Tribuna Viva
O Enterro da sardiña de Marín, por Celso Méndez Fraguas
O único en que se tira o peixe "real" ao mar. Estivo prohibido durante a ditadura recuperouse polo Ateneo Santa Cecilia en 1976. É un calco irreverente dunha procesión.
O Enterro da Sardiña é a despedida do Entroido. Esta festa estímase que se celebraba en Marín antes do 1882 pois a Voz de Galicia recolle o 23 de febreiro de ese ano (Los carnavales en Marín pasaron sin novedad importante. Algunas comparsas y varias mas caras sueltas recorrieron las calles de la villa el miércoles se celebró el tradicional Entierro de la Sardina en el que se leyó un ocurrente pregón) polo que debe de ser unha das celebracións máis antiguas con arraigo e popularidade.
Ese día colgábanse nun cordel de balcón a balcón na Praza do Reloxo unhas cántas sardiñas mentras no palco alí existente colocábase un "bocoi" a modo de púlpito desde onde se botaba o Sermón e mais tarde liase a Ladaíña ( que data de 1893 ). O pobo acudía a praza cubertos de sábenas e encapuchados con candeas acendidas e algúns cuns caldeiros nos que meteran brea, cordas vellas e esparto; o cal facía unha fumeira que espantaba a todo o que se lle achegaba. Catro portadores levaban unha paiola na que nas esquinas colocaban uns farois e unha caixiña na que se depositaba a sardiña.
O "Bispo" daquela (antes da guerra) era o Sr. Higinio "O Pateiro" e comezaba no púlpito cun discurso improvisado. Tras dar lectura a Ladaíña escondíase baixo o bocoi e saía ciscando cunha vasoira sobre o público un líquido que apestaba. Volvía a desaparecer dentro do bocoi e aparecía de novo levantando nunha man unha tixola e na outra unha grella dicindo: "Aquí os tendes esta (pola tixola) esta a torra e esta outra (referíndose a grella) a asa como a San Lourenzo). ¡Fora instrumentos malditos da tortura da sardiña, que vos confunda o Demo!. Dito isto lanzaba as dúas pezas de ferro sobre a xente, carían onde carían,.. logo depositaba a sardiña no ataúde e organizábase a comitiva ata o peirao onde era botada o mar. No traxecto a banda de música interpretaba unha peza (que se segue interpretando hoxe) que se atribúe ao médico Secundino Lorenzo que foi outro personaxe importante nesta festa.
A letra di:
Cantemos todos a triste sorte
que dou a morte o carnaval.
O eco triste destas campás
soan o fin Din Dan
O rematar a guerra civil entrouse nun período de veto das tradicións populares, entre elas o Entroido.
No ano 1952 houbo un intento (según me contou Manolo "O Norteiro" que daquela era membro da rondalla) e por iniciativa dos que montaban sempre "as caralladas" en Marín saíron da casa de Molas (un dos armadanzas) detrás do Lelé ata a rúa Calzada onde vivía o director da rondalla Nicolas Venteño. O feito houbo de costar a cárcere ós organizadores, Interveu o alcalde Francisco Pérez Crespo que era parente de Molas e a cousa quedou nun só apercibimento.
Levantada a veda no ano 1976 (o dictador morrera en novembro de 1975) a Asociación de Cultura e Arte Santa Cecilia, hoxe Ateneo, presidida por Pilar Calviño organizouse a " Nova época" apoiados polos señores Molas, Manuel Torres, Marcelino " O Liberato" (que fixo de Bispo), Eirín, Pepín Garrido, Xosé "Xiradisco", Cholo Briones, Carlos Romero, Manolo Norteiro, Pesqueira, Gabi " Repoliño" ( director da banda) Concha "A caralavada" e outros moitos que axudaron a levalo adiante. Sen permiso do Goberno Civil saíuse igual os dous primeiros anos pois non o daban por escrito (debía ser que o gobernador tiña medo a que lle chamaran a atención por concedelo) pero deixaba facer...
Este primeiro ano fomos poucos os que acudimos e non se usou micro para o sermón, o ano seguinte xa tiñamos un megáfono. Como anécdota o Bispo o falar movía o megáfono e a xente ríase co feito. O caso era que padecía Parkinson da que daquela pouco se sabía.
Noutra ocasión indo a comitiva por diante do Colexio da Inmaculada tiráronnos pedras, supoño que por algún ou algunha que sentiu que era unha mofa cara a relixión. O mellor é que non se lamentaron desgrazas persoais pero pasamos un momento "delicado".
