Tribuna Viva
Denuncian a marxinalidade que xera a imposición da tramitación telemática nos organismos públicos
Tras as queixas e peticións de axuda recibidas por parte de varios veciños e veciñas, queremos facer constar que a imposición por parte da administración pública da tramitación telemática, incluída a solicitude de cita previa, está deixando en situación de marxinilidade a parte das persoas por non posuír os coñecementos e/ou medios necesarios para levar a cabo a mesma. Faise imperante ofrecer a estas persoas unha solución acorde ás súas necesidades e características.
Coa chegada do Covid_19, acelerouse a implementación deste sistema cara mermar a afluencia de persoas en espera nos locais e evitar contaxios; sen embargo, non se tivo en conta as diferencias tanto en coñecementos como en acceso á tecnoloxía que existe dentro da sociedade.
As reiteradas chamadas telefónicas e as respostas dos fríos e impersoais contestadores deixa fóra de xogo a aqueles grupos de poboación que ou ben por descoñecemento ou ben por non posuír as ferramentas adecuadas (non todo o mundo dispón de internet nin sabe que apps son precisas nin como baixalas e usalas) fai tediosas e incluso converte nunha odisea poder solicitar unha simple cita previa. Noutros casos, acuden aos concellos, e se encontran coa paradoxa de que lles solicitan unha conta de correo electrónico cando nin sequera internet teñen.
Lonxe de facilitar e axilizar, a tramitación telemática está provocando unha situación de desamparo, marxinalidade e sentimento de impotencia a un gran grupo de persoas, especialmente entre as persoas maiores e aquelas con menos recursos e coñecementos telemáticos. Moitas destas persoas acuden a familiares, amigxs, e/ou xestorías, pois ningunha administración pública lles ofrece unha solución.
Por todo isto, dende Somos Sanxenxo, facemos un chamamento ás administracións públicas para que adopten os mecanismos necesarios cara solventar estas carencias; pois non existe unha sociedade homoxénea en canto a coñecementos nin recursos e a administración pública ten a obriga de estar ao alcance de todxs e non só dunha parte da sociedade.
Mary Camiña
Voceira de Somos Sanxenxo