Manuel Pérez Lourido
Vacinas
Despois do gordo de Nadal, virá o premio de que che toque unha dose da vacina do COVID. Agás as persoas que pertenzan aos grupos de risco, que teñen a vacina asegurada, os restantes supoño que entraremos todos nun bombo e que Deus reparta sorte. Claro que, con dez millóns de persoas vacinadas e que supostamente non se contaxiarán, redúcese bastante a posibilidade de contaxio. Só hai que ir tirando ata que nos colla unha segunda onda de vacinacións e xa, con moi mala sorte, unha terceira. Aposto a que haberá xente que rexeite ser vacinada e outra que teña que agardar máis do que desexaría para selo. Nunca chove a gusto de todos.
Os da miña xeración aínda levamos nun ombreiro unha cicatriz king-size como lembranza da vacinación contra a tuberculose (metéronnos o xerme Mycobacterium Bovis BCG, aí é nada). A alguén bastante chisposo escoiteille dicir que esa sinal era o noso contraste de calidade. A min sempre me pareceu que estabamos marcados coma as reses, pero bueno: sonche distintas formas de ver as cousas, hai xente moi optimista e despois están os agoiros coma min. Agardemos que non queden restos na pel da vacina do COVID-19 porque xa abonda cos que ficarán na alma, pois desta aventura non nos imos esquecer en moito tempo. Eu o día que poidamos saír á rúa sen buceira, voume poñer a dar brincos que me vou rir dos canguros. Isto de ter o sorriso clausurado, aínda o sorriso dos que sorrimos moi pouco, éche unha gaita.
Falando de sorrisos: hai uns días coincidín pola rúa cun par de tipos coa pinta que ten a xente que ten pinta de trapichear. O único detalle que non me cadraba é que os paisanos portaban cadanseu patinete eléctrico. "Cousas veredes", pensei para min, que son moito de pensar con citas cultas e tal que sei eu. E agora veño de ler na prensa que a policía nacional detivera a catro persoas sospeitosas de venda ao miúdo de haxis, marihuana e cocaína, que repartían a domicilio desprazándose, en que pensan? En patinetes eléctricos! Eran xente xa coñecida pola policía e blablabá, a noticia estaba en que en tempos de pandemia o que non bule, o que non é proactivo, vai apañado. E isto reza tamén para os delincuentes, se cadra para eles máis que para ninguén.