Marta Rodríguez Engroba
Violencia de xénero e ética xornalística, un tándem que semella ser difícil de conseguir
Se hai algo que nos golpea coma unha labazada en toda a cara e nos indigna profundamente aos que tentamos loitar contra a violencia de xénero e axudar, porén, as súas vítimas, é o tratamento xornalístico que en demasiadas ocasións se lle da a este tema, especialmente cando se trata de narrar algún episodio especialmente violento ou un brutal asesinato machista.
Existen, por suposto, fantásticos profesionais que o fan co respecto e a sensibilidade que procede, pero, lamentablemente, en non poucas ocasións, especialmente cando se trata de dar a noticia dalgunha agresión particularmente violenta, ou dun novo asasinato machista, o "amarelismo", o sensacionalismo, e unha notable falta de delicadeza e da empatia máis elementais adoitan facer acto de presenza, ademais de, as veces, a inclusión dalgunhas testemuñas algo máis que cuestionables, así como certas "aclaracións" no relato que non soamente non proceden, se non que semellan buscar unha xustificación para a barbarie do agresor e mesmo culpar a vítima.
Esta semana de novo volveu suceder.
Diversos medios recolleron a noticia de como un rapaz de 16 anos se interpuxo entre seu pai e súa nai para tentar frear a agresión da que ela estaba a ser obxecto.
Nin que dicir ten que o comportamento do rapaz é todo un exemplo que debería sacar as cores a todos aqueles que cargan contra os xóvenes de agora, aos que acusan de ser máis machistas e máis agresivos, sen ter en conta que, de ser así, igual algo temos que ver os que se supón somos os seus referentes, e tamén aos "adultos responsables" que, ante unha agresión machista optan por ollar a outro lado porque "Nas cousas de parella mellor non meterse, porque despois todo son complicacións".
É, porén, lóxico e moi positivo que se coñeza a acción do adolescente, e, ata ahí, todo ben.
O publicado nun destes medios xa é fariña doutro costal.
Cando o xornalista conta que o rapaz se interpuxo entre a parella para defender a súa nai, aclara, entre paréntese, "non de sangue".
A que ven esta "puntualización"?, a dicirnos que, malia non ser súa nai biolóxica, a defendeu?. A que, de non telo feito, sería entendible porque, en realidade, non se trata da súa auténtica nai?.
Éra preciso facer este inoportuno, por non cualifícalo doutro xeito ainda peor, comentario?.
E se, polo visto, lle ía a vida en aclarar a relación que os unía, con aludir a muller como "a parella do seu pai" abondaba e non sería, polo menos, de tan mal gusto, malia que continuaría sendo irrelevante.
Pero non acaba ahí a cousa.
Acto seguido, aparece, como non podería ser menos, a aclaración de rigor que xa é un clásico, "non existían denuncias previas", que quede claro.
Todo o mundo é inocente, agás, tal vez, a propia vítima, para, de seguido, "matizar", que "a muller si tiña denunciado a outros homes anteriormente".
Perdón?.
En primeiro lugar, que ten que ver coa agresión que acababa de sufrir?, e, en segundo lugar, e penso que o máis importante, qué tenta dicir con isto?.
Que a muller é unha especie de "denunciante profesional"?. Que hai que poñer, por ter denunciado anteriormente, a súa credibilidade en tela de xuizo?. Que poida ser, por esta mesma razón, que sexa mentira que foi agredida?.
A que ven este tan pouco profesional e miserento comentario?.
E, para rematar a xogada, non podía faltar o colofón, que nos aclara que o agresor….perdón, presunto, porque esquecín que os maltratadores, malia que os atrapen coas mans na masa, sempre son, de entrada, presuntos, non ten antecedentes.
Estaba, eso si, nos di, borracho, co que, non sei para vos, pero, para min, a mensaxe que se extrae deste artigo, é bastante clara:
Unha muller é defendida polo fillo da súa parella, malia non ser a súa nai biolóxica, da agresión deste, seguramente cometida por estar baixo os efectos do alcohol, así que hai que desculpalo, porque, ainda por riba, non ten antecedentes, malia que ela xa denunciou a máis homes previamente, polo que a dúbida sobre a súa persoa, que pasa, en dúas liñas, de ser vítima a sospeitosa, xa está como mínimo, sementada, e xa podo imaxinar algúns dos comentarios que, de seguro, xurdiron da boca de algúns despois de ler a noticia: "A saber como será ela. Cando tantas denuncias puxo……"!.
Esta é a "ética xornalística" que, lamentablemente, ainda existe, en moitos casos, en canto a violencia de xénero, sen que semelle que sexa posible facer nada ao respecto, porque canta barbaridade se publica, fica impune.
Pouco máis se pode dicir.
Pola miña banda, soamente que, se tivera diante ao xornalista autor desta noticia, lle diría que esta muller foi maltratada,como mínimo, dúas veces, a primeira polo seu agresor, e a segunda por él.
Asociación Si, hai saída