Tribuna Viva
Plataforma Pola Defensa da Sanidade Pública de Poio
Dende a Plataforma Pola Defensa da Sanidade Pública de Poio damos a benvida, no ámbito político, a Mesa de Defensa dos Dereitos Sanitarios do concello de Poio.
Do mesmo xeito queremos deixar patente o traballo levado a cabo polos colectivos, asociacións e demais membros que compoñen a PLATAFORMA, e queremos pensar que serán tidos en conta pola recentemente constituída MESA.
Igualmente, dende a PLATAFORMA expoñemos que vimos traballando nunha información real e actualizada da preocupante situación que estamos padecendo en Poio no ámbito da saúde, dende hai moito tempo, derivada da redución do orzamento sanitario practicado pola Xunta de Galicia, que fai que os equipos de Atención Primaria estean cada día más minguados. Isto provoca que a realidade sanitaria en Poio sexa crítica, facendo que os padecementos da saúde da veciñanza non sexan atendidos de acordo coas súas doenzas, e agravadas pola COVID 19.
Unha vez teñamos elaborada esta documentación farémola chegar a tódolos veciños de Poio, a través de encontros informativos en cada unha das cinco parroquias.
Esta problemática témola que solucionar entre todos, por iso confiamos en que a veciñanza, unha vez máis, nos apoie na defensa do dereito que nos asiste a ter unha resposta sanitaria acorde coa poboación de Poio.
Así mesmo, retomarase a recollida de sinaturas iniciada polos colectivos que compoñen a PLATAFORMA, e que foi paralizada pola situación de confinamento e demais circunstancias que trouxo a pandemia da COVID 19. Tamén se farán concentracións diante dos Consultorios de Raxó, Combarro e Anafáns, sempre respectando as medidas hixiénico sanitarias derivadas da COVID 19.
Unha vez finalizada a campaña de información e recollida de sinaturas, estas serán presentadas no Parlamento Galego co obxectivo de acadar o apoio de tódalas forzas políticas que alí están representadas.
Tendo en conta que a poboación de Poio supera os 17.000 habitantes, e de xustiza demandar da Xunta de Galicia que non nos discrimine e nos dea o mesmo trato sanitario que a outros concellos, incluso con moitos menos habitantes.
Polo exposto demandamos a construción dun novo Centro de Saúde dotado de medios materiais e humanos, mantendo os actuais consultorios de Raxó e Combarro co persoal necesario que garanta unhas condicións de traballo dignas, con equipamentos adecuados.