolos días, na vida cotián, por moitas persoas, polo que non cremos que ninguén poida garantir que non o serán nesta ocasión....Bueno, ou si, porque, visto o visto, hai quen ten a facultade, ou case o oráculo, para adiviñar e controlalo todo!.
Dito isto, comezamos xa a estar bastante fartas desa suposta criminalización que semella que todos estamos a facer, que repiten ata a saciedade, e que, prácticamente, xa as converteu en vítimas do goberno, desa parte da sociedade que non aproba as manifestacións, e, en xeral, de todos cantos non lles dan a razón.
Non acabamos de entender en qué momento nin a razón pola que se atribuiron a potestade de manexar a batuta do feminismo, de decidir quen é feminista e quen non, según o seu baremo,claro, e por qué para acreditar selo hai que obter a aprobación do seu particular “tribunal”, pasar o seu examen.
Non dubidamos que haberá razóns políticas de fondo en todo o que rodea a estas manifestacións, de feito o temos claro, como as hai en case todo, por non dicir en todo, pero nin son as que moven a todo o mundo, nin, desde logo, son a excusa para faltar ao respecto a ninguén ou mesmo chegar ao insulto.
Esixir respecto faltando a él non é, francamente, a mellor maneira de obtelo.
Por outra banda, unha vez máis temos que reiterarnos en que non somos quen de entender qué clase de feminismo é o que practica unha tiranía ainda maior que a dalgún machista.
Igual sería bo que, por unha vez, tentaran facer un exercicio de humildade e se puxeran na pel dalgunhas persoas que rexeitan as manifestacións, por exemplo, porque perderon a alguén por mor do Covid, porque o sufriron na propia pel, porque, en moitos casos, levan meses sen ver aos seus polos peches perimetrais, pero se dan toda clase de facilidades para acudir a manifestarse, porque son sanitarias que están ao límite da súa capacidade física e emocional, porque teñen medo a contaxiarse e perder o seu traballo, que tal vez xa estea a pender dun fío, etc, etc, etc, ou, tal vez, porque xa están fartas dese suposto feminismo que fala de respecto, de liberdade, de igualdade, pero que, na práctica, non os exerce, discriminando a quen non dí si a todo.
Non nos move ningún ánimo criminalizador a todos, nin moito menos.
O que nos move a inmensa maioría é o máis elemental sentido común de non xogar coa saúde, de non botar pola borda todos os esforzos feitos durante un ano de tanto sufrimento, nun momento, ademais, crucial, como todos sabemos, e isto é algo que NINGUÉN ten dereito a facer, menos ainda no nome do feminismo.
O feminismo é loita, si, como a exercida por tantas e tan dignas mulleres que nos trouxeron ata aquí, as que lles debemos os dereitos que fumos adquirindo, pero tamén é respecto, por todas, por todos, e, principalmente, pola vida.
É deixar isto claro, moi claro, non é criminalizar, é dicir a verdade.
Haberá, reiteramos, quen criminalice, pero, en calquera caso, non nos metades a todos no mesmo saco.
Non tedes ningún dereito.
Asociación Si, hai saída