Tribuna Viva
A gran necesidade de apostar por un sistema público social forte
Somos Sanxenxo insiste na gran necesidade de apostar por un sistema público social forte que faga posible que os dereitos a unha vida digna se afiance na nosa sociedade.
A chegada do Covid fixo sair á luz moitas deficiencias, tanto a nivel institucional, económico, como social. Un modelo de país no que se foron privatizando a maioría dos servizos sociais destinados a mellorar a calidade de vida das persoas máis vulnerables, como as maiores e as dependentes; e cebándose dunha maneira especial naquelas cunha situación económica máis precaria.
Todos os anos, aparecen anuncios de traballo nos que as condicións laborais que ofrecen están fóra de lei, tanto en cuestión de duración da xornada laboral como da cuantía a percibir. Algúns publicados por persoas “explotadoras” e outros por persoas maiores que se ven na necesidade ou na desesperación, mellor dito, de buscar axuda como sexa e a un coste que lles permita sobrevivir, ao non dispoñer de servizos públicos dos que botar man.
Unhas ofertas que algunhas persoas rematarán aceptando dada a gran tasa de desemprego que existe neste concello (igual que en moitos outros), que ademáis presenta unha alta temporalidade estacional no emprego xerado, ao ser o turismo o seu motor económico principal e que, especialmente, este ano está sendo azotado de forma singular coa presenza do Covid.
Chamounos a atención un anuncio publicado na propia páxina do Concello de Sanxenxo, dúas veces consecutivas: coidado dunha persoa maior cunha xornada laboral de 17 horas no anuncio, (que cando chamas para interesarte polo traballo resulta que son 20h.) e cun soldo por debaixo do SMI.
Este tipo de anuncio debera acender todas as alarmas sociais: as dun concello que publica un traballo que supón unha explotación ilegal e inhumana, e as dunha administración que debera protexer aos máis vulnerables, como son as persoas anciás e as personas que viven en risco de pobreza extrema, que se ven obrigadas a ofrecer unhas e aceptar condicións de semi-escravitude cara poder sobrevivir.
Estamos ante unha sociedade anestesiada á que esto lle parece "normal": a fin dos dereitos fundametais, do dereito dunha vida digna e dos dereitos das persoas traballadoras.
Lonxe de culpabilizar a ninguén, hoxe só queremos chamar á reflexión aos distintos órganos de goberno das institucións públicas (municipais, autonómicas e estatais) da gran necesidade que hai de apostar por un sistema público social forte que faga posible que os dereitos a unha vida digna se afiance na nosa sociedade.
Hoxe sentimos unha inmensa desolación e tristura por unha sociedade da que formamos parte e que, coa axuda de todas e todos debemos mudar.
Moitas grazas.
Un saúdo, Mary Camiña. Voceira de Somos Sanxenxo