Pedro J. Peón Estévez
Vivamos coma chineses!
Na anterior faleilhes da minha experiencia de doente en Montecelo pero algo me quedou no tinteiro. Aproveito para saudar xs valentes trabalhaderxs da Sanidade e agradecer os seus valiosísimos coidados.
Cando eu pensei que deixara atrás a Covid -a quen eu chamo Xacobi-, resulta que vinhera de polizón dentro da minha cabeza para a minha casa abusando un tanto da nosa confianza. Faloume unha vez máis esta noite pasada do terrenal e o divino perante horas. Dicía que se atopaba moi cómodo no silencio dos meus miolos, dado que a minha actividade neuronal era practicamente nula...díxenlhes que Xacobi é un tanto retranqueiro? Cando me doe a cabeza e lhe suplico que pare de latricar, cántame rancheiras e cóntame chistes, iso si, malísimos. Pero vexan o que tal me dixo:
"Escoitei a algún 'ilustre' tertuliano preguntarse que é o que estamos a fecer mal nesta crise. Por que os coreanos e os chineses tenhen todo baixo control e nós non. A resposta é ben sinxela: porque non somos chineses. Porque non temos a súa capacidade de resposta, nin a súa disciplina para coas autoridades e as normas, porque non se tenhen por MÁIS LISTOS que ninguén. Ai, xá, pero é que na China non hai liberdade...e que liberdade hai para os que morren a ducias e a diario nas residencias, nesas residencias que todos conhecemos?
Nós, os virus, non queremos mortos pois deixan de ser portadores. É esa a liberdade que piden os deputados batucantes? Por que non aproveitan ese senso do ritmo e montan unha Batuco Tabanca ou unha comparsa en plan Carlinhos Brown? Está de moda a percusión tropical e o carnaval xa está aí e calquera sabe facer música de caldeiro. E, como cadra na conversa, están a erguer unha desas residencias na cidade e os virus xa temos praza reservada nela. Non hai caso." Aquí, aínda que pareza imposible, Xacobi calou.
Outro lastre, e moi pesado, con que carga este governo é o dos EX. Hai quen lhes chama BARÓNS, vexamos. Os Felipe, Guerra, Ibarra, Corcuera, Bono, etc., etc., etc., non paran, día si, día tamén, de tocarlhe o escroto a Sánchez e á Iglesias. Lembro no 82 a escena dos "descamisaos" no balcón. Por un lado Felipe, alias Isidoro, vestindo a chaqueta de pana por última vez. Polo outro Guerra, alias Fonzo "azote de la deresha" Lembro a Boyer, "el hombre araña", azote da abella de Rumasa que acabou en Faes, igual que o seu relevo Mario Vargas Porcelanosa, outra rémora. Estes eran algúns da "gauche divine". Levaron a cabo unha fonda reconversión que foi todo un éxito e a proba é que tanto Felipe como o Guerra reconvertíronse nun par de reaccionarios de tomo e lomo.
Por outra parte están os "destros", a saber: Aznar, Espe e os seus batracios, M. Rajoi (quen será este?) e o seu temible clan dos calvos ( Montoro, de Guindos, Wert, Margallo, Fernández Díaz ) e unha interminable resta de mediocres ("periodistas", "cantantes", "toureadores", famosetes, plumilhas, "presentadores", pinchadiscos e demais basculho). Todos estes tenhen un obxectivo común: o acoso e derribo do tandem Sánchez-Iglesias, que tanto fan perigar os seus negocios, a calquera prezo.
-"Vale, pero eu aínda non rematei -queixouse Xacobi dentro da minha moleira- Anda por aí un anuncio dun supermercado un tanto patético. Nel, unha xente mirando á cámara con cara de anoxo, din: "non vas a poder con nós!", reclamando a complicidade do potencial cliente. Como xogada de márqueting pode pasar pero totalmente contraproducente para loitar contra nós. A cousa remata co pseudopatriótico eslogan: "Vivamos como galegos !!!" E que non me venha o feote dicíndome que non lhe aganto a mirada porque daquela, apaga e vámonos !"
Chegados a este punto, Xacobi púxose a cantar aquela de "era un charro más bueno que el pan". Polo minha parte, eu seguín a cavilar no tema. Pensei en cando os presidentes autonómicos protagonizaban aquela algarabía estirando o pescozo para sobresair, criticando e puteando ó governo central e reclamando liberdade de acción. Cando esta lhe foi transferida quedaron coma o parvo coa tiza; sen saber que facer con ela e volveron reclamar a intervención do estado admitindo seren uns verdadeiros incompetentes e os que máis, os do partido desmantelador da sanidade pública en beneficio da privada; os dirixentes da dereitona asilvestrada. Daquela, os presidentes autonómicos sentíronse coma os virreis das Indias expalhando a pandemia da gripe polo Novo Mundo. E seguen. Ai temos a Feijó que só pensa na poltrona de Génova, coido que Casado xa está durando de máis.
Nesta tesitura, a dereita segue contratando insultadores ata a saturación. Ben podían fichar algún político para intentar botar unha man por unha vez e pasar xa do cabo Perejil, e o recluta Cazado que deixe de andar intrigando aquí e alá que non ten sentido do ridículo o tipo este. E remato. Soamente me quedan un par de preguntas:
Quen é o que non lhe mandou a multa a M. Rajoi por saltarse o confinamento en Madrid? Que dea a cara. Non é isto prevaricación? Por outro lado, que vacina te vas por? A chinesa, a rusa, a inglesa? Eu, a que mande o Estado, así me inxecten un microchip, que tamén os hai cunha imaxinació...! Hai quen mira demasiadas películas...Como se chamaba aquela..."viaje al interior del cuerpo humano" ou cousa así. Desde logo...!