Tribuna Viva
Plataforma PO-308
Dende esta Plataforma Veciñal queremos facer un recoñecemento ao noso Concello pola iniciativa, levada a cabo fai uns días, da limpeza dos farois do casco urbano de Combarro. Estes farois ata o de agora estaban ateigados de todo tipo de publicidade, que por ser empregados de forma inapropiada, reiterada e abusiva afeaban estes elementos urbanos, provocando unha imaxe de abandono e sucidade en todas as rúas.
Propoñemos, para que a mellora iniciada sexa máis eficiente, que se recuperen cunha man de pintura tódalas partes danadas, e a vez que se coloque, ben visible, o aviso da prohibición de volver pegar nada nos mesmos, baixo a probable sanción económica que este incumprimento carrexaría. Tamén queremos salientar outros traballos de conservación e mantemento feitos recentemente, como foi o pintado de pasamáns e bolardos que protexen e aseguran a mobilidade das persoas polas beirarrúas.
Sabemos que estes traballos consumen recursos económicos das arcas municipais, (innecesarios se fosen respectados) pero estimamos que os beneficios que se derivan para a cidadanía, compensan moito máis o esforzo e empeño posto na súa realización.
Desexamos que estes traballos de recuperación e limpeza se fagan extensivos a tódoslos lugares do Concello que o precisen.
Outro punto que chama a nosa atención son os taboleiros de aluminio, que xa fai un tempo se colocaron por todo o municipio (máis de 20), que deben ser empregados para a colocación dos anuncios de interese veciñal, así como para expoñer as ofertas de cultura, ocio, gastronomía e outras. A maioría destes reclamos están vinculados cunha data e hora concreta. Por este motivo e para un mellor aproveitamento do espazo a compartir, sería bo que as persoas ou entidades que os colocan tamén asumiran a responsabilidade de retiralos, unha vez pasada a data que propoñen ter en conta.
Se así se fixera acadariamos dous obxectivos, un, axudar a crear espazo libre nos taboleiros, e dous, posiblemente se evitase a utilización indiscriminada doutros lugares, inadecuados, para a colocación dos anuncios.
Ata o de agora son a chuvia e o vento os encargados de facer que, as capas superpostas de papeis, se convertan en pequenas velas que despois dun tempo voan e rematan no chan, emporcallando as beirarrúas.
Así mesmo, os membros da Plataforma PO-308 consideramos que o Concello de Poio, como destacado e habitual usuario destes espazos, debería ter unha actitude proactiva e de exemplaridade.