Antón Roel Villanueva
O narciso do Gafos pola candeloria
Nestes tempos de abrazos virtuais e bicos voadores onde viaxar é asomarse a fiestra e imaxinarnos que estamos nun cruceiro de luxo por paises descoñecidos, onde todo o relacionado coa cultura e lecer está pechado, só nos quedan os libros e os paseos. Afortunadamente na cidade temos espazos dabondo para camiñar e sitios para sentarnos a ler aínda que teñamos que facelo en soidade sen a compaña de amigos e sen tertulia, eu escollín coa compaña dun pau de bidueiro e un orballo persistente ir camiñar pola senda do rio dos Gafos.
Vai cheo o noso río das aldraxes que coa auga caída nestes dias ten mañas de rio grande e bulidor coas beiras enchoupadas cheo de pequenas fervenzas. Saíndo da cidade o rio semella máis natural e limpo sen bolsas de plásticos e lixo que o emporquen como no tramo urbano, mágoa que neste ano non imos poder facer a saída anual ás Brañas no vindeiro Día dos Humedais. Vou paxeniño coa letania do marmurio do río e os trinos dos paxaros e penso si no día da Candeloria, cando casan segun a nosa tradicion, este ano tamén teñen eles que deixalo pendente .Na nosa infancia na cidade cando os estorniños, antes que os desterrasen. facían os seus voos acrobáticos, as nosas nais dicíannos que os paxariños andaban bulidores e de troula porque ían de voda.
De súpeto, chantado no medio do paseo, un narciso amarelo desafiante e como dicindo eu son o Narciso Amarelo do Gafos e agromo onde quero, que se aparte o camiño se quere. Era a cor que alegraba a tristura de grises e ocres da paixase da invernia, como un sinal amarelo natural, guía dos peregrinos camiño de Santiago. Todos os camiñantes que atopei abraiados e contentos porque se respectase a flor no medio do camiño. Non aconteceu o mesmo cun carballo senlleiro que tamen agromou no medio do sendeiro e medrou tanto que a terra fíxoselle cativa e saíronlle as raíces por fóra e os ciclistas ao pasar danábano e os de Vaipolorio, que están en todo o que é protexer e coidar o río tiveron que pór unhas cordas arredor para protexelo e non murchara.
Afortunadamente cando dei chegado ata as brañas decateime que seguen igual, sen degradar nun espazo que aínda consérvase virxe. O sendeiro atópase en bo estado e pódese camiñar ben, grazas a que os de Vaipolorio limpárono de árbores e ramas que caeron nestes días de temporal e arranxaron as pasarelas de madeira dañadas para que poidamos percorrelo sen perigo. O Estripeiro que, segundo nos di o profesor Amancio Castro, coñecedor de toda fauna e flora do río, é a árbore máis vella e aínda resiste. Antaño tivo moita importancia, pois os nosos antergos e aínda hoxe utilízase para os insertos das árbores frutais.
Remato a miña andaina cunha boa noticia, coméntanme que xa escoitaron cantar o cuco aló polo Caurel, iso quere dicir que, de momento, aínda non se acaba o mundo. Ánimos e que cante o merlo que desta saimos.