Enrique Barreiro Blanco
Soterrar o Museo
Todos os arquitectos e non só os arquitectos, obviamente, sabemos da importancia dos cascos históricos. Esa "pepita primitiva" na que se reflicten os sinais da xénese da cidade, onde os residentes veciños e visitantes percorren desfrutando os seus monumentos, os ricos espazos, as súas singulares mostras arquitectónicas, legados únicos dos tempos pasados que se deben adaptar as novas necesidades e novos requisitos de confort, conservando a súa singularidade.
Son espazos e rúas de crecemento orgánico adaptadas a topografía do terreo; no caso de Pontevedra en sucesivos aneis de muralla, que recollían inicialmente o promontorio da Basílica de Santa María e ía medrando coma corsé protector e defensivo da cidade, con "praciñas" onde as xentes vendían e mercaban os seus produtos e servían e serven de lugares de relación e vida.
As obras que se fan para revitalizar esta parte da cidade sempre son complexas e dexésanse respectuosas, coidadas e adaptadas os plans redactados na salvagarda de tal fin. Localizado nunha desas pequenas "praciñas", articulado en tres volumes, na contorna da praza da Leña atópase o Museo de Pontevedra que manifesta a necesidade de conseguir un espazo expositivo maior. Na actuación que se pretende executar na Rúa Pasantería, baixo a casona Fernández López, o Museo Castro Monteagudo e baixo o de García Florez, vaise optar por gañar 1900 metros cadrados de espazo baixo terra a dous niveis, para non distorsionar a imaxe visible nin interferir deste xeito na protección das arquitecturas mencionadas.
O proxecto en cuestión pretende loxicamente acometer obras de apeo das distintas e singulares construcións (bens de interese catalogado), escarvar no granítico chan e ofrecer os visitantes uns espazos subterráneos e adaptados para albergar "fondos museísticos". Dita actuación supón unha modificación puntual no Plan de protección (PEPRICA do ano 2003), pois no seu contido non posibilita este tipo de intervencións. Se todos os esforzos, traballos e actuacións no casco vello de Pontevedra foron para dinamizar e humanizar as súas prazas e rúas e deu sen dúbida moi bos resultados e numerosos recoñecementos.Non existen entón outras alternativas, menos agresivas, custosas e adaptadas polo menos a algún criterio máis sostible?
Na presentación da pretendida actuación fálase da enorme complexidade do proxecto, cuestión ineludible, tendo en conta que son espazos soterrados nun entorno tan sensible, prego que se teña en consideración tal dificultade e se estuden outras posibles opcións. Creo sinceramente que a pretendida intervención para a obtención do espazo museístico non está xustificada nesa localización, non está acotada nin en prazo nin en criterios económicos e polo tanto corre o risco de se converter nun foso sen fondo. Tal vez sería a mellor oportunidade para o antigo edificio de Facenda que foi transferido o Ministerio de Cultura.
Sería posible seguir reutilizando ou adaptando espazos agora ruinosos ou en desuso que non supoñan semellante gasto e dificultade?. Con todos os respectos, eu entendo que si, que opinan o colexio de arquitectos de Pontevedra e o consello asesor do proxecto?