Tribuna Viva
Dereito a Educación condicionado
A manipulación dos datos, aínda podendo ser certos, constitúe unha operación demasiado manexada por parte da Consellería de Educación e dos seus responsables.
A cidade de Pontevedra, que está aumentando en poboación e polo tanto en alumnado do ensino obrigatorio e non obrigatorio, leva perdendo prazas públicas escolares dende hai varios anos. O caso concreto do CEIP de Campolongo é exemplo palmario de tal situación.
Confírmase este próximo curso a perda dunha liña de infantil en dito centro e polo tanto a supresión de 25 alumnos e alumnas por ano, independentemente da perda paulatina de unidades de primaria ata converter o centro en liña tres.
Non podemos congratularnos da alegría do Conselleiro e do xefe territorial ao declarar que sobran 200 prazas escolares en infantil e primaria en Pontevedra, pois a manipulación dos datos consiste en masificar as aulas e obrigar ás familias a escolarizar aos seus fillos lonxe dos barrios (mesmo no rural ou outras demarcacións) sen garantir un ensino obrigatorio gratuíto (transporte e comedor incluídos). Facilítense os datos concretos: en que centros están as prazas vacantes?. Seguro que todas na periferia ou no rural.
O CEIP Príncipe Felipe é un centro que non pertence á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (xa vai sendo hora de que se resolva esta situación) e ademais concentra ao alumnado baixo a tutela da Xunta de Galicia, é unha especie de gueto, unha situación que non é de recibo e causa rexeitamento ás familias que teñan que escolarizar aos seus fillos que o queren facer en condicións de calidade, equidade e convivencia adecuadas. Non se poden manipular os datos dicindo que todo os pais conseguiron praza escolar nas peticións feitas cando sabemos que algunhas familias tiveron que aceptar peticións de 2º, 3º, ou 4º lugar de petición. Aínda hoxe está sen adxudicar praza a algún alumno ou alumna.
Pontevedra necesita aumentar a oferta de prazas escolares públicas, porque así se evitan desprazamentos innecesarios, masificación das aulas e non se racha coa familiarización e amizade que fai o alumnado no seu barrio e no seu contorno. En Pontevedra o ensino concertado está completo e polo tanto o que cómpre é construír novos centros de ensino público.
Raúl Gómez Farto (Secretario xeral Fete-Galicia)
28.08.2013