Nos seguintes anos para evitar que a xente se metera no medio da procesión utilizábase no botafumeiro unha mestura de estopa con azufre que producía unha boa fumareda e cheiro . Nunha ocasión houbo un problema cun rapaz que padecía asma porque os pais (coa ansia de estar no meollo) puxérono o lado do botafumeiro e houbo de causar un desgusto. A partir daquel incidente leva carbón vexetal e incenso.
Paulatinamente cada ano foise incrementando o número de participantes ata chegar a finais dos 80 do século pasado a ser miles de persoas de toda a nosa comarca, isto debeuse creo, por ser o primeiro que se celebrou en Galicia e quizá en España da nova etapa.
Uns dias antes colocábanse as esquelas en diversos puntos do concello e noutros concellos limítrofes, convocando os feligreses o acto,
Na actualidade inténtase respectar a tradición tal cal era. Durante todo o dia se escoita o tanxido das campás e música fúnebre nas inmediacións da alameda para que a xente se vaia concienciando.
O libro de sinaturas de pésame se puña na porta de entrada do Ateneo ata que nos anos 90 se levou as inmediacións do palco da música e como novidade o pasado ano 2020 colocouse no pórche de entrada do Concello, uns dias antes cun coche fúnebre a entrada, anunciando o acontecemento.
A partir das cinco da tarde comeza no palco o velorio o que asisten as choroas e demáis apenados os que se lles invita a viño tinto e pan de millo para que leven mellor o seu pesar, ademáis recollen a súa vela para ir na condución.
As oito en punto da tarde sae a comitiva do Ateneo para recorrer as principais rúas do pobo ata chegar a Praza do Reloxo onde se levará a cabo a lectura do Sermón e da Ladaíña coa bendición do señor Bispo. O remate deste acto volve a formarse a procesión polas rúas ata chegar o peirao, neste percorrido laios e choros fanse mais ostensibles e desgarradores. O ataúde que conten "unha sardiña real" é botado o mar polo Bispo desde unha plataforma elevada por un camión. O regreso ata o Ateneo faise cunha música da banda é máis leda onde a xente, autoridades e séquito do Bispo volven saltando e bailando despois de cumprir co ritual.
A procesión comeza cun capuchón que vai tocando unha "choca" anunciando que ven a comitiva logo séguenlle outros tres capuchóns, o do centro leva uns "cornos" flanqueado os lados por dous cirios seguidos dos estandartes das diferentes confrarías a da Grenlla, do Polvo, do Choco, da Gaivota, da Tixola,do Golfiño, e do Mexiló. Todos estes estandartes foron deseñados e pintados polo insigne pintor marinense Manuel Torres) logo segue o Panadeiro coa súa pá acompañado dun cura o catafalco portado por mariñeiros con roupa de augas e as choroas portando as diferentes coroas de loureiro doadas polo Concello e diferentes asociacións e amizades da defunta, segue "Baixo Palio" o Bispo acompañado do pregoeiro e sancristán que leva un "penico" cheo de viño branco que serve para ir dándolle uns grolos e mollar o "isopo" o señor Bispo para dar bendicións ós asistentes e miróns, detrás van as "autoridades" civís e militares e pechando a "Banda de música" interpretando a composición que data do ano 1913.
Estes derradeiros anos está collendo un auxe importante grazas aos medios de comunicación escritos Diario de Pontevedra, Faro de Vigo, Voz de Galicia, Diario Nós, ABC ou Diario El Mundo e audiovisuais das cadeas de radio: Radio Galega, SER ( Radio Pontevedra), COPE e televisións TVG programa FUN POLO AIRE e estatais TVE programa España Directo, CUATRO programa Cuatro al dia de Joaquín Prat, ANTENA 3 programa del tiempo de Roberto Brasero,LA SEXTA programa Más Vale Tarde de Mamén Mendizabal veñen facendo "Directos" o longo do día. Todos estes medios veñen felicitando o Ateneo Santa Cecilia por conservar este espectáculo "ÚNICO" quedando de volver nos vindeiros anos cousa que agradecemos por dar a coñecer este evento en todo o Estado.
Estamos preparándo o dossier para facer esta festa de Interese turístico primeiro Galego e logo estatal.
Tamén queremos agradecer o apoio que estes derradeiros anos temos por parte do Concello para que este ENTERRO DA SARDIÑA siga sendo un referente.
Permitido compartir para que moita xente sepa o que é e o que significa o Enterro da Sardiña de Marín
Celso Méndez Fraguas
Directiva Ateneo Santa Cecilia