Pedro J. Peón Estévez
Escándalo
Lustros, decenios, longas etapas de trabalho, sacrificio e adaptación nos custou, ós trabalhadores espanhois en xeral e ós galegos en particular, labrarnos unha boa reputación nos países de acolhida onde queira que emigraramos. Aprendimos outro idioma, cumprimos outras normas de convivencia, respectamos outras ideas e culturas que, nalgún caso, mesmo adoptamos. Aportamos a nosa forza de trabalho con seriedade e "savoir faire" acadando alá e acolá unha moi merecida fama de trabalhadores honrados. Nada que ver coa sona de frouxos que, no seu día nos quería botar ó lombo o Mariano. Que tamén mira ti quen foi a falar! Nada menos que o Soberbio Palanquín, filho lexítimo do velho réxime e o aceite de Redondela. Grazas ás nosas divisas construíranse autopistas e universidades para que estudaran, entre outras lumbreiras, Marianinho o Gran Nugalhán que na vida deu pau á auga e mirade vós a onde chegou. Xa o dicía a Gran Cacheira de Vilalba: "os da dereitona somos máis listos". E tanto!...En fin; a fama de boa xente da nosa clase trabalhadora na diáspora é algo que nos honra. Por outra banda, as falcatruadas da nosa clase dirixente é algo que nos avergonha de cote. Aquelo que levou anos erguer polos obreir@s galeg@s e destruído de socate pola cacicaxe mandaricante, cosa que acontece cada canto. Tal así é o escandalazo dos dexenerados que se saltan a cola das vacinacións. Tal coma o " páter " ese que che recomenda rezar para vencer ó virus mentres el se vacina ás agachadas (fíate en diós e non corras). Tal coma os chusqueiros cuxo valor "se lhe supón" Tal como tantos " caciques, ladróns e herexes (Ramón Cabanillas) que se apropian ilegalmente dun ben escaso e vital, propiedade dos máis vulnerables a quen relegan ó cabo da cola con grave risco das súas vidas. Mesmo a xerifalta das residencias mata-velhos...que iso verte sangue amigos! É esta a famosa "Marca España"?
Os europeos mírannos de esguelho por encima dos Pirineos e din o que din sempre: "Bah, españolitos!"
Desde cando existe -pregunto- unha listaxe de prioridades de vacinación onde figuren en primeiro lugar ricachos, bispos, alcaldes, conselheiros, eclesiásticos e demáis poderes fácticos. Só me falta oirlhes dicir aquilo tan castizo de: "Oiga, no sabe ud. con quién está hablando!"
Non son quen de escribir máis. Cando un vén de perder un ser moi querido pola desidia de algún descastado, é moi difícil reaxir. Somos unha sociedade en shock; atemorizada e vulnerable. Estamos a sufrir unha pandemia de impunidade, irresponsabilidade, incompetencia....unha verdadeira riada. E xa se sabe o que pasa nas riadas: que sale toda a merda a flote.