Tribuna Viva
Comunicado do Claustro do IES Valle Inclán de Pontevedra
O claustro do IES Valle Inclán de Pontevedra quere manifestar publicamente a súa opinión ao respecto da situación que se vive neste inicio de curso 2020-2021.
Os últimos meses do curso pasado estiveron marcados pola falta de información e de transparencia das administracións, que continuou ao longo de todo o verán e que se reproduce neste mes de setembro. Os bandazos á hora de artellar protocolos que permitan unha incorporación segura aos centros confirman a falta dun plan rigoroso e meditado. Todo se reduciu ao final a apelar á “autonomía" dos centros. Iso supón liberarse de toda a responsabilidade cargando de traballo a equipos directivos que teñen que tomar decisións moi delicadas en moi pouco tempo. A falta de previsión advertiuse claramente cando á consellería de educación non lle quedou outro remedio que adiar o comezo das clases.
Pero ademais esa suposta "autonomía" só funciona mentres non obrigue a dotar aos centros de máis profesorado. Cremos firmemente que a única solución que pon por diante a saúde e que garante unha educación presencial segura é a redución de ratios e a ampliación de cadros de persoal.
No IES Valle Inclán xa viña sendo preocupante nos últimos anos de recortes constantes a masificación das aulas e a redución do profesorado e do persoal que fai os labores de limpeza.
A insuficiente dotación de profesorado para o novo curso impide desdobres necesarios e aboca o alumnado de bacharelato ao ensino semipresencial.
Por iso o claustro do instituto quere denunciar o seguinte:
- A falta de previsión e a ausencia de información por parte das administracións educativas que motivou cambios constantes nos criterios de aplicación dos protocolos anti-covid.
- A falsedade que supón asegurar que se dotará aos centros de todos os recursos que fagan falta, cando é evidente que iso non se cumpre xa que o profesorado e o persoal de limpeza resultan insuficientes.
- O feito de darlle unha importancia relativa tanto á saúde como á educación do alumnado cando o que se prima é un criterio fundamentalmente económico.
- A desigualdade social que supón a semipresencialidade da docencia no bacharelato. Semella que estamos abandonando estes niveis. Vai provocar, sabémolo xa, o desvío do noso labor cara a recursos privados que non todas as familias poden asumir. E deixa ademais ao noso alumnado en clara desvantaxe a respecto doutros centros que si van ofertar o ensino presencial, cuestión que marcará en moitos casos o seu futuro académico.
- A superación das ratios (15-20 alumnas-os) recomendadas polos organismos internacionais. Temos aulas de 30 alumnas-os, con mamparas e sen a distancia de 1,5 metros que se recomenda como segura.
- A incorporación con moi pouco tempo de adaptación (mesmo coñecemento dos espazos físicos) do novo persoal docente nun momento en que o control de cada pequeno detalle semella importante.
- A perda das aulas específicas (música, talleres, laboratorios...). Iso supón a modificación de aspectos fundamentais no desenvolvemento de certas materias. É especialmente grave o caso da materia de Educación Física que non ten espazos suficientes para atender ao alumnado.
- A ausencia de regulación e planificación da teledocencia. O único que aparece claro é a imposición da presenza como usuaria da inspección educativa en todos os cursos das aulas virtuais dos centros.
- A falta de claridade e mesmo os atrancos para a atención ao persoal vulnerable e ao alumnado vulnerable.
- A fenda dixital que seguirá afectando ao alumnado. Porque é unha fenda social, sistémica, que non se amaña dotándoo sen máis de conexións á Rede. A escola pública e de calidade é unha das ferramentas fundamentais para paliar as desigualdades, pero se nos fan traballar en precario, perdemos esa capacidade.
- A falta de formación xeneralizada e de calidade do profesorado nos últimos meses. Esta carencia pretende solucionarse cun par de cursos que se impartirán cando se inicien as clases. De novo déixase en mans do voluntarismo persoal e da solidariedade das compañeiras-os a solución da fenda dixital que tamén nós padecemos.
- A falta evidente de previsión de novos confinamentos que requirirán medios técnicos e de formación con suficiente antelación.
- A imposibilidade de atender axeitadamente á diversidade. Aínda que nos esforcemos, con este modelo é imposible garantila.
- O aumento de tarefas de garda e custodia do alumnado a pesar de non haber incremento de persoal.
- A multiplicación de documentos e informes para unha inspección educativa que sospeitamos non os terá en conta, mentres non se apoia o noso labor fundamental que é o docente.
- A carga económica que sobre o orzamento do centro supón a compra directa de material anti-covid. Isto diminúe unha capacidade de gasto xa moi axustada nos últimos anos por culpa dos recortes.
Por todo isto cremos que, a pesar do esforzo do equipo directivo e do traballo deste claustro, non se garante a saúde do alumnado e as súas familias, do profesorado e do persoal non docente.
Queremos polo tanto manifestar aquí o noso firme rexeitamento da actuación da administración educativa.