Juan Manuel Rey
Construír lugares
Como Concello sempre tivemos a ambición de desenvolver políticas propias que nos retiraran da rutina e que nos aportaran sentido. O obradoiro de emprego "Os camiños do Camiño" é iso, pois permitiranos recuperar paisaxisticamente o espazo natural e patrimonial da antiga central hidroeléctrica de Segade ao tempo que supón unha oportunidade formativa e laboral para un grupo moi importante de persoas.
Ademais, esta iniciativa pecha o círculo do semestre máis "máxico" para Caldas en canto a logros que se recorda en moito tempo (mágoa da COVID). Estreamos a Vía Verde do Salnés, inauguramos o novo edificio da Escola Municipal de Música, puxemos en marcha a última fase do complexo termal da Tafona, impulsamos o saneamento en Paradela, aprobamos o Pacto polo Clima, conseguimos a Q de Calidade como espazo singular no Camiño para o Xardín Botánico e a Carballeira...
O bo é que ao longo das próximas semanas seguiremos anunciando proxectos. Por iso digo que se o anterior semestre foi "máxico", o actual tamén o será en canto a investimentos se refire. Ademais, agardemos que ao longo destes meses tamén consigamos ir deixando atrás o pesadelo do coronavirus.
Por todo isto quero dicirlles á veciñanza de Caldas o mesmo que na inauguración do obradoiro lles dixen aos alumnos e alumnas: "esta finca estavos esperando". Porque pouco a pouco a contorna da vella central hidroeléctrica de Segade converterase nunha parte irrenunciable do conxunto da veciñanza. A "fábrica da luz" é unha viaxe pola historia industrial de Galicia e un símbolo da modernidade para Caldas.
Tanto aquí, como na Vía Verde, no Portamérica, ou na Escola de Música, sempre tratamos de buscar a singularidade e a excelencia para Caldas. Unha excelencia que se recoñece tamén na Q de Calidade e nas 3 flores de honra que nos concedeu o certame Vilas en Flor Galicia. O único que queremos é incrementar o patrimonio da vila recuperando a nosa historia e as nosas paisaxes e construíndo lugares.
Juan Manuel Rey
Alcalde de Caldas de Reis